“O gran lume do Courel apagouse grazas aos pastizais”

Gandería Fernandín, de Seceda (Folgoso do Courel), xestiona un rabaño de 35 vacas de Rubia galega en 50 hectáreas de monte, que actuaron como cortalume natural no incendio do 2022

“O gran lume do Courel apagouse grazas aos pastizais”

Pastizais da Gandería Fernandín, no Courel.

Falamos con Javier Carballo, socio da Gandería Fernandín en Seceda (Folgoso do Courel, Lugo), para coñecer esta explotación de Rubia Galega e a situación do Courel. Carballo xestiona unha granxa de Rubia galega con 35 animais e vén de poñer en marcha un proxecto turístico como complemento. Malia as súas iniciativas, é pesimista sobre o futuro da gandería e da vida en xeral na montaña lucense, para a que demanda máis apoios da Administración.

Cando e como xurdiu o teu proxecto de recuperar a tradición gandeira familiar?
Xurdiu no 2006 cando quedei no paro e na casa tiñamos 5 vacas, e dixemos, ou aumentamos ou pechamos. E decidimos aumentar e facernos cargo da gandería. Daquela tivemos unha axuda da Xunta para aumentar os pastizais e a día de hoxe que temos 35 vacas rubias galegas.

Por que escolliches a Rubia galega e non outra raza?
Porque son as que sempre tivemos na casa e o resto non coñeciamos, ata hai dous anos que tivemos un problema con un touro rubio e decidimos meter un touro limusín.

O abandono vai a máis e se non se toman medidas, isto acábase. Gustaríanos usar as fincas que quedan a monte pero moitas non se sabe nin de quen son

Que axudas e dificultades estás atopando neste proceso?
Axudas poucas porque aquí todo son problemas. As pistas son como son… non se pode meter maquinaria… É un problema estar lonxe e a falta de accesos…. Todo aquí costa moito máis, desbrozar unha finca… calquera cousa, todo custa o dobre.

Logo, levamos dous anos intentando facer unha nave de lona e todo son peros, porque claro, precisamos permisos de Rede Natura, de zona BIC, todo son problemas, permisos, os prazos son moi lentos…

Pensas que son necesarios máis apoios á gandería de montaña, como é o voso caso…
Paréceme que como a Xunta non tome medidas, isto vaise acabar. Hai moitas fincas que temos aos pés das casas que non se sabe de quen son, moita xente que marchou…Gustaríanos usar esas fincas porque estase abandoando todo, para que o día de mañá volva o lume.

fernandin1

Cantas hectáreas estás xestionando e como é o manexo?
Temos vacas e ovellas. As vacas teñen 30 e pico hectáreas de pasto, nun peche de 50 hectáreas, e está dividido en 4 parcelas, nas que rotan. En marzo ou abril péchanse para deixar para silo. As ovellas andan nas fincas máis pequenas e pechadas, ao pé da casa, e temos 35.

A nivel de tecnoloxía,  tes idea de implantar collares GPS para axudarche no manexo e localización das vacas?  
Solicitámolo dúas veces, pero sempre vén denegado. Esperemos que este ano o consigamos.

Estás nunha zona que tivo no 2022 un lume importante. Que papel cres que pode xogar a gandería na prevención dos lumes?
Só queda outra explotación na zona do Courel de abaixo, e como siga así… en 10 anos acaba pechando porque todo son problemas.

O incendio nesta zona apagouse grazas aos pastizais, que fixo que o lume se apagara só,  porque aquí ninguén veu a axudarnos a nada, o lume chegou e apagouse só.

O monte está como estaba, ninguén veu por aquí facer nada despois do lume

Despois perdimos como 2 hectáreas e pedimos unha subvención para recuperalas pero todo foron problemas, porque nos obligaron a quitar un peche que tiñamos e nos fixeron eles un mal feito… O monte está todo como estaba, aquí non veu ninguén… Hai tanques de auga para os incendios que están baleiros, os cortalumes e as pistas están como quedaron, non se fixo nada.

Cóntanos o contexto do lugar no que vives. Cantos veciños sodes?. E como valoras a conciliación familiar con este traballo?
Veciños somos 8 veciños e cada vez somos menos porque a xente é maior. Vivimos nunha zona illada, ao ter pequenos, ir a unha piscina ou biblioteca, a máis cercana está a unha hora… non hai xente nova…
A nivel familiar moi ben porque eu podo marcar o meu propio horario, e decido cando quero ou podo ir facer as tarefas. Se estás nunha empresa, o horario márcacho unha empresa.

fernandin2

Explícanos tamén o proxecto de rehabilitar espazos para turismo rural, como complemento á túa actividade gandeira.
Tiñamos unhas casas da propiedade, puxémolas á venda pero despois dun tempo decidimos condicionalas para turismo, chamámoslles as casas do pozo porque é o único pozo que hai na parroquia ao pé da porta da casa. Estamos tendo moi boa acollida, empezamos en marzo e estamos moi contentos de telas aberto.

Que perspectivas de futuro tes?
Eu aquí estou ben e as vacas creo que tamén están ben aquí, están tranquilas… O futuro nunca o sabes porque pode vir o lobo e matar becerros. Eso nunca o vas saber. Tivemos un veciño que nun mes lle mataron 17 becerros.

O futuro nunca o sabes porque pode vir o lobo e matarche becerros. A un veciño matáronlle 17

E despois está o tema dos custos e ingresos. No 2010 vendimos algún becerro por 600€, hoxe danche 250€ e tes que ter sorte se veñen velos ata aquí, porque os accesos son os que son. As pistas están moi mal e todo son problemas.

Como comercializas a carne ou os animais.
Nós comezamos cebando becerros en ecolóxico, pero non saían as contas, así que agora vendemos todo para recría en Silleda, desde hai case 8 anos. Ademais vaille ben ás vacas para evitar que teñan mamite cando chega o inverno.

fernandin3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información