O Grupo Caja Rural, no que participa Caixa Rural Galega, anunciou a doazón de 3,3 millóns de euros como axuda directa para os afectados pola recente DANA, que asolou diversas rexións. Esta achega súmase ás doazóns individuais realizadas por cada unha das caixas rurais asociadas e a un conxunto de medidas que buscan apoiar aos socios e clientes afectados pola catástrofe.
O Grupo, coñecido pola súa axuda intercooperativa, arraigamento territorial e apoio ao desenvolvemento económico-social das contornas nas que opera, subliña a súa responsabilidade de apoiar ás comunidades onde desenvolve a súa actividade. Entre as entidades que se atopan nas zonas máis afectadas están Caixa Popular, Caixa Rural d’Algemesí, Caixa de L’Alcúdia e Caixa Rural de Albal.
Ademais da doazón económica, o Grupo activou unha serie de medidas dirixidas a mellorar a situación dos afectados. Entre estas medidas destacan á moratoria nos pagos baixo as condicións establecidas pola normativa vixente, liñas de financiamento a tipo de xuro do 0%, retirada gratuíta de diñeiro en caixeiros das zonas afectadas e axuda para o uso da banca electrónica.
O Grupo tamén está a traballar para que as oficinas afectadas polo temporal poidan reabrir canto antes, labor que é posible grazas ao apoio dos empregados. Con este conxunto de accións, o Grupo mostra o seu compromiso coa banca de proximidade, que non só cumpre unha función financeira, senón que tamén actúa como un apoio social.