O Goberno limita o tamaño das novas granxas de vacún de leite a 720 animais en muxido

O Goberno limita o tamaño das novas granxas de vacún de leite a 720 animais en muxido

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, anunciou o inicio a partir de hoxe do período de consulta pública da norma de ordenación das granxas de gando de vacún, a primeira específica para este sector que se promulga en España. O ministro realizou este anuncio na Feira de Produción Animal (FIGAN) de Zaragoza. Como principal novidade limítanse as “macrogranxas” ao fixar un máximo de 720 animais en muxido para os novos establos que se constrúan e unha distancia mínima de 500 metros a outras granxas ou núcleos habitados.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) emprendeu o ano pasado un proceso de revisión da normativa sobre granxas das principais explotacións gandeiras co obxectivo de establecer principios básicos sobre establecemento, clasificación, localización e condicións de funcionamento das mesmas. En 2020 modificouse a normativa sobre as granxas de porcino, e o pasado xullo a que regula as explotacións avícolas que, a diferenza do bovino, se contaban xa cunha norma específica.

Planas destacou que o decreto que hoxe sae a consulta pública “seguiu un longo proceso de elaboración para propiciar o diálogo e a  participación das comunidades autónomas e das organizacións e colectivos vinculados ao sector”.

Limítase a 725 vacas en muxido a capacidade máxima dunha granxa de vacún de leite

O decreto establece normas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das granxas, incluídas as condicións mínimas de infraestrutura, equipamento e manexo, localización, bioseguridade, benestar animal, condicións hixiénico-sanitarias, requisitos ambientais e as obrigacións dos titulares. Ademais das esixencias comúns, estipúlanse requisitos distintos para explotacións de carne e de leite. Establécense requisitos diferenciados tamén para as granxas de nova creación e as xa existentes, que disporán de períodos transitorios de adaptación.

Como novidade, establécese un límite á capacidade máxima que poden ter as granxas de bovinos, fixado en 850 unidades de gando maior, cociente equivalente a aproximadamente 725 vacas de muxido ou 1.400 tenreiros de cebo. Igualmente fíxanse as condicións de aloxamento e alimentación que deben reunir as explotacións extensivas.

Planas inscribiu este proceso de revisión normativa na “necesidade de dar respaldo á transición das explotacións gandeiras cara ás esixencias derivadas das estratexias de Biodiversidade e Da Granxa á Mesa da Unión Europea, e a incorporar compromisos derivados das crecentes demandas cidadás”.

O texto do decreto de ordenación das granxas de bovino estará sometido a período de consulta pública até o próximo día 15 de outubro e está dispoñible na páxina web do MAPA, na seguinte ligazón. 

Aspectos máis destacables do decreto sobre instalacións para gando bovino:

-Deberase respectar unha distancia mínima de 500 metros desde as granxas bovinas con respecto ás explotacións de bovino xa existentes, con respecto a calquera outro establecemento ou instalación que poida representar un risco hixiénico-sanitario, e cos centros urbanos.

Con carácter excepcional, e coas xustificacións técnicas correspondentes, a autoridade competente poderá autorizar, como máximo, unha redución do 10% nas distancias mínimas que establece o presente real decreto.

As comunidades autónomas insulares poderán modular as distancias mínimas que establece o presente real decreto, en función das características das zonas en que se situar e as medidas complementarias adicionais que se establezan, sen que en ningún caso poidan reducirse as mesmas en máis dun 20%. É dicir, neste caso a distancia mínima non deberá baixar de 400 metros.

-As explotacións deberán estar delimitadas perimetralmente de forma que se minimice a entrada de persoas, vehículos e o contacto con animais silvestres. Esta delimitación perimetral debe manterse en bo estado.

-Dispor dunha zona específica de corentena: O espazo designado para realizar a corentena (…..) deberá constituír unha unidade epidemiolóxica independente e separada do resto das instalacións de produción, de forma que se preveña a transmisión de axentes infecto-contaxiosos entre elas.

-As explotacións deberán manter un rexistro actualizado dos vehículos e das persoas que accedan á explotación, incluídos os veterinarios.

-No caso das de vacún de leite, deberán almacenar separadamente os medicamentos e produtos que se administran durante o muxido, daqueles que se administran durante a fase de secado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información