“O leite galego ten máis sólidos e por iso Entrepinares se asentou aquí e vai aumentar a recollida un 30%”

Entrevista a José Manuel García Bejines, director xeral de Queserías Entrepinares. A planta de Vilalba (Lugo), unha das máis importantes do grupo, prevé duplicar a súa capacidade coas obras de ampliación en marcha e a torre de secado xa está a funcionar en probas

“O leite galego ten máis sólidos e por iso Entrepinares se asentou aquí e vai aumentar a recollida un 30%”

José Manuel García Bejines, director xeral de Queserías Entrepinares

O grupo Queserías Entrepinares é un dos que máis forte está a apostar polo sector lácteo galego, cun investimento de 50 millóns na súa planta de Vilalba (Lugo), da que este ano sairán uns 17 millóns de quilos de queixo. As obras de ampliación, que lle permitirán duplicar a súa capacidade de produción, está previsto que finalicen en abril de 2020, e a torre de secado xa está a funcionar en probas.

Grazas ás boas perspectivas de mercado, Queserías Entrepinares prevé aumentar nun 30% a recollida de leite en Galicia entre este ano e o próximo. Un aumento de recollida que se fará tanto cos 150 gandeiros de vacún de leite cos que traballan actualmente en Galicia como con novas gandarías coa que prevén asinar contratos. Así o avanza nesta entrevista José Manuel García Bejines, director xeral de Queserías Entrepinares.

Que é o grupo Entrepinares e que produtos lácteos elabora?
O Grupo Entrepinares está formado por 5 centros produtivos, con 3 fábricas de queixos en Vilalba (Lugo), en Valladolidad e en Fuenlabrada (Madrid). Temos tamén un centro loxístico en Valladolid onde acopiamos e cortamos a maioría dos nosos produtos, e tamén contamos con torre de soro en Benavente (Zamora).

Fabricamos fundamentalmente queixos, sobre todo de tipo Manchego, tanto de ovella, cabra como de mestura. En Galicia fabricamos queixo untable e determinados queixos europeos, como o Havarti. Ademais, tamén traballamos os derivados lácteos, sobre todo soros e leite en po.

Producimos uns 60 millóns de quilos ao ano e contamos cun cadro de persoal dunhas 850 persoas. En total, este ano prevemos facturar uns 290 millóns de euros.

Recollemos leite a uns 1000 gandeiros, dos que 150 son gandeiros de vacún de leite de Galicia. Nesta comunidade prevemos recoller este ano uns 130 millóns de litros de leite, e en toda España uns 350 millóns de litros.

Sodes provedores únicos de Mercadona ou tamén traballades con outros clientes?
A nivel nacional traballamos só con Mercadona, pero tamén temos clientes de fóra de España, tanto de Europa, Estados Unidos, como en Latinoamérica e empezamos tamén a vender algo en Asia. De todos os xeitos, a exportación supón neste momento ao redor dun 3,5% das nosas vendas.

Somos interproveedores de Mercadona desde o ano 2000 e imos cumprir agora 18 anos de vinculación. A relación é moi boa, pois trátase dunha alianza estratéxica sólida que nos permite medrar de forma sustentable e ofrecer cada vez mellores produtos. Apostamos por este acordo e espero que nos próximos anos sigamos no mesmo camiño.

Como valorades a evolución da vosa planta de Vilalba?
Empezamos a construíla no ano 2009 e comezamos a producir nela a comezos de 2010. O percorrido é moi bo e neste momento xa fabricamos nela uns 17 millóns de quilos. É unha planta que está orientada fundamentalmente á fabricación de queixos de leite de vacún.

O proxecto de Queserías Entrepinares para Galicia é sólido e con previsións de seguir crecendo. Así, o ano pasado construímos unha torre de soro e para abril de 2020 queremos ter terminada unha ampliación da fábrica de queixos.

A construción da torre de soro vainos permitir traballar todo o soro producido na fábrica de Vilaba e fabricar tamén leite en po. E unha vez finalizadas as obras de ampliación da planta poderemos practicamente duplicar a nosa capacidade produtiva actual.

 “A torre de secado da planta de Vilalba xa está a funcionar en probas”

Cando empezará a funcionar a torre de secado?
A torre de soro xa está a funcionar, agora mesmo estamos na fase de arranque. O destino da torre é aproveitar o soro producido na queixería pero tamén está preparada para elaborar leite en po, tanto desnatado como enteiro. Ademais, temos un centro de mesturado dentro da planta que nos permitirá fabricar produtos específicos para determinados clientes.

Como vai aumentar a recollida aos gandeiros en Galicia?
Vai ser un aumento paulatino, de forma que se en 2017 recollemos uns 113 millóns de litros, este ano prevemos recoller 130 millóns de litros e para 2019 a previsión é chegar a 150 millóns de litros. E en función da evolución do mercado seguiremos incrementándoa, pero en principio todo parece indicar que o crecemento nos próximos anos vai ser importante.

“A ampliación da queixería de Vilalba vainos permitir duplicar a súa capacidade”

En 2017 estivemos a traballar cos nosos gandeiros para aumentar produción para que cada un se situase onde se atopase cómodo, e este ano si que estamos a incrementar o número de gandeiros. Por tanto, parte do crecemento virá por parte dalgúns dos nosos provedores actuais que precisan certo crecemento, e outra parte de novas ganderías.

Como é o sistema de pago aos gandeiros?
O noso criterio de prezo está baseado nos sólidos, co cal pagamos graxa e sobre todo proteína. E iso posibilita que os nosos gandeiros perciban uns prezos por riba da media. Tamén é certo que a calidade do leite que recibimos, tanto en extracto seco como en materia queixeira, é bastante superior á media.

Que tipo de leite demanda Queserías Entrepinares?
A media das gandarías que participan o proxecto CILAE (Entrepinares polo Ciclo Lácteo Eficiente) producen un leite cun 4% de graxa e ao redor de 3,45% de proteína. Trátase dunhas calidades que non se atopan facilmente noutras rexións de España. O gandeiro cobra un prezo por encima da media do sector e como industria permítenos ter un maior rendemento na produción de queixo.

A tendencia é a pagar o leite máis por graxa e proteína e menos por litros.

Ata agora a industria láctea en España estivo moi centrada no envaso de leite líquido, un produto de escaso valor engadido e cuxo consumo está a descender. Entrepinares é un exemplo de cambios na industria láctea española?
Hai que primar aos gandeiros na produción de leite con máis sólidos, porque iso nos permitirá ás queixerías elaborar queixo con menos litros de leite e ser máis eficientes.

Estades a traballar cos gandeiros coa mellora xenética?
Estamos agora mesmo cos nosos gandeiros nun proxecto para mellorar o rendemento do leite en proteína, e en 2019 esperamos empezar unha nova fase para profundar en que tipo de proteínas interésanos para segundo que tipo de queixos.

En canto ás razas, temos moitos gandeiros que traballan só con Frisoa e están a lograr uns niveis de sólidos moi importantes. Pero si é certo que hai outro tipo de razas que producen un leite máis orientado ao sector queixeiro. De feito, en Entrepinares xa empezamos a ter gandeiros en Galicia que están a apostar por razas para produción queixeira, como Jersey ou Montbeliard. Cada vez máis son os gandeiros que apostan por estas razas para producir leite con máis sólidos e que traballan de forma sincronizada co que demanda a industria. Creo que se chegará a un punto no que se elixirá a raza de vaca para producir leite destinado a elaborar determinados queixos.

“Entre este ano e o que vén imos aumentar un 30% a recollida e comprar leite a máis gandeiros” 

Xornada de Queserías Entrepinares en Vilalba cos seus gandeiros proveedores

Xornada de Queserías Entrepinares en Vilalba cos seus gandeiros proveedores

Que tipos de produtos lácteos están a ter máis demanda no mercado?
De momento non traballamos con elaboración de manteiga, senón que vendemos a nata sobre todo a granel. A suba do prezo da graxa está a permitir unha evolución á alza do prezo do leite.

Estamos a incrementar a recollida de leite grazas a que está a aumentar o consumo de queixos, e que compensa a caída do consumo de leite líquido.

En queixos detectamos un certo repunte no consumo de queixos tenros, quizais motivado en certa media porque son produtos de prezos máis baixos. En parte son queixos de importación doutros países de Europa.

Pero o crecemento de consumo prodúcese de forma sostida, aínda que non moi grande, en todas as categorías: tenros, semi, curados e untables.

De cara aos próximos anos, ¿Que proxectos tedes previstos?
De momento imos seguir centrados na produción en España. Os nosos principais proxectos son a construción da torre de soro e a ampliación da fábrica de queixos de Vilalba. En total, estamos a investir en Galicia uns 50 millóns de euros: 20 na torre de secado e 30 na ampliación.

Por outra banda, estamos a investir uns 27 millóns de euros na ampliación do centro loxístico de Valladolid.

Cando se suprimiron as cotas lácteas houbo certo temor a que a produción láctea en España se deslocalizara cara á contorna dos principais centros de consumo, e que rexións como Galicia, co 40% da produción española, visen reducido o seu peso. Compartes esa reflexión?
Creo que se está producindo xusto o contrario. A tendencia é a fabricar produtos con máis valor engadido, normalmente máis fáciles de transportar que o leite, e iso fai que as industrias se asenten en Galicia. Hai determinados movementos no sector que evidencian que a produción se vai quedar en Galicia.

 “A calidade de sólidos do leite está en Galicia e por iso asentámonos aquí”

Creo que a produción láctea en Galicia ten percorrido. Ademais, a calidade da materia prima galega e da profesionalidade dos seus gandeiros fai que teñan un plus respecto doutras rexións.

Hai pouco publicabamos un estudo que concluía que España é o estado da Unión Europea no que o leite ten menos proporción de sólidos. Queda moito camiño por percorrer na mellora do extracto seco do leite español de vaca?
Si, pero iso non pasa en Galicia. Cando se miran os datos por países é certo, pero a situación concreta de Galicia é dunhas calidades moi boas do leite e é unha rexión capaz de competir en calidade do leite cos países de primeiro nivel.

Influíu isto en Entrepinares á hora de elixir Vilalba para a vosa fábrica?
Por suposto. A tendencia do consumo está moi orientada cara a queixos tenros, que son moi intensivos en uso de leite de vaca. E a calidade e a produtividade do leite de vaca está en Galicia. Creo que ao final iso vai favorecer ao sector lácteo galego.

É recorrente a crítica de que os principais produtores europeos venden en España queixos a baixo prezo, e utilizan o mercado español como un sumidoiro. Tamén o detectades?
En certa medida España é o sumidoiro de queixo barato. Basta con acudir aos lineais dos supermercados e ver como os prezos máis baratos son de queixos procedentes de Holanda, Francia, Dinamarca, Alemaña…etc. Non se interpretar se está subvencionado ou non, pero si que son queixerías moi grandes, moi eficientes, cuns volumes de produción moi grande e cunha recollida próxima ás queixerías. Isto permítelles ser moi competitivos no mercado. Pero creo que eses baixos prezos téñenos en España e tamén no resto de países nos que venden.

 “Xa temos gandeiros en Galicia con rabaños só de Jersey ou de Montbeliard”

Entra nos vosos plans elaborar queixos con Denominación de Orixe ou ecolóxicos?
Non, a nosa vocación é elaborar queixos de consumo máis masivo. Tampouco temos previsto entrar por agora no mercado de produtos ecolóxicos. Si que estamos a traballar en novos produtos máis orientados á mellora nutritiva, con máis proteína e menos graxa.

Queserías Entrepinares é neste momento a queixería máis grande de Galicia. Cales son os factores que máis inflúen na competitividade dunha industria queixeira?
O principal é a eficiencia produtiva e tamén a innovación, de forma que se logre elaborar produtos distintos que enganchen ao consumidor. E por suposto unha calidade e seguridade alimentaria que se dá por feito e que debe ser a base. Produtividade, innovación e seguridade alimentaria son as claves.

Por último, ¿Que cambios ves que se aveciñan no sector produtor nos próximos anos?
Creo que indubidablemente vai haber unha concentración do sector produtor, con gandeiros que van converterse en practicamente industriais, profesionais cunha capacidade de produción moi alta. Cada vez menos gandeiros pero máis profesionais e máis produtivos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información