Tralo éxito da primeira convocatoria, celebrada en 2021, Río de Galicia, marca 100% galega pertencente ao Grupo Lence, levará a cabo esta semana, mañá xoves 9 de marzo e o venres 10 de marzo, a segunda edición do programa Gandeiras con Actitude Río, que busca contribuír ao empoderamento da muller nas explotacións lácteas.
Cunha vintena de gandeiras participantes, a cita terá lugar no Forum Ceao de Lugo. As dúas xornadas servirán para que as participantes poidan compartir os seus desafíos e inquietudes. Nesta ocasión, a encargada de dinamizar as sesións será Ana Raquel Fernández, coach profesional certificada de Elite Coaching Center.
Os obxectivos do programa Gandeiras con Actitude Río xiran ao redor dos compromisos da compañía coa sustentabilidade do rural galego, a loita contra o despoboamento e o fortalecemento da cadea de valor. Desde a empresa buscan seguir potenciando espazos onde a muller do rural se sinta apoiada, comprendida e poida compartir experiencias do seu día a día.
As participantes traballarán aspectos como o autoliderado, a comunicación e a motivación para ofrecerlles ferramentas, coñecementos e recursos para loitar contra o illamento da muller rural
Do mesmo xeito, o propósito de Gandeiras con Actitude Río é empoderar ás mulleres que se dedican á gandería láctea, ofrecéndolles ferramentas, coñecementos e recursos. Tamén se busca loitar contra o illamento social que poden padecer, froito das condicións nas que desenvolven o seu traballo.
Nas dúas xornadas da segunda edición de Gandeiras con Actitude Río, as participantes traballarán aspectos como o autoliderado, a comunicación e a motivación. Todo se celebrará nun espazo común de confianza para compartir situacións e experiencias do seu ámbito profesional e persoal.
Maioría de mulleres no Comité de Dirección da empresa
Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Grupo Lence compartiu nas súas redes sociais unha publicación destacando o compromiso da compañía coa igualdade. A empresa láctea galega subliña que, a pesar de que aínda quede moito traballo por realizar para eliminar as desigualdades de xénero no mundo, son necesarios avances neste camiño e xestos que sirvan de exemplo, como o feito de que o 71% do Comité de Dirección do Grupo Lence estea formado por mulleres, entre elas a CEO da compañía, Carmen Lence.