“O leite galego é o produto de gran consumo máis controlado e analizado do mercado”

Roberto Lorenzana Fernández é o director-xerente do LIGAL, o laboratorio interprofesional de maior dimensión de España. Falamos con el da mellora na calidade do leite en Galicia desde a súa creación hai tres décadas e do apoio que presta ao sector

Roberto Lorenzana, nas instalacións do Ligal en Mabegondo

Roberto Lorenzana, nas instalacións do Ligal en Mabegondo

O Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) é unha Asociación sen ánimo de lucro, creada en xuño de 1989, na que teñen presenza paritaria os representantes do sector industrial e produtor do leite de Galicia.

A actividade principal do laboratorio son as análises das mostras de leite cru para a determinación da súa composición e calidade hixiénico-sanitaria, sendo unha ferramenta fundamental tanto para o pago por calidade como para o Control Leiteiro.

O carácter multiservizo do laboratorio busca dar resposta ás necesidades do sector lácteo no seu conxunto, implementando desde a súa creación servizos adicionais como analítica de forraxes, calidade da auga ou identificación de patóxenos causantes da mamite.

O LIGAL analiza unha media de 10.000 mostras diarias

O número de mostras anuais realizadas cos equipos de alto rendemento do laboratorio ascende a 3,1 millóns, cun promedio por día de traballo no entorno das 10.000 mostras procesadas. Coñecemos máis en detalle o seu traballo.

– Cal é a función que xoga o LIGAL no sector lácteo galego?
– A función principal pola que se crea o LIGAL era dar unha resposta independente e transparente ás distintas partes, tanto aos produtores como ás industrias, pero co paso dos anos convertémonos nun laboratorio multiservizo e tentamos dar unha resposta o máis integral posible ao conxunto do sector lácteo galego.

A nosa actividade principal seguen sendo as analíticas do leite producido nas explotacións lácteas para o establecemento do pago por calidade diferencial. Un día de traballo normal no LIGAL analizamos no entorno das 10.000 mostras, sobre as que se obteñen case 80.000 resultados paramétricos que emitimos aos nosos clientes, principalmente gandeiros e operadores lácteos.

As nosas analíticas pódense dividir en dous grandes bloques: un sería a composición físico-química do leite (contido graxo, proteico, etc) e o outro o paquete de calidade hixiénico-sanitaria e de control de residuos no leite.

– Das análises do LIGAL depende en boa medida o prezo final do leite que cobran as explotacións. Poden estar tranquilos os gandeiros galegos da imparcialidade e fiabilidade dos resultados?
– Absolutamente. A imparcialidade está fóra de toda dúbida. O LIGAL créase no ano 1989 para dar unha resposta á problemática das mostras do leite, que até ese momento estaban só nas mans da industria, é dicir, para que a análise fose fiable, independente e trazable. Ademais, supuxo a incorporación do resto de parámetros do pago por calidade até ese momento non incluídos no sistema.  

O poder nos órganos de dirección desde a creación do LIGAL está repartido ao 50%. En consecuencia, para que algo sexa aprobado no seo da Xunta Directiva ou da Asemblea ten que ser apoiado polo 75% dos votos, o que leva a que ten que haber consenso entre ambas partes, unha parte non ten capacidade para impoñer ningunha decisión á outra.

Os gandeiros poden estar absolutamente tranquilos coa imparcialidade e a fiabilidade dos resultados

En relación á fiabilidade, boa parte dos nosos ensaios, non só a totalidade dos de pago por calidade, senón tamén moitos outros, están acreditados pola ENAC. Están referenciados a normas internacionais e este organismo, a Entidade Nacional de Acreditación, acredita que se fan as cousas correctamente. Iso é un indicativo claro da nosa aposta pola calidade e independencia e de que hai unha absoluta trazabilidade e transparencia nos procesos de análise.

– Os gandeiros quéixanse de que a toma de mostras e o sistema de custodia está en mans das industrias que lles recollen o leite. Hai garantías dabondas para o produtor?
– O sistema de toma de mostras está regulado por un Real Decreto de obrigado cumprimento, que di, entre outros aspectos, como hai que facer a toma de mostras nas explotacións e como teñen que ser transportadas ata os operadores. Desde a nosa óptica, o sistema funciona razoablemente ben, pero sempre pode haber algúns matices a mellorar.

De feito, estamos traballando sobre un novo bote e os automatismos internos asociados, que vai aportar novas garantías e información adicional que creo que nos vai permitir dar un salto cualitativo nese sentido.

Ao longo deste ano melloraremos o sistema de toma de mostras nas explotacións e a súa trazabilidade; teremos un novo bote que vai aportar máis garantías e información adicional

Levamos tempo traballando neste novo sistema e eu confío que a mediados de ano ou no terceiro trimestre poidamos implementalo, aínda que durante algún tempo coexistirán os dous sistemas. A súa posta en marcha vainos obrigar a facer cambios tamén no sistema automatizado de análise das mostras.

– Nalgunhas ocasións tense demandado un sistema de dobre mostra lacada, unha delas para o gandeiro, como existe por exemplo noutras comunidades. Por que non se implanta?
– É un sistema complexo. Está implantado en Castela-A Mancha, polo tanto, con moitas menos explotacións que aquí, onde estamos focalizados nos 6.000 produtores lácteos de bovino, mentres que alí traballan sobre todo con ovella e cabra.

No LIGAL aseguramos os procesos de análise das mostras que recepcionamos no laboratorio, non facemos directamente nin a toma de mostras nin o transporte ata os operadores. Como indiquei antes, estas fases están reguladas polo Real Decreto de referencia.

Pero non quere isto dicir que o LIGAL non actúe sobre elas. De feito. actuamos sen previo aviso ás partes por medio do servizo de inspección, tanto en paralelo sobre as rutas como no peirao de descarga na industria, verificando aleatoriamente os aspectos normativos de toma de mostra e control de temperatura de transporte. 

Calquera produtor que teña algún tipo de dúbida sobre o seu resultado analítico pode chamar ao LIGAL e nós actuamos de oficio sobre esa explotación tomando unha mostra de contraste

Dentro das rutinas de análise desas 10.000 mostras que se están analizando diariamente entre pago por calidade e Control Leiteiro temos un control estatístico en tempo real sobre as mostras. É dicir, a medida que se están facendo as análises estanse referenciando aos datos que temos da explotación para ver se se desvía significativamente ou non da súa poboación de referencia.

Ademais, calquera das partes pode chamar ao LIGAL se tivese algún tipo de dúbida sobre o seu resultado analítico e nós actuariamos de oficio sobre esa explotación tomando unha mostra de contraste para verificar se é coincidente coa poboación que temos do gandeiro dentro do laboratorio.  

A realidade é que un número moi reducido de produtores poñen en dúbida a praxe da toma de mostra e, tralas nosas actuacións a petición de parte, as diferenzas non son significativas respecto da práctica totalidade dos resultados de referencia. 

O Ligal conta con equipos de última xeración para as analíticas que realiza

O LIGAL conta con equipos de última xeración para as analíticas que realiza

– Ademais das mostras de leite, do total de mostras que analizades, cantas son de alimentación animal, calidade da auga ou sanidade animal?
– No último ano sumaron unhas 80.000 mostras en conxunto estes tres aspectos, das que boa parte delas son para a detección do patóxeno causal das mamites.   

– Fálanos un pouco dese papel de apoio prestado aos técnicos que traballan nas explotacións, por exemplo veterinarios ou nutrólogos.
– Son dúas áreas de traballo que temos máis aló do noso traballo rutineiro de análise do leite cru. Temos por un lado a liña de alimentación animal e por outro a de control de mamites. As ecuacións coas que traballamos para as análises de silos de herba, silos de millo e outras materias primas que entran na ración do gando foron desenvoltas nun traballo colaborativo xa iniciado na década dos 90 do pasado século co CIAM que segue na actualidade e responden á realidade da nosa produción forraxeira. Non pode haber unha alimentación de precisión se non hai precisión nos resultados analíticos, que son a base dos sistemas de nutrición, polo que estas melloras logradas grazas ao esforzo entre o centro de referencia en investigación agrogandeira e o LIGAL redundan nunha mellora da economía e rendibilidade das nosas explotacións lácteas. 

A identificación dos microorganismos causantes de mamitis por espectrometría de masas ofrece a máxima fiabilidade no resultado a un coste moi reducido

Na liña do control das mamites infecciosas tamén somos moi activos e facemos a identificación do patóxeno causal a través dun equipo de espectrometría de masas e non recurrimos a unha identificación visual simple, recomendando apoiar esa identificación nun antibiograma, que vai indicar cal é o antibiótico máis acaído para tratar ese patóxeno. É dicir, procuramos emitir informes completos que axuden á toma de decisión dos veterinarios clínicos.

– O control da mamite mediante a identificación do patóxeno causante a través dos antibiogramas pode ser unha ferramenta moi útil para a efectividade dos tratamentos. É unha práctica xa estendida no sector ou aínda é minoritaria?
– O sector está cada vez máis sensibilizado con este tipo de cuestións, non só os gandeiros senón tamén os técnicos que os asesoran. Evidentemente os veterinarios clínicos son os primeiros interesados en que os tratamentos que prescriben funcionen. Esa liña está trazada desde hai tempo, tanto por parte da Axencia Europea do Medicamento como por parte do propio Ministerio en España.

“A presenza de inhibidores no leite galego é residual”

Ligal Roberto Lorenzana2– Nos máis de 30 anos transcorridos desde a creación do LIGAL, como evolucionou a calidade do leite producido en Galicia?
– Houbo unha mellora sobresaínte en relación aos datos de partida. Pasamos dunha situación inicial a comezos dos 90 na que a metade das explotacións tiñan nalgún momento do ano recontos altos de células ou bacterioloxía á situación actual, na que a nosa calidade está ao nivel das principais rexións produtoras da UE, tendo ademais en conta que A Unión Europea é máis restritiva nos umbrais de calidade hixiénico-sanitaria do leite no contexto mundial.

A calidade físico-química responde ao tipo de acopio que quere facer a industria láctea das explotacións aprovisionadoras en relación, entre outros, ao contido en graxa e proteína do leite. Por outro lado está a calidade hixiénico-sanitaria, é dicir o reconto bacteriolóxico e de células somáticas.

A calidade hixiénico-sanitaria mellorou ostensiblemente, o que nos sitúa neste momento ao nivel das principais rexións produtoras de leite no contexto da UE

O sector lácteo leva moitos anos implicado na mellora continua da calidade hixiénico-sanitaira e do control dos residuos, adaptándose aos cada vez máis esixentes requerimentos normativos. Desde o ano 1989 no que se creou o LIGAL e se arrinca coas analíticas no ano 1990, a mellora na calidade hixiénico-sanitaria foi espectacular, cunha redución do reconto bacteriolóxico no 90% e á metade o do contido en células somáticas.

– En que aspectos habería que seguir incidindo ou mellorando?
– Extremar a boa praxe nas rutinas de muxido e as condicións hixiénicas de manexo dos animais e seguir mantendo moita atención aos requerimentos de enfriaxe do leite.

– Cres que debería facerse a nivel de granxa maior fincapé na mellora das rutinas de muxido e na formación do persoal encargado destas tarefas?
– É certo que cada vez hai máis problemas para contratar persoal para traballar nas explotacións lácteas e sobre todo persoal que teña os coñecementos e a formación previa, polo que hai un período de demora na súa adquisición. Sería necesario incidir nos aspectos formativos e tamén no control por parte dun responsable da explotación dos momentos críticos, e un deles é o momento do muxido.

– E en canto á presenza de antibióticos?           
– A mellora na presenza de inhibidores bacterianos, principalmente antibióticos, tense producido en paralelo á calidade hixiénico-sanitaria e hoxe falamos de niveis residuais. A mellora acelerouse sobre todo a partir da implantación no ano 2008 do protocolo de inhibidores.

O 100% das cisternas son analizadas desde o punto de vista dos parámetros hixiénico-sanitarios e de residuos de inhibidores do crecemento bacteriano no leite e tamén nas explotacións, nunha porcentaxe próxima ao 100%, se están analizando diariamente eses parámetros.

– Existe aínda marxe de mellora na utilización de antibióticos nas explotacións leiteiras?
– Hai que facer unha defensa da boa praxe na utilización de antibióticos en bovino de leite en comparación con outras especies. A mellora de novo é continua, todos os anos se avanza, pero é certo que cando chegas aos niveis residuais que temos acadado é máis difícil que baixen.

– Galicia conta con protocolos diferenciais de actuación ante resultados positivos de inhibidores do crecemento bacteriano no leite. Como funciona?
– O protocolo de autocontrol actualmente vixente remóntase ao ano 2007-2008. Noutras zonas de produción do Estado cando hai un resultado positivo comunícase á Autoridade competente e a actuación queda nas súas mans, o que implica a introdución dun certo factor de demora.

Nós somos máis rápidos, primando non ter o leite retido máis tempo do estritamente necesario. Para iso facemos unha actuación na explotación por medio do servizo de inspección do LIGAL que implica unha proba rápida ao produtor para ver se o novo leite que se está a muxir é apto e cumpre cos requerimentos de control de residuos e é válido para volver a ser integrado na cadea alimentaria. No caso de resultar negativa esta nova mostra, ese leite queda liberado para que poida ser entregado á industria. En caso de que resultase positivo, entón si que se bloquearía ese tanque e pasaría o procedemento a mans da Autoridade competente.

Os índices de positivos actuais a inhibidores xa son moi difíciles de mellorar

Ademais dos protocolos habituais tamén temos protocolos específicos reforzados en colaboración coa Administración. Un deles é o das quinolonas en leite e outro o de control da aflatoxina M1. Estamos moi sensibilizados con cuestións que afecten á seguridade alimentaria, intentamos ser proactivos para adiantarnos a posibles riscos emerxentes que poida haber, porque o peor que lle pode pasar a calquera sector é unha alerta grave de seguridade alimentaria, porque xa non será un problema puntual dunha explotación, senón que se converte nun problema do sector lácteo galego no seu conxunto.

– Nos casos que detectades, cantos son debidos a neglixencias ou malas praxes e cantos a descoidos?
– Ninguén entrega voluntariamente un leite que sabe que ten residuos de inhibidores. Eu estou convencido de que boa parte dos moi poucos resultados positivos que se están producindo a inhibidores do crecemento bacteriano débense a descoidos, por exemplo porque unha vaca que está a tratamento pasa ás rutinas de muxido ou porque non se cumpre estritamente o tempo de supresión.

– Cando o consumidor na súa casa bebe un vaso de leite, pode ter a certeza de que é un produto absolutamente seguro?
– Por todo o que comentamos e tamén complementados polas actuacións das Autoridades competentes, podemos asegurar que o leite é o produto de gran consumo máis controlado e analizado do mercado e, por extensión, do que os consumidores poden ter maior garantía de control e trazabilidade na súa produción.

Todo o leite de Galicia está controlado desde que se produce ata que se descarga nos centros de transformación dos operadores lácteos. As características propias da produción de leite, continua e diaria, requiren un importante esforzo neste sentido pero a nosa actividade dá como resultado este control e trazabilidade da cadea de produción de leite.

– Que papel xogou e xoga o Control Leiteiro na modernización e profesionalización vivida polo sector lácteo galego nos últimos anos e que aspectos consideras interesante introducir no Control Leiteiro para seguir afondando nesta mellora?
– O Control Leiteiro é un piar fundamental na liña de mellora das nosas explotacións lácteas ao poder ter monitorizadas as nosas ganderías a nivel de vaca individual, contribuíndo á mellora xenética e aportando información sobre a calidade sanitaria dos animais de produción.

Ademais, novos parámetros monitorizados sobre cada unha das nosas vacas abre novas liñas de traballo, algunhas están en desenvolvemento e permitirannos seleccionar aos animais en base á súa produción de metano, por exemplo.

– O LIGAL conta con tecnoloxía punteira. Podemos dicir que é un centro que está na vangarda a nivel europeo?
– Eu penso que si. Os nosos equipamentos, calibracións e desenvolvementos ad hoc están á vangarda e en consonancia coas liñas de traballo que se están seguindo nos centros de investigación dentro de Europa. Por exemplo, a relación entre dieta e calidade do leite ao conseguir extraer da analítica do leite a información sobre a orixe alimentaria; ou a pegada de CO2, medida pola compoñente de metano, que estamos empezando a desenvolver, en ambos casos en colaboración coa AGACAL-CIAM.

O LIGAL non deixa de ser un reflexo do que é o potente sector lácteo galego. Catro de cada 10 litros que se producen en España saen das nosas explotacións lácteas cara os operadores e estas unidades de produción representan o 56% das de todo o Estado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información