
O Grupo Lence alcanzou os 284,77 millóns de euros de facturación en 2024, o que supón un incremento do 9,53% respecto ao ano 2023. Ademais, mellorou os seus indicadores de rendibilidade, cun resultado de explotación (ingresos menos gastos operativos) de 22 millóns de euros, o que representa un aumento do 68,95% respecto ao exercicio anterior.
Esta melloría ten a súa orixe principalmente en dous factores: por unha banda, o aumento da facturación, que permitiu diluír os custos fixos de estrutura da compañía, distribuíndoos entre un maior volume de vendas; e por outra, os investimentos realizados na modernización dos sistemas de fabricación, que xeraron unha maior eficiencia nos procesos produtivos. A combinación de ambos impulsou as marxes operativas ata niveis históricos para a empresa.
De cara ao futuro, o Grupo Lence continuará coa súa aposta pola innovación e a sustentabilidade como piares fundamentais da súa estratexia de crecemento, adaptándose a un mercado en constante evolución e a consumidores cada vez máis esixentes, a través de produtos de alta calidade que respondan ás necesidades nutricionais actuais.
Aumenta o peso da marca branca
Durante o 2024, o Grupo Lence adaptou a súa estratexia comercial ás novas demandas do mercado. No que respecta á distribución por tipo de marca, a compañía incrementou a súa produción para marcas de distribuidor, que pasaron de representar un 50% en 2023 a un 54% en 2024, mentres que a marca propia sitúase nun 46%, reflectindo a capacidade de adaptación do Grupo Lence ás tendencias do mercado, segundo subliña en nota de prensa.
O Grupo Lence é a terceira industria que máis leite recolle en Galicia, tras Lactalis e Larsa, e a única galega entre as oito principais lácteas que operan en España
Entre os produtos propios, a marca Río de Galicia experimentou un amplo crecemento co rendemento extraordinario da súa gama Optimilk, que rexistrou un incremento do 58% en volume respecto ao ano anterior, na liña da compañía de reorientar a súa oferta cara produtos de maior valor engadido. Este crecemento foi impulsado principalmente por Optimilk PRO, que aumentou as súas vendas nun 83,9%, consolidándose como un dos produtos estrela da compañía.
Pola súa parte, Leyma continúa coa súa tendencia positiva cun crecemento do 2,58% en volume respecto ao 2023, reafirmando a fortaleza desta marca histórica no mercado galego.
Plan de investimentos: 20 millóns de euros ata 2027
No ámbito dos investimentos, o Grupo Lence traballa cun plan a 3 anos (2025, 2026 e 2027) dotado con 20 millóns de euros. O obxectivo da empresa é ampliar a gama de produtos da liña Optimilk e expandir as liñas de produtos xa existentes en novos formatos. Así mesmo, dentro deste ambicioso plan, está a analizar vías para expandirse en novos canais e mercados.
No que respecta ao cadro de persoal, ao peche de 2024 contaba con máis de 220 empregados directos nas súas plantas de Lugo e Arteixo (A Coruña). A aposta polo fomento do talento en xeral e polo da muller en particular continuou sendo unha constante, sobre todo en postos historicamente masculinizados. Nese sentido, a empresa incorporou 20 mulleres máis ás súas plantas, alcanzando as 50 (fronte ás 30 que había ao peche de 2023).
Compromiso co territorio e a sustentabilidade
O compromiso co sector primario e o mundo rural foi outra das liñas estratéxicas da responsabilidade social do Grupo Lence, que se intensificou en 2024 a través de numerosas iniciativas de impacto social, deportivo e cultural, consolidándose como unha empresa fortemente arraigada ao territorio.
Recentemente, a compañía anunciou a posta en marcha en 2025 dun Programa de Bolsas de Formación Profesional Agraria, en colaboración coa EFA (Escola Familiar Agraria) Fonteboa. O obxectivo destas bolsas é facilitar a continuidade formativa dos estudantes máis destacados, eliminando posibles barreiras económicas e fomentando o relevo xeracional no sector agropecuario galego. É a forma que ten o Grupo Lence de recoñecer o esforzo das familias gandeiras e contribuír a xerar oportunidades para a seguinte xeración, facilitando o acceso a unha formación de calidade que reverta posteriormente no desenvolvemento do medio rural.
“Queremos dobrar a facturación en cinco anos”

Carmen Lence, presidenta de Grupo Lence, sinalou que “o ano pasado, logramos dobrar a facturación tras cinco anos de traballo. Agora buscamos repetir o fito e este é o primeiro paso. En cinco anos queremos volver dobrar a facturación, á vez que seguimos xerando emprego e riqueza para a contorna e para o rural de Galicia”.
“Estes resultados veñen confirmar o éxito da estratexia de innovación e diversificación de produtos que puxemos en marcha e axúdannos a consolidarnos como un referente no sector lácteo nacional. A solidez do noso modelo de negocio e a capacidade para optimizar recursos déixannos posicionados nun bo lugar para seguir crecendo”, comentou Carmen Lence.
A presidenta de Grupo Lence apuntou tamén que “traballamos con máis de 350 ganderías familiares galegas e con algunhas mantemos unha relación de 40 anos. É parte do compromiso e o activismo rural da compañía, porque o noso crecemento vai en paralelo ao destas ganderías, posibilitando que algunhas sexan xa das máis punteiras e tecnolóxicas de Galicia. É a forma que temos de axudar a fixar poboación e a evitar, así, o despoboamento do campo”.
Galego









Control OJD