“O INORDE ten unha proximidade aos problemas cotiáns de agricultores e gandeiros de Ourense que non teñen outras administracións”

Entrevista a Rosendo Fernández, presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico – INORDE, centro dependente da Deputación de Ourense que está a desenvolver un papel clave nas últimas décadas no impulso da actividade agrogandeira na provincia

O presidente do INORDE , segundo pola esquerda, na visita a unha finca de ensaio de pataca na Limia

O presidente do INORDE , segundo pola esquerda, na visita a unha finca de ensaio de pataca na Limia

Rosendo Fernández é o presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico – INORDE, centro dependente da Deputación de Ourense que está a desenvolver un papel clave nas últimas décadas no impulso da actividade agrogandeira na provincia.

Con el falamos dos servizos que lle ofrece aos agricultores e gandeiros e dos numerosos proxectos de investigación e de apoio ao sector agroalimentario nos que participan.

¿Que é o INORDE e que destacaría do seu labor para o desenvolvemento do sector primario na provincia de Ourense?
O Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico – INORDE, é un organismo autónomo local de natureza administrativa, dependente da Deputación Provincial de Ourense, creado en 1987, con personalidade xurídica propia.

O seu obxectivo é a promoción e desenvolvemento económico da provincia de Ourense, tendo en conta aspectos ambientais e sociais que contribúan ao desenvolvemento sustentable.

Quizais a principal baza coa que conta o INORDE no seu labor de desenvolvemento do sector primario é a cercanía no traballo de asesoramento e asistencia técnica que presta, tanto a nivel de agricultura-forestal como de gandeiría. Un traballo constante e continuado ao longo de xa fai máis de vinte anos, tentando dotar aos principais artífices do sector, os agricultores e gandeiros, de novas ferramentas, modernas e tecnificadas que os axuden a facer fronte as novas esixencias que os mercados lle requiren.

O INORDE aporta á provincia dende laboratorios de corte agrario (acreditado pola ENAC para análise de chans e é o único acreditado en España para o nemátodo da pataca), á fincas de recuperación de razas autóctonas, pasando por experiencias de campo, formación a medida, modernización do sector mediante proxectos conxuntos con entidades como a EOI, experiencias transfronteirizas, defensa dos productos autóctonos e en xeral, asumir como “leitmotiv” o tentar aportar axuda en todas aquelas cuestións que lle poidan xurdir aos profesionais dun sector tan necesario como esquecido polo público en xeral.

-¿A canto ascende o seu orzamento, rede de centros e o cadro de persoal e cales son as súas principais áreas de actividade?
O orzamento do Inorde ascende a 2.110.000 €, é un dos máis abertos e susceptible de modificacións. A maior contribución económica é a que fai a Deputación de Ourense, e depende dos convenios con outras administracións, como a Consellería de Medio Rural, Consellería de Traballo, Axencia de Turismo de Galicia, aluguer de estacións de FFCC e fondos europeos.

Polo que respecta ao cadro de persoal, é o seguinte: 1 técnico superior , 1 técnico medio de administración especial , 4 técnicos medios de administración xeral , 3 administrativos , 3 auxiliares administrativos , 1 ordenanza , 1 veterinario , 2 técnicos medios de laboratorio e 2 peóns

As principais áreas de actividade son :

– Xestión de proxectos da UE.
– Xestión e dinamización de actividades turísticas.
– Apoio ao sector agrícola, gandeiro e forestal, realizando formación, asesoramento e investigación no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro. (I+D+i agraria e forestal)
– Programa de recuperación de Razas Autóctonas.
– Colaboración cos concellos da provincia para a promoción dos seus productos autóctonos.
– Dinamización da iniciativas empresariais.
-Cooperación empresarial para a promoción dos productos locais.

O INORDE ademáis da súa sede en Ourense na que se coordinan todas as cuestións administrativas, orzamentarias e se artellan os proxectos de cooperación comunitaria, entre eles os relacionados co mundo rural; conta co Centro de Desenvolvemento Agrongadeiro en Xinzo de Limia no que se encontran os laboratorios de analises de solos, abonos orgánicos, calidade de producto e determinacións fitopatolóxicas; ademáis de dito centro depende a rede de campos de ensaio (Finca Antela, Finca Monterrei e pequenas experiencias repartidas pola provincia).

 “O INORDE ten unha proximidade aos problemas cotiáns de agricultores e gandeiros que non teñen outras administracións”

No concello de Nogueira de Ramuin o INORDE mantén a finca Armariz onde se realizan o groso dos traballos do Programa de Recuperación de Razas Autóctonas gracias ao cal, os gandeiros de Ourense poden dispoñer de exemplares certificados das principais razas de gando, ademáis de asegurar o mantemento da rica biodiversidade provincial evitando así a perda de ditas razas animais.

-A Xunta de Galicia xa ten competencias en materia de fomento do sector agrogandeiro e forestal. ¿Non existe un solapamento entre as dúas administracións? ¿Como valora a colaboración coa administración autonómica?
O sector primario ourensan é tan amplo, en extensión, en axentes implicados e sobre todo en oportunidades, que hai espazo de traballo para todos e todas. O INORDE neste caso pode presumir de proximidade, é dicir o INORDE é capaz de chegar máis aos problemas cotiáns dunha explotación que administracións máis grandes que teñen asumidas as tarefas de realizar axustes nas macromagnitudes que regulan o sector.

Por outro lado, a colaboración coa administración autonómica é moi boa, de feito o Programa de Recuperación de Razas Autóctonas, é froito do convenio asinado coa Consellería de Medio Rural, como foi o Proxecto Castaña entre outros. E xa a outro nivel, é importante mencionar que os contactos entre o persoal técnico de ámbalas dúas administración é excelente.

De todos os xeitos, indicar que o INORDE neste sector que nos ocupa, tamén pode presumir de boas relacións con outras administracións. Así, non hai moito que se rematou o proxecto Rexenera Limia en colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e as colaboracións coa EOI antes mencionada son proba fehacente da capacidade que ten o INORDE para asociarse con outras administracións á hora de perseguir a mellora do tecido productivo agrario provincial.

-¿Cales son os principais programas do INORDE de apoio ao sector agrogandeiro e forestal da provincia?
O INORDE mantén a través do Centro de Desenvolvemento Agrongandeiro, un programa de analíticas de solo para as terras da provincia, a través do cal se realizan de xeito gratuito preto de 4000 analíticas por ano, conxuntamente co cal se ofrece aos agricultores outro tipo de determinacións como analíticas de abonos orgánicos e estercos, análises foliares, de calidade de productos ou de afeccións fitopatolóxicas; todos eles acompañados dun asesoramento técnico constante.

“O INORDE realiza de xeito gratuíto preto de 4.000 analíticas de solos ao ano para os agricultores de Ourense”

Tamén a través de dito centro, todos os anos (a excepción do presente pola Covid-19) se deseña un programa formativo provincial conformado tanto por cursos impartidos en distintos concellos, como prácticas para estudantes de FP ou Universidade, colaboracións en traballos de fin de carreira e masters, charlas a asociacións, colexios …etc.

Xa en relación coa gandeiría na finca Armariz e grazas ó Programa de Recuperación de Razas Autóctonas, o INORDE, está a surtir aos gandeiros ourensáns de exemplares de Porcos Celtas, Ovellas Galegas, Cabras Galegas ou Pitas de Mós. Tampouco quero pecar de modestia e por tanto debo mencionar que grazas a este programa o INORDE está axudando a que estas razas tan nosas, non se perderan e poidamos disfrutar hoxe en día da riqueza que supón contar na nosa cabana gandeira con razas diferenciadas e polo tanto de alto valor engadido.

Pero cmo neste mundo no que nos movemos non todo é facer se non que tamén é moi importante vender, o INORDE continúa con carácter anual cun programa de visibilización do agro ourensán, este programa, iniciado dentro do marco do proxecto europeo Promercado, baséase na organización, mantementeo e/ou asistencia a feiras de mostras, xornadas de exaltación e todo tipo de actos relacionados coa potenciación dos productos agrícolas, gandeiros ou forestais da provincia.

Por outra parte, destacar o Convenio asinado con Cáritas Diocesana de Ourense, o principal obxectivo é dotar de coñecementos en agricultura a persoas en risco de exclusión social, co fin de que poidan integrarse no mundo laboral, é unha formación eminentemente práctica centrada naqueles cultivos de maior relevancia na zona.

Cerca de 1,5 ha. de cultivo resérvanse na finca de ensaios a tal fin, unha hectárea á pataca e media ha. á horta, coa peculiaridade de que toda a producción obtida se destina ou dona á Caritas, co fin de axudar as persoas máis desfavorecidas da provincia.

Tamén debo citar o traballos que dende o departamento de fondos europeos do INORDE se realiza para captar programas de axuda que permitan modernizar e avanzar ó sector cara os estándares europeos de máxima calidade.

O pressidente do INORDE, primeiro pola esquerda, na visita a Finca Armariz

O pressidente do INORDE, primeiro pola esquerda, na visita a Finca Armariz

-¿Podería avanzar algúns dos novos proxectos nos que está a traballar o INORDE?
No presente ano dende o INORDE centrámonos en tres grandes proxectos vinculados co sector agroindustrial:

– SOILDIVERAGRO: (Horizon 2020) proxecto a tres anos realizado en colaboración coa Universidade de Vigo a través do Campus de Ourense e con máis de 13 socios repartidos pola xeografía europea. Con este proxecto, de corte eminentemente experimental preténdese acadar os fundamentos científicos que permitan deseñar xeitos novos de manexar as explotaciósn agrícolas na busca de acadar unha conservación máxima do medio natural e da biodiversidade sen que por iso diminúa nen un ápice o necesario rendemento das explotacións. Ademais con este proxecto téntase atopar novas solucións a vellos problemas realiconados con pragas de cultivo e xestión de usos do solo.

– CIRCULAR LABs: (Programa Interreg VA) proxecto de cooperación transfronteiriza España – Portugal, realizado en colaboración coa Fundación EOI FSP e socios de Castela e León e Portugal. O obxectivo principal deste proxecto é integrar a economía circular en novos modelos de negocio, habilitando espazos para a creatividade, xeración de ideas e adaptación ao cambio que contribuan a acelerar a transición do modelo “lineal” ao modelo “circular” baseado na eficiencia no uso dos recursos, traballo colaborativo, formación, uso das TIC e tecnoloxía 3D.

– RED_AGRICONECT 4.0, (Programa Interreg VA) proxecto de cooperación transfronteiriza España – Portugal, realizado en colaboración coa Fundación EOI FSP e socios de Extremadura, Alentejo-Centro e Norte de Portugal. O obxectivo deste proxecto é impulsar o proceso de adaptación das empresas agroindustriais aos cambios que impón o novo entorno dixital , como medio para asegurar a súa competitividade e capacidade comercializadora y exportadora, a través do asesoramento persoalizado e formación virtual.

Os obxectivos específicos deste proxecto son: a dixitalización de empresas agroindustriais da provincia de Ourense; evolucionar nas súas formas de traballar, nos procesos produtivos e modelos de negocio; desenvolver as capacidades dos seus profesionais; abrir novas vías de relación co cliente e mellorar os resultados; xerar producción máis flexibles; personalizar productos; optimizar a toma de decisións; xerar novas oportunidades de negocio; acceder a novos mercados; crear redes de colaboración empresarial a ambos lados da fronteira.

“Co proxecto RED_AGRICONECT 4.0 estamos a impulsar a transformación dixital das pemes agroalimentarias da provincia”

-¿Que beneficios lle pode aportar ese último proxecto, o RED_AGRICONECT 4.0, ás empresas agroalimentarias da provincia?
Ofrece un servizo gratuito de asesoramento a pemes agroindustriais para impulsar a súa transformación dixital. Consiste en:

-15 horas presenciais e 2 horas en remoto.

-Autodiagnóstico de dixitalización coa ferramenta HADA.

-Un plan de transformación dixital.

-Acompañamento na posta en marcha real do plan.

-Curso online gratuito en transformación dixital para xestores e técnicos.

-Sinerxias entre pymes e micropymes do sector agroalimentario relacionadas coa transformación, comercialización e loxística.

-Busca de solucións tecnolóxicas innovadoras a problemáticas que se lle plantexen á empresa.

-¿Que requisitos deben reunir para optar a este programa e como poden inscribirse?
Para optar ao programa a empresa debe pertencer ao sector agroindustrial, dentro da provincia de Ourense.

Para inscribirse é requisito imprescindible cubrir o formulario no seguinte enlace: https://agriconect.eu/index.php/es/inscripcion

Pero dende o INORDE tamén xestionamos proxectos doutra índole:

– CTC LIMIA-LIMA-CÁVADO (Programa Interreg VA) proxecto de Cooperación Transfronteiriza España – Portugal. O principal obxectivo é o desenvolvemento do territorio a través da cooperación transfronteiriza, dando continuidade á estrutura da Comunidade Territorial de Cooperación Lima-Limia-Cávado tras a súa longa experiencia de traballo en común para a implementación de actividades de apoio ao desenvolvemento económico e territorial do espazo transfronteirizo.
Consolidar estratexias transfronteirizas de cooperación entre diversos actores que operan no territorio.

– CAMINOS: Caminos Jacobeos del Oeste Peninsular (Programa Interreg VA) proxecto de Cooperación Transfronteiriza España – Portugal. Obxectivos:
 Traballar na mellora dos Camiños Xacobeos do Oeste peninsular,
 Potenciar o seu carácter transfronteirizo,
 Mellorar os equipamentos,
 Uso de tecnoloxías,
 Mellorar a sinalización,
 Poñer en valor o patrimonio histórico, cultural e natural do territorio e
 Contribuír ao desenvolvemento sostible do mesmo.

– KEEP ON: Políticas eficaces para proxectos duradeiros e sostibles no sector do patrimonio cultural (Programa Interreg Europa) proxecto de Cooperación Interterritorial.
Obxectivo: Mellorar as políticas públicas en materia de patrimonio cultural para o desenvolvemento de proxectos de alta calidade, que permitan resultados sostibles coa utilización razoable de fondos públicos, e que teñan un impacto duradeiro no desenvolvemento rexional.

Cada un dos países participantes escolle un Instrumento de Política para tratar de mellorar o seu efecto, implicando aos axentes e institucións que tomen parte na elaboración e xestión desa política.

 

“O sector agrogandeiro de Ourense é o que mellor está a resistir a crise provocada pola Covid19”

O INORDE mantén un convenio de colaboración con CÁRITAS Ourense para cederlle a produción da súa finca de ensaio da Limia

O INORDE mantén un convenio de colaboración con CÁRITAS Ourense para cederlle a produción da súa finca de ensaio da Limia

-¿Como valoraría a situación do sector primario en Ourense?
Revela o Observatorio Económico Ourensán no seu estudo sobre o impacto da crise do COVID-19, que neste período creceu o número de empresas un +3,40% e traballadores un +1,77% no sector primario, é unha situación que non se produce en Galicia nin en España. En definitiva, durante a primeira ola da pandemia o sector primario en Ourense foi o que máis resistiu.

Neste periodo de crise, o INORDE estivo ao lado dos sectores produtivos, como é o caso do sector primario, o campo ourensán, un músculo importante e imprescindible dentro do noso entramado produtivo, onde contamos por centos os agricultores profesionais como para desenvolver o seu traballo nas condicións máis adversas. Os homes e mulleres que o poñen en marcha tódalas mañáns, son capaces de plantarlle frente a unha pandemia, a incertidume de cómo se comportará un dos seus principais clientes (hostalería), a un desequilibrio nos canles de distribución, a unhas normativas cada vez máis duras e esixentes en relación á seguridade alimentaria…¿Cómo podemos axudalos? falta que os consumidores empecemos a defender o noso, o producto de cercanía, de proximidade, o traballo dos nosos veciños, e consumamos produtos ourensáns. Porque se o sector é capaz de producir a máxima calidade, si que está atopando moitas dificultades en darlle saída nesta situación na que nos atopamos.

Ourense é a provincia galega máis afectada polo despoboamento do rural, o abandono de superficie agraria útil e, consecuentemente polos lumes forestais. ¿En que considera que se fallou nas últimas décadas, malia as cuantiosas axudas europeas recibidas, e que medidas considera que se debería pór en marcha para frear este proceso?
Se ben é certo que a Unión Europea aportou axudas para o sector primario, porque só nos acordamos del ó falar deste tipo de fondos, ou ¿os outros sectores non recibiron comparativamente máis axudas?

Nunha provincia como Ourense co peso social e económico que supón este sector as axudas non foron tan esaxeradas, e si ben Ourense é unha provincia moi afectada polo despoboamento, certo é tamén que conta con catro denominación de orixe vitivinícola, o 90 % da IXP Pataca de Galicia, dúas IXP de Pementos, unha forte contribución a IXP Mel de Galicia , a IXP Pan de Cea, maís da metade dos castiñeiros acollidos á IXP Castaña de Galicia, a parte que lle toca a nivel gandeiro en Tenreira de Galicia e de seguro que me esquezo dalgunha marca de calidade. Ourense conta coa Limia e as súas máis de 25000 ha de cultivos extensivos e intensivos, ademáis de ser a sede fundacional de Coren e empresas do prestixio como Cuevas ou Marron Glacé….. . En definitiva, diñeiro de Europa veu, pero foi ben invertido.

Todo isto sen pór en dúbida que hai moito que facer, sobre todo nesas zonas despoboadas, sobre todo zonas de montaña nas que a xente abandou para irse ás vilas ou á capital. Durante moito tempo si que houbo un problema de minusvaloración do profesional agrícola-gandeiro e de sobre todo xente nova que escapaba do rural cara un futuro urbanita. Penso que esta concepción do primario está a cambiar, as iniciativas como as da cooperativa Amarelante en Manzaneda, as de producción da Faba Loba na Veiga, a recuperación de viñas vellas por xente nova en prácticamente todas as DO, a recuperación de soutos no sur na provincia, a cría de pita de mós para a producción de ovos de calidade, a elaboración de productos procesados con porco celta son exemplos do que está a facer xente no rural. E iso por parte de xente nova que quere quedar onde naceu ou, aínda mellor, xente que xa non naceu no rural pero quere volver.

Resumindo, a recuperación dese rural despoboado ten que pasar pola busca e potenciación de productos locais, productos endóxenos pero cunha filosofía de producción en consumo renovada. Todas as administracións deberemos remar en conxunto para falicitar este proceso, pero os consumidores finais deberemos esquecer vellos prexuizos e forzar un cambio de mentalidade que recoñeza a labor da xente que co seu traballo consegue que comamos todos os días.

“A recuperación dese rural despoboado ten que pasar pola busca e potenciación de productos locais”

-¿En que áreas considera que o sector primario de Ourense ten máis potencial de desenvolvemento?
A provincia de Ourense ten un fortísimo potencial vitivinícola, un fortísimo potencial no que se refire a producción de cultivos intensivos como a pataca e extensivos como os cereais, unha gandeiría cada vez máis moderna e respectuosa tanto cos animais como co medio natural, unha porcentaxe de produtos certificados polas marcas de calidade das DO e das IXP igualadas por poucas provincias do estado, un potencial forestal aínda por desenvolver….

Sen embargo, tamén é certo que os mercados xa levan tempo inmersos nunha voráxine de cambios constantes que fan tremer as vellas normas da oferta e da demanda, a día de hoxe, se conseguimos desenvolver un produto innovador de calidade é moi posible que o poidamos vender mellor en Nova Zelanda (por pór un exemplo) que na tenda de debaixo da nosa casa e é por isto que filosofías como a que se expón no proxecto Agriconect se teñen que converter en axiomas dunha nova realidade.

No futuro que xa está aquí, os produtos ourensáns teñen que estar presentes nas redes globais de distribución. E conqueríndo isto, conqueriremos que cada vez novos emprendedores innoven cambiando a visión que os consumidores temos dos productos de sempre, permitindo que unha producción pequena acade un alto valor engadido; asegurando así unha rendibilidade que permita que aquelas zonas máis despoboadas recobren vida. Como exemplos poderíamos mencionar o tremendo nicho de mercado que ten e terá a producción ecolóxica, os novos aproveitamentos do monte (producción de cogumelos e transformados), a introducción de novos cultivos (pequenos froitos, froitos secos),aceite, herbas medicinais e todo aqueles novos produtos e presentacións que xurdan do inxenio do elevado capital humano da provincia.

“No futuro que xa está aquí, os produtos ourensáns teñen que estar presentes nas redes globais de distribución”

Por outro lado, tampouco deberemos esquecer os produtos que a día de hoxe estamos a producir e por riba os producimos con gran calidade, temos que seguir apoiando día a día os productores de viño, pataca, cereais para que manteñan as súas explotacións baixo o paraguas da innovación e do respecto e coidado do medio ambiente; temos que fomentar a diversificación dos cultivos, potenciando novos usos do solo cultivable en aras de mellorar a rendibilidade (o sector primario ten que apostar naquelas zoas axeitadas por unha maior presenza do cultivo da horta).

En calquera dos casos ben é certo que a provincia é deficitaria de empresas de transformación primaria que sexan capaces de transformar, elevando así o seu valor engadido, os productos que aquí se producen, reducíndose así o número de intermediarios e abríndose a posibilidade de que os produtores vexan aumentado a súa marxe de beneficios.

Para rematar, indicar que entre todos debemos potenciar os mercados de proximidade como fórmula infalible para coidar o noso sector primario, ademáis de ser un xeito de compra medioambientalmente óptimo pola reducción da pegada de carbono que leva implícito. Debemos, entre todos os consumidores da provincia, realizar unha defensa a ultranza dos nosos produtos e dos nosos produtores, dotando aos agricultores e gandeiros dun prestixio social que en media Europa xa teñen e que por suposto merecen.

-Algo máis que queira engadir?
Salientar as numerosas visitas técnicas e colaboracións co Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro como centro de referencia. Unha das liñas de experimentación e desenvolvemento baséase na busca e testaxe de novas tecnoloxías de fertilización que permitan unha menor dependencia dos abonos máis tradicionais. En concreto, estase a realizar unha experiencia de fertilización de pataca en base a tecnoloxía de potenciación da fracción húmica do solo empregando productos da empresa francesa SOBAC, de recoñecida solvencia científica no eido do desenvolvemento sostible e da reducción da pegada de carbono.

Outra experiencia de colaboración do INORDE é coa Coopbarroso do municipio transfronteirizo de Montalegre (Portugal), que solicita a cooperación do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, co fin de obter apoio tecnolóxico que permita recuperar unha producción estable e rendible de pataca de semente. Para o Inorde é fundamental a cooperación transfronteiriza como forma de desenvolvemento sostible e altamente beneficioso para ambos lados dunha frontera cada vez máis difuminada.

Nesta mesma liña, o INORDE mantén unha colaboración coa empresa de semente de pataca AGRICO-HIJOS DE MATUTANO. En dito campo plántanse 18 variedades de pataca destinadas a fornecer o mercado do frito industrial (patacas fritas chips). O deseño deste mesmo campo de ensaio, ademáis de en Ourense, repítese tamén en Castela León, Holanda, Bélxica e Francia. A inclusión do INORDE nesta rede internacional de ensaios, permitirá que os agricultores da provincia conten nun futuro próximo con variedades de pataca para frito máis adaptadas ás condicións agroclimáticas da provincia de Ourense.

Tamén colaboramos con NEIKER (Instituto Vasco de Investigación y desarrolo Agrario). Así, investigadores de dito organismo visitaron os campos de ensaio na finca Antela para tomar datos das experiencias que ambas institucións realizan no cultivo da pataca. Dende o INORDE consideramos que a colaboración entre as distintas administración é fundamental á hora de conquerir avances significativos en cultivos tan esenciais para o noso rural.

Paradóxicamente, dado o mal momento sanitario no que estamos inmersos, queremos que sexa nembargantes, unha oportunidade para o consumo do noso, do propio, do próximo… e o noso sector primario ostenta unha calidade excepcional para ser consumido..

INORDE ROSEDO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información