O estudo sobre a cadea de valor do leite envasado, elaborado a partir de datos do periodo 2018-2020, xa é público, pois o Ministerio de Agricultura vén de difundilo na súa web. A principal conclusión do informe é que a cadea de leite líquido a penas crea valor. Granxas, industrias lácteas e supermercados móvense entre marxes mínimos de beneficio e perdas, polo que tódolos eslabóns teñen que fiar moi fino.
As granxas, en concreto, móvense nun arco de marxes de -0,3 céntimos / litro e + 0,4 céntimos, en función dos seus custos e ingresos particulares. As industrias lácteas oscilan entre -0,10 céntimos e + 1,2 céntimos de beneficio, en tanto os supermercados son os que presentan un maior abano: entre – 6,7 céntimos de perda por litro e + 3,7 de beneficio.
As marxes negativas que o estudo lle atribúe ós supermercados líganse cunha queixa recurrente do sector gandeiro, o uso do leite como produto reclamo nas cadeas de distribución, que na súa guerra por captar clientes chegan a depreciar o leite ata o punto de vendelo con marxes negativas.
Marcas da distribución
Un 56,3% do leite envasado vendido en España corresponde a marcas de distribución e só o 43,7% restante ás marcas de fabricante. O estudo céntrase no leite líquido envasado clásico, é dicir, deixando fóra os leites funcionais (como o sen lactosa) e os leites enriquecidos, que en conxunto teñen un 25% de cota de mercado do leite envasado.
Gamas de prezos
O Ministerio de Agricultura tamén fixo hoxe público unha páxina web que recollerá mensualmente os datos de consumo e prezos do leite, a fin de posibilitar un seguemento estreito do mercado. Os datos de prezos apuntan a que un 40% do leite vendido corresponde ó treito que se sitúa entre 55 e 60 céntimos. Os seguintes treitos en cota son os que se sitúan entre os 70 e os 80 céntimos, que suman un 28% do total das vendas.
Durante o último ano, o prezo do leite líquido baixou un -0,4% (maio 20 – abril 21), se ben o conxunto dos produtos lácteos encarecéronse o 1,7%.
Consumo
En canto ó consumo, os datos de consumo do fogar do último mes computado (abril 2021), reflicten fortes caídas de consumo en relación a abril do 2020 (-12% en leite e -15% en derivados lácteos), pero non son datos comparables, pois daquela estaba pechada a hostelaría e os confinamentos provocaron un aumento do consumo de lácteos no fogar.
Con todo, hai gamas de produto que mesmo aumentaron vendas en abril deste ano comparando con abril do ano pasado. Foron o iogur sen lactosa, os batidos, os xeados, a crema catalana e o queixo fresco baixo en sal.