O Goberno central discrimina a Galicia no reparto dos 90 millóns de euros de axudas ao sector do viño

Publicidade
O Goberno central discrimina a Galicia no reparto dos 90 millóns de euros de axudas ao sector do viño

A Consellería de Medio Rural e as organizacións agrarias coinciden en que as axudas do Goberno ao sector do viño, 90 millóns de euros para paliar o parón das vendas provocado polo peche da hostalaría a raíz do Covid19, son claramente discriminatorias para Galicia.

Así, a Xunta considera que as axudas aprobadas polo Goberno central para o viño non serven en absoluto para o sector vitivinícola galego nin se adaptan á súa realidade, polo que terán “nula ou escasa” incidencia na nosa comunidade. Neste sentido, o conselleiro do Medio Rural, José González, pídelle “unha vez máis ao Executivo de Madrid que teña en conta ás autonomías á hora de deseñar e aplicar liñas de axudas e normativas, dado que a realidade de cada unha delas é distinta”.

Así, o conselleiro sinalou que, aplicando ditos criterios técnicos, Galicia podería beneficiarse, como moito, dunha achega de 300.000 euros sobre un total de 90 millóns para o conxunto de España. “Algo especialmente grave tendo en conta, ademais, que os viños galegos con denominación de orixe xeran arredor do 6% do valor engadido destas producións a nivel nacional, o que supón máis de 5 millóns de euros”, remarcou. “Estas son medidas pensadas para viños con pouco valor engadido, que poden beneficiar a outras comunidades, pero non a Galicia”, advertiu.

Así, cómpre advertir, en canto ás axudas para destilación, que os viños galegos con denominación de orixe teñen un posicionamento de prezo no mercado de tipo medio ou medio-alto, o que invalida esta iniciativa na nosa comunidade, fronte outras zonas de España con grandes superficies de cultivo e prezos baixos de uva nas que si pode ser efectiva.

Sobre a colleita en verde, esta medida non se adapta ás características de Galicia nin resulta aplicable na viticultura galega, xa que só sería obxecto desta práctica en superficies mínimas de 0,3 hectáreas, cando a media dos viñedos galegos é de 0,250 hectáreas. Nesta liña, o Goberno do Estado propón unha vendima en verde para toda a parcela, cando Galicia o que viña demandando era un clareo. Ademais, a produción de uva galega está moi axustada e resulta prematuro pensar nun exceso de froito para a vendima.

Canto ao almacenamento privado, a Xunta considera que a repercusión desta medida sería limitada debido ao volume reducido de viño que existe en Galicia respecto do total nacional.

A maiores, a Consellería do Medio Rural considera tamén como “outro despropósito” a obriga establecida polo Ministerio de que os consellos reguladores teñan que reducir a produción nesta mesma vendima, diminuíndo os rendementos máximos por hectárea para vinificación. O Goberno galego critica a escasa marxe de tempo para actuar por parte dos consellos reguladores -que teñen de límite ata o 30 de xuño para comunicar estas decisión- e lamenta que “un sector xa enormemente afectado pola covid-19 e anteriormente polos aranceis de Estados Unidos agora, aínda por riba, se vexa obrigado polo Estado a reducir a súa produción”.

Por todos estes motivos, o conselleiro pediu ao Goberno que rectifique e demandou medidas como a posta en marcha de campañas de promoción do consumo de viño e a prol da súa comercialización, así como outras orientadas debidamente ás especificidades do sector galego.

Unións Agrarias: “Galicia só recibirá faragullas”

Unións Agrarias ve como unha ocasión perdida a concreción do plan de axudas ao sector vitivinícola anunciado polo Ministerio de Agricultura para paliar a crise de mercado derivada da pandemia da Covid-19. Tal como se denunciaba desde a organización agraria unha vez coñecido o borrador, “ningunha das grandes medidas van a facilitar o relanzamento do sector do viño en Galicia por falta de adecuación a súa realidade”.

“O anuncio de investir mais de 90 millóns de euros en enxugar perdas na viticultura a nivel estatal, deixará en Galicia solo as migallas porque nin as administracións autonómica nin central fixeron ningún esforzo para a elaboración dun plan adaptado a morfoloxía do sector do viño, no que teña unha presencia relevante a viticultura social, de segunda actividade e as pequenas adegas”, conclúen dende a organización agraria.

AGV-FRUGA: “O goberno da Xunta ten as competencias e debería dar solucións”

Dende a Asociación Galega de Viticultores (AGV), organización vinculada á Federación Rural Galega (FRUGA) coinciden en que “estas axudas do Ministerio pouco ou nada axudarán ao sector vitivinícola galego”.

A este respecto consideran “un motivo de satisfacción que o Conselleiro, en funcións e xa metido na carreira preelectoral, coincida en boa parte coa nosa análise, pero temos que lembrarlle que ten todas as competencias en política agraria, o que lle obriga a dar solucións”.

Neste sentido, dende a AGV reclaman á Xunta de Galicia información sobre:

Que propostas se trasladaron ao Ministerio no proceso de diálogo/negociación previo á aprobación do RD 557/2020, e o impacto estimado das mesmas nos distintos axentes do sector do viño.

Unha vez aprobado este RD, que vai ser papel mollado para Galiza, que medidas ten previsto adoptar o Conselleiro en defensa do sector do viño galego e da lexitimidade, e necesidade, que o mesmo teña acceso á parte do desembolso económico que lle corresponda.

Que plan de traballo e que medidas, dentro das competencias asumidas pola Xunta de Galiza, están previstas para facerlle fronte á crise económica en que está o sector do viño pola pandemia do COVID-19, pola guerra comercial dos EUA, pola reforma da PAC, etc.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información