O IV Congreso de Alimentación Animal reunirá en Santiago aos principais expertos mundiais do sector

O programa do congreso céntrase en tres grandes áreas: sustentabilidade, aplicación da normativa e sistemas de control. Celebrarase os días 18 e 19 de novembro

O IV Congreso de Alimentación Animal reunirá en Santiago aos principais expertos mundiais do sector

Os cereais son a base dos pensos

Expertos de referencia mundial no sector da alimentación animal reuniranse en Santiago de Compostela no marco do IV Congreso de Alimentación Animal. Sustentabilidade, sistemas de control e aplicación da normativa, organizado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (AGAFAC), a Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA).

Este foro desenvolverase durante dúas xornadas, o 18 e 19 de novembro, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.

O Congreso desenvolve un amplo programa de conferencias de interese para o sector da alimentación animal e afíns, que se divide en tres grandes áreas: en primeiro lugar, os aspectos crave do modelo sustentable en Europa e España do sector da alimentación animal; un segundo bloque sobre o control da seguridade alimentaria e os actuais sistemas sectoriais de control do sector da alimentación animal, así como a xestión das posibles alertas alimentarias; e, como terceiro eixo temático, as claves para a aplicación das últimas novidades normativas que incumben ao sector.

20 relatores de talla mundial

Expertos de talla mundial presentarán as principais novidades en canto aos modelos sustentables e a
aplicación normativa no sector da alimentación animal, así como o adecuado control e xestión de alertas alimentarias, expoñendo os sistemas sectoriais de control da seguridade alimentaria existentes en España.

Máis de 20 expertos conforman o cadro de relatores do congreso, entre eles Alexander Döring, secretario xeral da Federación Europea de Fabricantes de Alimentos Compostos para animais (FEFAC), que abordará as Claves de futuro do sector da alimentación animal; Carlos Buxadé Carbó, catedrático da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos (ETSIA) da Universidade Politécnica de Madrid (UPM), que expoñerá Os retos da gandería en visión 2050; Katrien D´hooghe, Managing Director de OVOCOM, que explicará o Sistema de seguridade alimentaria OVOCOM: control das materias primas para alimentación animal en Bélxica; Leonor Algarra, Subdirectora Xeral Adxunta da Secretaría Xeral de Medios de Produción Gandeiros da Dirección Xeral de Produción e Mercados Agrarios do MAGRAMA, que desenvolverá un relatorio sobre a Nova proposta de pensos medicamentosos, ou Daniel Menéndez, Inspector Veterinario da Food and Veterinary Office (FVO), que debullará a Aplicación da normativa na Unión Europea.

A inscrición está aberta ata o vindeiro mércores, 4 de novembro, e pode realizarse a través da propia páxina web do Congreso (http://www.congresoalimentacionanimal.com/inscripcion/).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información