O leite co prezo máis alto en Galicia e España que en Europa: Remata unha “alegría” excepcional

O curto período excepcional no que o prezo do leite de vaca en Galicia e en España se situou por riba da media da Unión Europea xa rematou. Así o confirma o informe desta semana do Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea no que analiza os prezos do leite en orixe nos estados membros da UE.

Así, entre xaneiro de 2023 e xuño deste ano o prezo medio do leite en España caeu 11,17 céntimos, pasando dos 0,5816 euros o litro a 0,4699 do mes pasado. Desta forma, o diferencial coa media da Unión Europea baixa dos 2,42 céntimos de xaneiro de 2023 a 0,89 céntimos de xuño de 2024. No caso de Galicia xa estaría por debaixo da media da UE, xa que segundo os datos do FEGA, no mes de maio xa baixou en Galicia ata os 0,459 euros o litro, fronte aos 0,4594 da media da UE no mesmo mes. 

A “normalidade” dun prezo máis baixo do leite en España que na media europea vense atribuíndo á especialización da industria láctea española en produtos de menos valor engadido -leite líquido envasado, fundamentalmente- e á menor organización dos produtores para negociar prezos. 

PREZOS LEITE UE

O “espellismo” do prezo do leite en orixe máis alto en España que na media comunitaria comezou por primeira vez en xaneiro do ano pasado, cando acadou os 0,5816 euros o litro en España fronte aos 0,5574 da media da UE. Dende aquela estes prezos récord no campo foron baixando, pero a un ritmo maior no resto da UE que no caso español.

Este diferencial levou a un importante incremento das importacións de leite de de Francia -o diferencial chegou a ser de 11 céntimos por litro, o que lle rentaba ás industrias a traelo daquel país en cisternas- e motivou as queixas da patronal das industrias lácteas a FENIL, de que se estaba a poñer en risco a súa sustentabilidade económica, unha situación que, a vista das contas positivas das industrias que se van coñecendo, corrixiron con creces o ano pasado pola vía da baixada de prezos aos gandeiros e incremento do prezo de venda á distribución.

Sen embargo, e vistos os resultados de beneficios das industrias lácteas no 2023, a distribución moveu ficha para seguir asegudando a súa marxe de ganancias: o pacto tácito de non baixar o brick de leite dos 0,85 euros xa non se respeta e son varias as cadeas de distribución que empezaron a lanzar ofertas de leite a 0,80 céntimos e mesmo a 0,73 euros o litro, como o caso de Lidl.

A Xunta pídelle ás cadeas de distribución que non baixen o prezo do leite

Reunión da conselleira do Medio Rural con representantes da distribución

Reunión da conselleira do Medio Rural con representantes da distribución

Precisamente, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; reuniuse hoxe con representantes das principais cadeas de distribución que operan en Galicia para continuar colaborando na valorización e promoción dos produtos agroalimentarios galegos.

María José Gómez sinalou que esta reunión serviu para tratar un tema de importancia para o sector primario en concreto, e para a economía galega en xeral, como é o prezo do leite. Neste senso, explicou, “pediuse a colaboración das cadeas de distribución para que non se baixe o prezo do leite galego nos lineais”.

Sobre esta cuestión, resaltou que os gandeiros galegos producen un leite de “excelente calidade”, polo que ten que ter un prezo final de venda que asegure a viabilidade das súas explotacións e, en definitiva, do sector, cuns beneficios que lle permitan cubrir os seus custos. “É importante que o leite non sexa un produto reclamo nos lineais, algo que vén pedindo o sector gandeiro desde sempre, porque non se poden poñer ofertas cun alimento de primeira necesidade e de excelente calidade como é o leite”, destacou.

Desde a Consellería do Medio Rural xa se lle pediu á Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) que mantivese o leite nos valores actuais e que se reduza o diferencial con respecto a outras comunidades. Así mesmo, tamén se trasladou a esixencia ao Ministerio de Agricultura para que se respecte e se cumpra a Lei da cadea alimentaria para garantir o equilibrio na cadea de valor, como se vén pedindo desde Galicia desde fai tempo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información