O Grupo Lence (Leche Río e Leyma), a segunda industria láctea en recollida en Galicia, e Leche Celta, aplicarán nos novos contratos que entrarán en vigor o 1 de agosto unha baixa de 0,05 euros por litro de leite.
Estes días os gandeiros están a asinar os novos contratos aos que obriga a Lei da Cadea Alimentaria e que terán unha duración moi variable segundo a industria.
No caso do Grupo Lence recolle diariamente arredor de 900.000 litros de leite a máis de 350 ganderías, o que o converte na segunda industria en recollida de Galicia por detrás de Lactalis. As novas condicións do grupo que dirixe Carmen Lence implican unha ampliación da duración dos contratos a 9 meses: do 1 de agosto deste ano ao 30 de abril de 2025.
Prezo base por debaixo dos 0,40 euros o litro
Outra importante novidade é que o prezo base sitúase por primeira vez por debaixo dos 0,40 euros o litro. En concreto, pasa dos actuais 0,417 euros o litro a 0,397 nos novos contratos. Esta baixada agresiva de 2 céntimos na base dos contratos é despois compensada pola empresa incrementando en 1,5 céntimos a prima de fidelización. É dicir, transfire parte do prezo base dos contratos, que baixan dos 0,40 euros o litro, á prima de fidelización.
Ademáis, os novos contratos de Leche Rio e Leyma conlevan tamén un cambio nas retribucións das calidades, en concreto da graxa, na busca de primar o incremento deste sólido nun contexto de revaloriación da manteiga. En concreto, para o leite con menos do 3,5% de graxa o Grupo Lence aplicará nos novos contratos unha penalización de 0,6 céntimos por cada décima de menos (no contrato actual a penalización era de 0,3 céntimos). Entre o 3,5 e o 3,7% de graxa non haberá prima nin tampouco penalización, como ata o de agora, e a partir do 3,8% de graxa cada décima de incremento pasa de pagarse de 0,3 a 0,4 céntimos. As primas por proteína e volume seguen igual.
Leche Celta
No caso de Leche Celta, propiedade da cooperativa portuguesa Lactogal, e con planta no concello coruñés de Pontedeume, os contratos teñen unha duración de agosto a decembro.
Polo que respecta ao prezo base, en agosto e setembro baixará de 0,42 a 0,41 euros o litro e en outubro, novembro e decembro recuperará ata os 0,42 céntimos, co que a media do prezo base rolda os 0,415 euros o litro.