O leite galego perde o paso

Galicia é a comunidade autónoma que menos aumentou a produción láctea nos últimos 2 anos, segundo un informe da Coag. Tamén é a que experimentou a maior baixada do prezo desde o 2013

O fin das cotas lácteas, en marzo do 2015, colleu a Galicia cos deberes sen facer, sen unha estratexia conxunta do sector para decidir canto producir e para que. Os gandeiros, limitados durante décadas polas cotas, enfocáronse a producir máis, pero á hora de vender, atopáronse con que parte das industrias penalizaban o aumento das entregas e a maiores, apareceron problemas para garantir a recollida de todo o leite. Esa situación de desorde, cunhas industrias lácteas que non estaban preparadas para asumir un aumento da producción en Galicia, ten o seu espello nas estatísticas lácteas.

Un informe da organización agraria Coag revela que Galicia é a comunidade autónoma que menos aumentou a producción nos últimos dous anos (novembro 2013-novembro 2015). Os números reflicten a evolución das entregas desde que as granxas comezaban a prepararase para o fin das cotas, no 2013, ata pasado o ecuador da primeira campaña sen cupos. Nese periodo, as granxas galegas aumentaron as entregas un 4,8 % fronte á media estatal dun 7%. Destacan no aumento da producción comunidades como Castilla La Mancha, que medrou un 12%, Andalucía un 13% ou Navarra un 15%.

Andalucía aumentou as entregas un 13% desde hai dous anos. Galicia un 4,8%

As industrias, como temían organizacións agrarias e cooperativas, tomaron o rumbo de primar a recollida en zonas próximas ás grandes áreas de consumo, unha situación que leva a que Galicia perda o paso da carreira polo aumento da producción. As plantas transformadoras ubicadas na comunidade céntranse ademais principalmente ó envasado do leite líquido, unha gama de produto que tocou teito de consumo e vai en retroceso nos últimos anos.

entregas leite coag

Comparativa de prezos
Os aumentos de producción en toda Europa levaron nos últimos meses á saturación do mercado lácteo e a unha progresiva baixada dos prezos do leite no campo. Onde caíron máis os prezos? De novo é Galicia a comunidade máis penalizada, cun 26% de baixada dos prezos nos últimos dous anos, fronte ó 20 % da media estatal. Comunidades produtoras como Asturias experimentaron no mesmo periodo unha baixada do 16%, en tanto Andalucia e Navarra -as que máis aumentaron a producción- perderon respectivamente un 16 e un 15%.

Nos ciclos bos do mercado, o prezo en Galicia chega a ser equivalente á media estatal e mesmo superior, pero nos ciclos baixos, o mercado galego afúndese moi por baixo da media estatal. Non hai saída para o leite e casos como o da cooperativa Codegui, que desde este luns manda a súa producción para leite en po, ilustran o problema.

precios coag copia

De aquí ó 2020, a Comisión Europea vén augurando desde hai anos un aumento da demanda mundial de leite, pero circunstancias inesperadas como o veto ruso e a reducción das importacións chinas están a trastocar polo de agora o pronóstico, que animaba ós gandeiros ó aumento da producción.

Informe de entregas de decembro

O Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) fixo tamén público hoxe o informe de entregas correspondente a decembro do 2015. Os datos dos primeiros nove meses de campaña (abril-decembro) confirman a mesma tendencia apuntada polo estudo da Coag. A producción medrou de media en España un 5%, en tanto Galicia quédase no 2,8% de crecemento. Cómpre ter en conta tamén que en setembro as granxas galegas entregaron menos leite polo bloqueo das industrias e a obrigada folga de entregas, pero tendo en conta esa circunstancia, Galicia tamén quedaría por baixo da media estatal, cun 3,6% de aumento das entregas.

Outro dato. Nos primeiros nove meses da campaña 2014-2015, Galicia produciu o 38,8% do leite do Estado. Nos primeiros nove meses da campaña 2015-2016, o 37,9%. Correxido o dato de setembro, a cifra rondaría o 38,2 %. En definitiva, o leite galego perde peso.

En canto ós prezos, en decembro mantéñense cifras similares a novembro, con 31 céntimos de media en España e 28,8 en Galicia (0,1 máis que o mes anterior).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información