Grupo LENCE, a única empresa láctea galega que está entre as 6 máis grandes de España e comercializadora de marcas como Leche Río e Leyma, creceu ao peche do exercicio de 2021 algo máis dun 10,1% no que aos ingresos consolidados se refire, pasando dos 139,3 millóns de euros obtidos en 2020 aos 153,5 do pasado ano, segundo informa a compañía luguesa.
O beneficio bruto de explotación (EBITDA) situouse en 4,9 millóns de euros, un dato superior ao de 2020, que se viu impactado polas consecuencias da pandemia.
Carmen Lence, CEO de Grupo LENCE, valora moi positivamente os resultados deste exercicio, xa que “malia a escalada de prezos en conceptos como a enerxía, as embalaxes ou o custo da materia prima que sufrimos desde xuño do 2021, conseguiuse incrementar a facturación e a rendibilidade con respecto ao exercicio anterior. Este é o resultado das políticas de mellora continua iniciadas no 2020, que inclúen a dixitalización, a optimización de custos e outros proxectos que foron claves na consecución destes resultados e así mitigar o efecto da inflación”.
Grupo LENCE, con sede en Lugo, é un grupo familiar adicado á alimentación desde 1975. A súa principal área de actividades a comercialización de produtos lácteos a través de varias marcas propias, entre elas Leyma e Río de Galicia. Conta para iso con tres plantas de produción e traballa diariamente con 450 explotacións gandeiras do rural galego, o 75% dun tamaño mediano e pequeno.