“O gran competidor do albariño de Rías Baixas en Estados Unidos é o Sauvignon Blanc de Nova Zelandia”

Entrevista a Natasja Mallory responsable de GREGORY+ VINE especializada nos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Publicidade
“O gran competidor do albariño de Rías Baixas en Estados Unidos é o Sauvignon Blanc de Nova Zelandia”

Natasja Mallory nun acto promocional dos viños da DO. Rías Baixas en Estados Unidos

Estados Unidos é un mercado clave para os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. De feito, é o primeiro destino das vendas exteriores desta DO, con case 3 millóns de litros exportados na campaña 2021/2022, o que supón un 8% máis en volume pero un incremento do 19% en valor.

Neste sentido, a estadounidense Natasja Mallory responsable de GREGORY+ VINE, participou recentemente na presentación do “Plan Promocional de Estados Unidos para 2023 do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas”. Falamos con ela sobre o presente e o futuro destes viños no mercado estadounidense.

Como empezaches a coñecer o mundo do viño?
Empecei estudando e traballando na alta restauración en Nova York a mediados dos 90 e posteriormente viaxei a París para ampliar as miñas prácticas en restauración e foi alí onde me namorei do mundo do viño e comecei a especializarme neste sector.

No ano 1999 os dous socios fundadores de Lavinia propuxéronme que viñese traballar á súa tenda en Madrid, pois vían que había un nicho de mercado para os viños estranxeiros en España.

Cal foi o teu primeiro contacto cos viños de Galicia?
No ano 1995 no restaurante no que traballa en Nova York tiñamos en carta o albariño Martin Códax, e ese foi o meu primeiro contacto cos viños galegos. Posteriormente, cando vin traballar a España empecei a descubrir a ampla variedade dos viños galegos.

Sei que elaborar un bo viño branco é máis difícil de conseguir que un bo viño tinto, porque é máis difícil maquillar ou corrixir en adega unha uva de calidade inferior. Admiro os viños brancos cun bo perfil, acidez, vivaces, con aromas que van do máis frutal ao máis mineral. Nese sentido, sempre me chamou a atención a variedade albariño, por ter un carácter varietal moi identificable e con moitos matices e por proceder dunha rexión, como Galicia e en concreto as Rías Baixas, onde é difícil lograr unha boa uva.

Albariños elabóranse tamén en Australia ou California. Que diferencia lle achega o terroir das Rías Baixas aos viños elaborados con esta variedade?
As Rías Baixas son a orixe do albariño e neste territorio a uva alcanza unha expresión moi singular. Ademais, os consumidores neste momento, especialmente os mozos, queren coñecer de onde procede o viño, como foi cultivada a uva, con que maridar o viño…etc, queren saber máis que o que lles di a etiqueta ou o que lles recomenda un catador.

Neste sentido, este novo perfil de consumidor dálle unha vantaxe tremenda aos viños de Rías Baixas, porque contan con historia, cultura, o Camiño de Santiago, variedades propias, a propia xente…etc

Os viños con Denominación de Orixe Rías Baixas no mercado norteamericano representan un 9,4% do total das exportacións españolas con Denominación de Orixe Protexida en valor e un 8,6% en volume. Como é mercado do viño en Estados Unidos, o primeiro mercado exterior para os viños de Rías Baixas, seguido de preto polo Reino Unido?
En primeiro lugar hai que destacar que os viños de Rías Baixas en Estados Unidos teñen unha imaxe de calidade, e iso é primordial. A iso hai que engadir que teñen unha crecente presenza no mercado estadounidense, e é cada vez máis frecuente velos nas cartas dos restaurantes ou en tendas especializadas.

“Os estadounidenses beben menos viño pero mellor e máis caro”

Segundo conclúen varios estudos, unha tendencia do mercado norteamericano é a premiumización do viño. É dicir, o segmento dos viños con prezos de máis de 15 dólares a botella, é o que máis está a medrar en vendas, mentres que están a caer no grupo de viños de menos de 15 dólares. Non obstante, os viños de máis de 11 dólares a botella soamente representan o 25% do mercado en volume. É dicir, os estadounidenses beben menos viño pero mellor e máis caro. Esta tendencia creo que é un factor clave para que os viños de Rías Baixas sigan tendo éxito no mercado de Estados Unidos.

Outro factor relevante é que desde o ano 2017 os viños brancos están a gañar cota de mercado nese país, cun crecemento do 2%. Tamén hai que destacar que o prezo medio dos viños brancos está a subir, e iso beneficia tamén aos de Rías Baixas.

Cales son os principais competidores dos viños de Rías Baixas en Estados Unidos?
O principal competidor do albariño de Rías Baixas en Estados Unidos é o Sauvignon Blanc de Nova Zelandia, é o único que creceu en vendas nese mercado o pasado ano. O perfil do albariño é máis parecido ao Sauvignon Blanc que o Chardonnay.

Outros competidores son os viños brancos doutras rexións atlánticas como o Loira ou Bordeus, o grandes Rieslng de Alemaña ou Pinto Griggio de Italia e de Estados Unidos.

Neste sentido, Cal sería a mellor estratexia para que os brancos de Rías Baixas compitan con éxito en Estados Unidos?
En primeiro lugar, seguir comunicando e demostrando a alta calidade destes viños e en segundo lugar explicar a gran variedade de albariños que existe. É dicir, que hai moitas tipoloxías máis aló do branco novo que se bebe como moito dous ou tres anos despois da colleita. Por tanto, é preciso promocionar os grandes albariños de garda, de até 30 anos ou máis; os viños de crianza sobre lias, os espumosos, os que son elaborados noutro tipo de recipientes …etc.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información