O Goberno disposto a “eliminar” os aspectos máis polémicos da nova norma sobre calidade sanitaria do leite

O Goberno disposto a “eliminar” os aspectos máis polémicos da nova norma sobre calidade sanitaria do leite

O Ministerio de Agricultura está disposto a “eliminar” os aspectos máis polémicos do proxecto de lei no que está a traballar para modificar os controis sanitarios do leite cru. A publicación do borrador xerou unha oposición xeral no sector produtor ao considerar que na práctica suporía que os transportistas asuman a responsabilidade dos controis de calidade sanitaria do leite, en lugar dos laboratorios interprofesionais, caso do Ligal, como se ven facendo ata agora.

Sen embargo, nunha carta remitida polo Director Xeral de Sanidade da Produción Agraria do Ministerio de Agricultura, Valentín Almansa de Lara, ao secretario xeral de Gandaría de UPA, Román Santalla, recoñece que “non descartamos que nesta nova proposta poda haber elementos difíciles de abordar, e que deben ser revisados ou mesmo eliminados”.

Neste sentido, o representante do Ministerio de Agricultura fai un chamamento á participación dos representantes dos gandeiros e tamén dos responsables das Comunidades Autónomas para que acheguen as súas propostas de modificación. En todo caso, Valentín Almansa lembra que o documento “é un mero documento de traballo que nos debe servir para establecer un contraste de opinións para abrir un debate sobre o actual modelo co fin de melloralo e simplificalo”.

En canto ás motivacións para modificar a normativa alude a que o modelo normativo actual “chega máis alá das competencias desta dirección xeral, xa que, de acordo coa regulamentación comunitaria, a produción primaria no sector lácteo remata coa descarga dos tanques na cisterna, polo que a partir do transporte non se considera parte da produción primaria”. Trataríase, xa que logo, de restrinxir e simplificar os controis sanitarios de calidade do leite a soamente esa fase da cadea.

Críticas de UPA e da Fruga

Dende o sector produtor, Román Santalla advirte de que “a proposta do Ministerio de controlar inhibidores na explotación é inviable para o 80% dos gandeiros de vacún de leite, o 90% dos de ovino e o 95% dos de caprino”.

Así, o secretario de Gandaría de UPA alerta de que “en rutas onde se recolle a máis de 70 ou 100 gandarías -caso de Galicia ou da Cornixa Cantábrica- ningún recolledor pasará media hora interpretando a mostra, a súa interpretación”. “Co borrador da nova norma o Ministerio pretende pasarlle a responsabilidade que teñen os laboratorios interprofesionais a un recolledor de leite. Con esta norma o que se vai conseguir é o peche da maior parte, senón de todas, as ganderías de zonas desfavorecidas ou de montaña”, critica.

Román Santalla: “Con esta norma vaise conseguir que pechen a maioría das pequenas explotacións”

Por parte da Fruga tamén advirten de que “as 7900 explotacións lácteas galegas, poden verse seriamente afectadas por esta nova normativa no caso de que esta vaia avante”.

“Con esta normativa o Ministerio de Agricultura está propiciando a concentración da produción en macro-explotacións como a mellor medida para aforrar custes de recollida, xa que estas estarán en condicións de ter o seu propio laboratorio, o que vai en contra dos intereses das granxas galega e en contra de Galiza”, advirte Elías Somoza, Coordinador de Sectores Gandeiros da FRUGA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información