“O grande desafío das granxas XL é a formación dos traballadores”

A veterinaria portuguesa Ema Roque salienta a dependencia de man de obra contratada como un dos feitos diferenciais das explotacións de gran tamaño á hora de implementar os protocolos de calidade do leite e saúde de ubre 

Ema Roque, na mesa redonda que abordou as estratexias contra a mamite en granxas grandes

Ema Roque, na mesa redonda que abordou as estratexias contra a mamite en granxas grandes

Especialistas en medicina bovina de España e Portugal abordaron a finais de xaneiro nos IV Encontros Ibéricos de Calidade do Leite, organizados por Anembe e o Conselho portugués de saúde do Úbere, diferentes estratexias de traballo segundo o tipo de explotación.

Nas chamadas granxas XL, a veterinaria portuguesa Ema Roque, de Diessen SV, identifica algunhas vantaxes, como unha maior dispoñibilidade de acceso á tecnoloxía, o que permite aos técnicos que levan a explotación traballar con datos, pero ao mesmo tempo unha serie de retos, como o da formación dos traballadores ou a unificación dos protocolos de traballo.

“O simple feito de conseguir traballadores e a xestión posterior desa man de obra, é un dos grandes retos das explotacións grandes”, recoñece Ema, que traballa na actualidade con 11 explotacións e unhas 5.500 vacas en total.

Todas as explotacións coas que traballa Ema son explotacións pechadas, que non compran vacas para a reposición de animais, o que facilita o traballo dos veterinarios e o manexo do gando por parte dos empregados da granxa. “Cando estas explotacións compraban vacas e xovencas de fóra tiñan unha zona de corentena e eran muxidas ao final. Cando chegaban os resultados das analíticas tomabamos decisións sobre elas”, explica Ema.

Conseguir man de obra cualificada, o reto das explotacións grandes

Para Ema, o grande desafío das granxas XL é a formación dos equipos. “Cando nos imos á granxa os protocolos cúmprense e todo o mundo fai todo ben, pero o problema é o resto de días nos que nós non estamos”, asegura.

Por iso, di, é fundamental traballar o aspecto da sensibilización dos traballadores de cara facer súas as estratexias e obxectivos  da explotación. “As vacas son de todos, non só do dono, porque se non houbese esas vacas non habería traballo para os empregados”, argumenta.   

Hai que facer entender aos empregados que as vacas son de todos, non só do dono, porque se non as houbese non habería traballo

Na actualidade, moitos dos empregados nas explotacións leiteiras, tanto en Galicia coma en Portugal, son inmigrantes, polo que en moitos casos hai tamén unha barreira lingüística grande. “Se xa é difícil facer chegar a nosa mensaxe nunha lingua que eles entenden, imaxinade o que pasa cando hai un problema de entendemento e asimilación da formación importante por mor do idioma”, evidencia.

Estratexias de motivación

“Nós tratamos de xuntar a todos os traballadores en reunións de formación para involucralos. A clave da comunicación é escoitar máis e falar menos. Coñecer ao produtor, comprender as dinámicas da granxa, os obxectivos da explotación, a organización dos equipos e as rotacións das funcións e traballos”, di.

De cara a lograr unha maior implicación dos traballadores, algunhas granxas establecen estratexias de motivación vía incentivos económicos que tamén poden xerar o efecto contrario. “Teño clientes que estableceron bonificacións e os empregados recibían unha paga variable en función dos resultados mensuais de calidade hixiénica do leite, pero ás veces iso xeraba problemas entre os traballadores, porque se culpaban entre si dos malos resultados”, aclara.

Establecer incentivos económicos ás veces resulta contraproducente

Nas granxas grandes son normalmente os empregados os que implementan os protocolos de muxido, pero “se o produtor está dispoñible para aclarar dúbidas aos empregados, aínda que sexa telefonicamente, os protocolos funcionan mellor”, considera a veterinaria de Diessen SV.

A figura do encargado

Ema empezou a traballar en calidade de leite nas Açores, na illa de Sao Miguel, en granxas pequenas, pero na actualidade traballa no Alentejo, no sur de Portugal, onde as explotacións son moito máis grandes. “Eu non teño ningunha explotación de menos de 250 vacas en muxidura”, explica.

En base á súa experiencia traballando con diferentes tipos de ganderías, considera que a diferenza ente a xestión familiar e a xestión empresarial das explotacións está na cadea de mando e na eficacia das mensaxes trasladadas ao gandeiro, xa que a comunicación é moito máis directa en granxas familiares, porque o produtor é o que moxe, o que fai as camas e o que prepara a comida do gando.

En granxas grandes é máis importante a labor de coordinación e o cumprimento dos protocolos e rutinas de traballo

“Nas granxas máis grandes son normalmente persoas diferentes as que fan estes traballos, polo tanto iso obrígate a falar con varias persoas e a elas a unha labor de coordinación entre si para poder implementar estratexias de calidade de leite globais na granxa”, explica.

Nas granxas grandes, cobra tamén importancia a figura do encargado da explotación, así como os postos intermedios que ocupan as persoas responsables dos distintos traballos ou funcións a realizar na explotación e que á súa vez se responsabilizan do traballo doutras persoas do equipo, algo habitual por exemplo na muxidura en sala.  

Visión en positivo e recomendacións claras

Diessen SV acostuma traballar cos seus clientes de xeito continuado, por medio de visitas de seguimento mensuais e de informes de recomendacións claros e concisos. Pero cada vez que teñen que facerse cargo da saúde de ubre nunha nova granxa, acostuman facer unha análise exhaustiva da explotación.

Ás veces, despois de falar co gandeiro, é necesario redefinir estratexias

“Na primeira visita á granxa tratamos de identificar cal é o principal problema que percibe o propio produtor que ten, porque ás veces non é o mesmo que nós identificamos. Nesa primeira visita facemos unha lista de animais con novas infeccións e de animais crónicos. O reporte desa primeira visita é máis longo en el non só falamos do que está mal feito, senón que empezamos falando do que se fai ben na granxa. É importante para establecer unha relación de confianza do produtor e para iso é bo unha visión en positivo”, asegura.

Se facemos informes de 50 páxinas, con certeza que non será lido

Nas visitas posteriores mensuais de acompañamento, Ema trata de fixar obxectivos realistas e factibles co obxectivo de que se cumpran. “Nunca facemos máis de tres recomendacións a curto, medio e longo prazo, agardando que faga unha das tres. Se poñemos 20 é probable que o gandeiro non poña o foco en ningunha delas”, argumenta.

“Os informes mensuais que enviamos son moi curtos, co reporte das vacas a tratar e tres recomendacións de cuestións a mellorar. Se facemos informes de 50 páxinas, con certeza que non será lido”, reitera.

Maiores posibilidades de traballar con datos

Na parte positiva da balanza, a favor das explotacións máis grandes atópase un maior grao de profesionalización e de acceso á tecnoloxía. “A maioría de granxas XL xa dispoñen de sistemas de software que nos permiten obter moitos datos de maneira inmediata. Pero moitas veces que unha granxa dispoña destes sistemas de software non quere dicir que os utilice e que meta os datos de tratamentos e demais aspectos de saúde e manexo. O importante é que as explotacións apunten, aínda que sexa nunha folla. O rexistro de mastite é fundamental”, afirma Ema.

Os datos de incidencia da mastite por días en leite e por lactación é unha información relevante

“Os datos de incidencia da mastite por días en leite e por lactación é unha información relevante. Cando temos porcentaxes de valores de curación próximos ao 50% iso está normalmente relacionado cunha alta porcentaxe de vacas sas e crónicas”, explica.

Dentro da estratexia para lograr altas porcentaxes de curación, é clave ter datos do éxito dos tratamentos aplicados. “Analizamos a porcentaxe de curación con cada tipo de antibiótico que prescribimos. Aínda que facemos antibiogramas, é unha información relevante para saber se estamos a acertar cos antibióticos”, asegura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información