O gorgullo do eucalipto permanece baixo control pero preocupa a ‘Mycosphaerella’

O 2018 saldouse cunha menor defoliación que en anos precedentes, segundo os datos da Xunta. Promagal recoñece unha certa mellora no combate do ‘Gonipterus’, aínda que advirte dos problemas que está ocasionando un fungo en plantacións novas

O gorgullo do eucalipto permanece baixo control pero preocupa a ‘Mycosphaerella’

O gorgullo permanece baixo control en toda Galicia.

A loita biolóxica contra a praga do gorgullo (‘Gonipterus platensis’), un insecto que se alimenta das follas do eucalipto, está demostrándose exitosa. A acción combinada da Xunta, da patronal da industria do papel (Aspapel) e dos propietarios forestais conseguiu que o 2018 se saldase cos menores rexistros de defoliación dos últimos anos. Nas 174 parcelas de control que mantén a Administración en toda Galicia, os niveis de defoliación no 2018 foron moi inferiores ós do 2017 e ós do 2016, se ben no outono subiu lixeiramente a porcentaxe de danos en relación a anos precedentes.

A defoliación mantivose todo o ano en niveis moderados na maior parte das comarcas produtoras, se ben detectáronse puntualmente casos graves de defoliación en parcelas de Ortegal, das Mariñas coruñesas e da comarca de Pontevedra. As expectativas para este ano é que a praga continúe a manterse baixo control por medio da loita biolóxica.

“Os danos polo gorgullo e pola ‘Mycosphaerella’ son maiores en parcelas de orientación sur, que non están expostas ós ventos do Nordés” (Ramón Reimunde, Promagal)

Se no 2018, a Xunta colocou un total de 9.000 bolsas con ootecas (depósitos de ovos) de ‘Gonipterus’ parasitadas co ‘Anaphes nitens’, o insecto que combate ó gorgullo, para este ano prevé a colocación de 11.000 bolsas (10.000 en primavera e 1.000 no outono), un esforzo ó que hai que sumar o do sector forestal, industria e colectivos de propietarios forestais.

Valoracións de Promagal
Desde Promagal, o colectivo de propietarios que agrupa ás asociacións locais de produtores de eucalipto, recoñecen unha certa mellora nos datos transmitidos pola Xunta, pero sinalan que a praga do gorgullo segue sendo xeneralizada. “Cando imos ó monte, seguen véndose no chan moitas follas dentadas, comidas polo ‘Gonipterus’, e en plantacións novas, é fácil tamén ver as postas do ‘Gonipterus’. Polo tanto, non se pode baixar a guarda”, valora o presidente de Promagal, Ramón Reimunde.

Comparación da defoliación causada polo gorgullo no 2018, 2017 e 2016.

Comparación da defoliación causada polo gorgullo no 2018, 2017 e 2016.

Os produtores observan na Mariña lucense que o problema afecta máis a montes orientados ó sur, unha situación que tamén se dá co outro problema sanitario que máis está perxudicando ó eucalipto, a ‘Mycosphaerella’, un fungo que defolia as plantacións novas. “En montes expostos ó vento do Nordés, observamos menos danos do gorgullo e de enfermidades fúnxicas, pero en montes orientados ó sur, con menos vento, os danos do gorgullo e da ‘Mycosphaerella’ son máis evidentes. Paseando polo monte, en exposición sur, podes ver plantacións adultas coas puntas secas a causa do gorgullo”, explica Reimunde.

Fronte ós danos da ‘Mycosphaerella’, que defolia as plantacións novas ata o cambio á folla adulta, os propietarios albiscan poucas solucións. “En Alfoz imos probar esta primavera a fertilizar as plantacións novas afectadas, a ver se conseguimos recuperalas. É posible tamén a aplicación de funxicidas, pero dado que as esporas da ‘Mycosphaerella’ probablemente estean tamén en fincas próximas, as plantacións poden verse afectadas de xeito repetido”, valora Reimunde.

De cara ó futuro, a esperanza é que a mellora xenética permita avanzar máis en plantas que muden antes á folla adulta, menos afectada polo fungo, ou que sexan máis resistentes ó fungo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información