O Grupo Lence soprou este xoves as velas do seu 50 aniversario nun acto no que Carmen Lence quixo rodearse dos gandeiros e gandeiras que entregan o seu leite á empresa lucense. “Quixemos celebralo rodeados de quenes fostes decisivos para chegarmos até aquí, porque as máis de 300 explotacións ás que vos recollemos o leite sodes a base sólida sobre a que se ergue esta casa”, admitiu nunha sala ateigada de gandeiros.
“Grazas de corazón pola vosa confianza, o voso rigor e o voso traballo”, díxolles a presidenta de Leite Río e Leyma. “Nestes 50 anos traballando xuntos construímos unha historia de éxito da que podemos sentirnos orgullosos como gandeiros, como empresarios e como galegos”, insistiu.
Estamos moi orgullosos de defender ao sector lácteo galego desde aquí, desde Galicia
A presidenta do Grupo Lence destacou o feito de que a empresa, a terceira que máis leite recolle en Galicia, uns 900.000 litros diarios, compre e transforme todo o leite en Galicia. “Iso significa que o valor engadido froito do voso traballo queda onde ten que quedar, contribuíndo cos nosos impostos ao desenvolvemento desta terra que tanto nos dá”, afirmou.
Colaboración a longo prazo coas granxas

A homenaxe aos gandeiros que producen a materia prima que logo transforma a empresa lucense puxo o foco no impacto positivo que xeran as explotacións nas súas comarcas: fixan poboación, dinamizan o tecido económico local e sosteñen unha cadea alimentaria próxima e trazable.
Transformamos un produto humilde como é o leite e creamos valor
“Este 50 aniversario é, ante todo, un grazas a quen madruga cada día para que o campo siga vivo”, sinalou Carmen Lence. “Reafirmamos o noso compromiso co rural galego: seguiremos mercando e transformando toda a nosa produción en Galicia, apostando por unha cadea láctea forte, xusta e sostible que xere emprego, arraigamento e innovación”.
Finalmente, o Grupo Lence quixo subliñar neste acto a importancia de colaborar a longo prazo coas granxas, potenciar a mellora continua e avanzar en modelos que premien a calidade, a eficiencia e a innovación na orixe. “Hoxe dicimos grazas mirando cara adiante: queremos ser o socio de confianza das nosas granxas nos próximos 50 anos”, concluíu Carmen Lence.
Vídeo conmemorativo
No acto presentouse un vídeo conmemorativo (un remake en clave galega do icónico “Johnnie Walker: o home que camiñou aledor do mundo”) no que Carmen Lence conta a historia da empresa e reafirma o seu compromiso co legado iniciado polo seu pai, Jesús Lence: “Levamos 50 anos creando valor, emprego e riqueza para a sociedade e estamos moi orgullosos de defender ao sector lácteo galego desde aquí”, dixo.
Levamos 50 anos creando emprego e riqueza para a sociedade
Como exemplo da implicación do Grupo Lence co sector puxo as distintas iniciativas a prol do rural que está a levar a cabo a empresa, como a aposta polo relevo xeracional nas explotacións apoiando a formación “dos mozos e mozas que sustentarán o rural do mañá”, ou para visibilizar a labor dos gandeiros, xa que “onde hai gandeiros, hai vida, hai comunidade e non hai incendios”, afirmou.
“A única gran empresa láctea galega”
No acto nas instalacións de Leite Río no Ceao participou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que definiu ao Grupo Lence como “a única gran empresa láctea galega” e “o referente industrial da provincia de Lugo”.
A conselleira agradeceu a Carmen Lence que decidira tomar o relevo tralo falecemento do seu pai no 2019 “e que apostara por Lugo e por Galicia podendo estar en calquera lugar do mundo”.
Cando os intereses estaban ao 20% viña á casa dos gandeiros a ofrecerlles o apoio financieiro necesario para que as explotacións puideran seguir medrando
María José Gómez dixo sentirse “vencellada” dende sempre a Leite Rio. “Lembro cando Jesús Lence era o instrumento financieiro dos gandeiros e gandeiras, cando os intereses estaban ao 20% viña á casa dos gandeiros a ofrecerlles o apoio financieiro necesario para que as explotacións puideran seguir medrando”, asegurou.
“O grupo Lence foi un motor que aportou modernidade a un sector que o necesitaba moitísimo. Os cántaros do leite que agora temos nas casas como elemento decorativo recórdannos de onde vimos”, dixo.
O segundo prazo da PAC ingresarase a semana que vén

Gandeiros asistentes ao acto celebrado na planta de Leite Río no Ceao
A conselleira reiterou o obxectivo da Xunta, explicitado no Plan de Dinamización do Sector Lácteo, de que “o leite que se produce en Galicia se transforme en Galicia”. “Actualmente estamos no 70%, e iso que se nos escapa algún litro para Asturias”, matizou.
Finalmente, María José Gómez tamén aproveitou para anunciar ao máis dun cento de gandeiros que asistiron ao acto o pago inminente da PAC. “A semana que vén ingresaremos o segundo pago, un pouco antes do habitual”, indicou.

Carmen Lence, xunto á conselleira do Medio Rural, María José Gómez, no acto do 50 aniversario de Leite Río
“Valoramos moito a estabilidade e a relación de cercanía e de confianza coa empresa”

Adrián Paredes e Luz Divina López son dous dos gandeiros que entregan a Leite Río
Uns 140 gandeiros das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra déronse cita este xoves na planta de Leite Río no polígono industrial do Ceao para celebrar os 50 anos da empresa fundada por Jesús Lence no ano 1975. Falamos con dous deles, un mozo pertencente a unha explotación grande e unha muller titular dunha granxa pequena para que nos falen da súa relación coa empresa que lles compra o leite.
Adrián Paredes é un dos 5 socios da SAT San Antonio, ubicada en Vilar de Donas, en Palas de Rei. A explotación naceu fai 23 anos da unión de varias ganderías e hoxe conta con 600 cabezas, das que 300 son vacas en produción.
Pasámonos fai 4 anos para Leite Río; o prezo é moi competitivo
Adrián incorporouse fai 7 anos e desde hai 4 entregan o leite ao Grupo Lence. Destaca o prezo competivo e a estabilidade, que axuda a que as explotacións poidan modernizarse e crear emprego no rural. No seu caso, ademais dos 5 socios teñen dous empregados e están valorando a robotización do muxido.
Luz Divina López, da Granxa da Viña, tamén de Palas de Rei, leva máis tempo vendendo o leite ao Grupo Lence. “Eu levo 30 anos na gandería, despois de herdala dos seu pais. Eles xa estaban en Leite Río, despois entregamos un tempo a unha cooperativa e volvimos para Leite Río. Xa levamos moitos anos. Eu coñecín a Jesús Lence e agora coñezo a Carmen e estou moi contenta. Son persoas moi formales e sabes que vas cobrar, non che andan cambiando o prezo”, di.
A imaxe de Luz Divina chegou a toda España nos cartóns de Leite Río para reivindicar o papel da muller rural
Luz Divina moxe 38 vacas e leva a granxa ela soa. Destaca o apoio que o Grupo Lence presta ás mulleres gandeiras e ás pequenas explotacións e está moi orgullosa de ter participado na campaña Gandeiras con Actitude Río, na que a súa cara viaxou por toda España nos cartóns de Leite Río para reivindicar o papel das mulleres rurais.
Galego








Control OJD