O Laboratorio de Mouriscade engade parámetros exclusivos as súas análises e amplía oferta ós pensos avícolas e porcinos

O centro, ubicado en Lalín e dependente da Deputación de Pontevedra, posiciónase como o único de toda España capaz de proporcionar informes detallados de arredor de 50 materias primas e pensos

O Laboratorio de Mouriscade engade parámetros exclusivos as súas análises e amplía oferta ós pensos avícolas e porcinos

Instante da reunión mantida na Deputación de Pontevedra para informar sobre os avances na Finca Mouriscade.

O laboratorio Finca Mouriscade, situado en Lalín e dependente da Deputación de Pontevedra, agarda converterse nun referente europeo en analítica nutricional para o sector primario despois de que se alcanzaran dous acordos  cos laboratorios Dairy One e Evonik. “Será o único en Europa capaz de ofrecer analíticas NIR dun nivel tan alto, cunha amplísima variedade de parámetros exclusivos para o gando vacún, o porcino e a avicultura”, anunciou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na última reunión do comité de seguimento, constituído meses atrás dentro do Plan de Dinamización de Mouriscade emprendido pola institución provincial.

O avance prodúcese tralo acordo alcanzado para acceder ás bases de datos dos dous laboratorios, o que convirte a Mouriscade nun centro punteiro e engade o control nutricional das cabanas porcina e avícola ao vacún, algo que xa viña facendo o centro do Deza, pero agora incrementado con novos parámetros. “A confluencia de análise para ruminantes e monogástricos, xunto ao amplísimo abano de parámetros nutricionais exclusivos que se van medir, colócanos como unha referencia internacional”, incidiu a presidenta. O laboratorio poderá tamén facer análises para outras especies como pavos e peixes.

Será o único laboratorio nacional no que analizar en torno a 50 materias primas e pensos para polos de engorde, poñedoras, pavos, porcos e peixes

O acordo co laboratorio alemán Evonik é pioneiro en España polo seu elevado nivel de medicións. A Finca será a única de todo o Estado en analizar en torno a 50 materias primas e pensos para polos de engorde, poñedoras, pavos, porcos e peixes. Mouriscade poderá valorar así parámetros nutricionais dos principais nutrientes e determinar o cálculo de enerxía, aminoácidos, calidade de procesado e ácidos graxos.

Esta colaboración coa empresa tamén permite avaliar o contido de ata 51 ácidos graxos en 16 ingredientes de pensos, unha opción única a nivel mundial xa que Evonik é o único laboratorio de Europa que fai as calibracións necesarias para ofrecer este servizo. “É un dos piares do noso gran diferencial”, explicou a presidenta provincial.

Prezos das análises

O custo do servizo, xa aprobado na Xunta de Goberno da Deputación, vai dende os 12 euros para a análise de ácidos graxos, 15 para a análise proximal e cálculo de enerxía, 42 para aminoácidos e 45 euros para os indicadores de calidade de procesado térmico e factores antinutricionais en fontes proteicas  para alimentación animal.

O acordo con Dairy One permite ofrecer o servizo NIR Plus. “Realizaranse análises de ensilados e racións Unifeed, como ata agora, e a maiores incorporaranse ao seu catálogo de matrices a gran maioría das forraxes destinadas á alimentación de rumiantes”, comentou Carmela Silva.

Nas analíticas de forraxes e racións Unifeed engadiranse indicadores como a dixestibilidade da fibra e do amidón, calidade de proteina, azucres ou a conservación do ensilado

Os certificados de ensaio emitiranse cun significativo aumento de parámetros incorporando aos informes NIR importantes indicadores como a dixestibilidade da fibra e do amidón, calidade da proteína, azucres, macrominerais, ácidos graxos e calidade de conservación de ensilados. Pese á mellora, as tarifas NIR Plus redúcense, xa que pasan dos 18 euros actuais a 15. “É unha importante rebaixa”, valorou a presidenta.

A mandataria provincial resaltou tamén que os acordos “minimizan o tempo de emisión de resultados e aumentan a capacidade para procesar un gran número de mostras con menos costes por analítica”. Ademais reducen os residuos xerados e o consumo enerxético. “A fiabilidade nos resultados está  garantida, pois ambos provedores NIR son organizacións de referencia con gran experiencia nas calibracións a partir de procedementos de análise oficiais suxeitos aos máis estritos controis de calidade”, engadiu.

Outras melloras no laboratorio

Aos acordos súmanse outras accións no laboratorio das que deu conta a presidenta. Así, a Deputación optimizou os procedementos de análise físico-químicos e microbiolóxicos, renovou a acreditación ENAC das técnicas de análise e lanzou unha aplicación móbil para consultar os resultados das analíticas e obter os certificados. Tamén se adquiriron balanzas e cámaras de incubación de microbioloxía, e dotouse á planta de biogás de conectividade á rede de datos para monitorizar a información xerada nesta instalación. Estas melloras supuxeron un investimento próximo aos 100.000 euros en 2021.

Implantación de embrións

Na xuntanza tamén se puxo ao tanto ós participantes do estado do programa de transferencia embrionaria da finca despois de que a finais de 2020 e no primeiro semestre de 2021 a Deputación adquirise 60 embrións a tres empresas, e foron todos eles implantados. Ata agora acadáronse 30 preñeces e naceu unha tenreira, que é filla de BWH Channel CMP ET anterior número 1 por ICO e actual nº 7. “Continuaremos con esta aposta pola xenética, e para iso temos xa previsto no próximo orzamento un investimento similar para o ano  2022, entre 40.000 e 50.000 euros”, explicou.

Por outra banda, Carmela Silva informou de que xa está comprado o laboratorio móbil, pendente de subministro pola problemática internacional de subministros nos chips de automoción. Tamén se retrasou, por razóns sanitarias o inicio das visitas á finca por parte de centros universitarios, colectivos do sector e centros de Formación Profesional. Con todo, xa comezaron as primeiras visitas, como a realizada hai unhas semanas por parte de gandeiros e técnicos de nutrición animal para comprobar in situ os resultados dos ensaios de cultivo de millo forraxeiro que se están a desenvolver en colaboración con Limagrain Iberica.

Proxecto Next Generation 

A presidenta adiantou que a Deputación está a traballar “nun potente proxecto en colaboración con varios socios internacionais para o tratamento de puríns” para optar aos fondos europeos Next Generation. “Mouriscade era unha das entidades máis descoñecidas desta administración fóra do territorio do Deza, e grazas ao Plan de Dinamización estamos a converter a finca nunha referencia internacional”, reivindica.

Silva avanzou ademais que preparan xa unha programación especial de cara o vindeiro ano con motivo da celebración dos 50 anos de traxectoria da Finca ó servizo do sector gandeiro. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información