O Goberno aprobará este ano un decreto sobre protección da auga contra os nitratos agrícolas

A Comisión Europea decidiu en decembro levar a España ante o Tribunal de Xustiza da UE por entender que as súas actuacións na protección das augas eran insuficientes

O Goberno aprobará este ano un decreto sobre protección da auga contra os nitratos agrícolas

Balsa de puríns na Limia. / Arquivo.

O Consello de Ministros aprobou esta semana o seu plan normativo para 2022, no que figura o compromiso de sacar adiante un Real Decreto sobre protección das augas fronte á contaminación difusa por nitratos agrícolas. A nova normativa, que proxecta o Ministerio de Transición Ecolóxica, porase este ano en marcha tralas presións de Bruxelas, que en decembro anunciou que levará a España ante o Tribunal de Xustiza da UE por considerar que non desenvolveu actuacións suficientes na materia.

A Comisión abríralle xa un expediente a España no 2018 polo que consideraba unha insuficiente protección das augas, sen que a situación mellorara desde entón, desde a óptica do organismo comunitario.

En concreto, a Comisión reclamáralle ás autoridades españolas que revisasen a situación de sete comunidades, entre as que figuraba Galicia (Castilla y León, Extremadura, Galicia, Baleares, Canarias, Madrid e Comunidade Valenciana).

Situación en Galicia
Galicia é unha das poucas comunidades que ata o de agora non ten zonas vulnerables a nitratos no seu territorio, unha situación que probablemente cambiará proximamente. Os problemas que se dan no val do Limia, con episodios de eutrofización da auga no encoro das Conchas, é unha cuestión que se ten denunciado ante a propia Comisión Europea por parte dos colectivos ambientalistas.

A Directiva de Nitratos da UE obriga ós Estados membro a calificar como zonas vulnerables a nitratos ós territorios con escorrentía cara augas nas que se detecten problemas, polo que é previsible que polo menos o val do Limia sexa catalogado en parte como zona vulnerable a nitratos.

Esa medida, de facerse efectiva, obrigaría ós agricultores a un estricto control dos abonos e xurros que utilizan en cada parcela. Limitaríase ademais o volume anual de aportes que poden facer a 170 Kg. de nitróxeno por hectárea.

O proceso para a declaración de zonas vulnerables a nitratos en Galicia pasa en primeiro lugar por comprobar que zonas se marcan como afectadas por nitratos no Real Decreto que prepara o Goberno. Podería ser só A Limia ou poderían entrar tamén outras comarcas, como o Deza. Tras ese Decreto ministerial, sería a Xunta a competente para declarar as correspondentes zonas vulnerables a nitratos.

‘Pim pam pum’

O anuncio do novo Real Decreto sobre protección das augas contra os nitratos agrícolas chega en plena polémica do ministro de Consumo, Alberto Garzón, a raíz das súas declaracións a un medio británico. O ministro volveu a insistir na liña do que xa manifestara en xullo pasado nun vídeo. Garzón cre que a carne é un problema medioambiental, para a saúde e que ademais en España hai macrogranxas de ata 4.000 – 10.000 cabezas nas que, afirma, prodúcese carne de pobre calidade.

Analicemos esas declaracións desde tres puntos de vista: o ambiental, o agrario e o mediático -político.

Medioambiente
O medio británico The Guardian titulaba a súa conversa con Garzón destacando que o ministro pedía comer menos carne para deter o cambio climático. Cos datos do Ministerio de Transición Ecolóxica na man, a gandería española produce o 7,8% de gases de efecto invernadoiro que se emiten no país. A produción eléctrica, o transporte e a industria suman o 74,6 %. Case dez veces máis.

A quen lle interesa persistir con esa falacia que asocia á gandería e á agricultura co cambio climático?. Outra cousa é que o agro, na liña que marca a nova PAC, teña que facer esforzos para reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro.

Un segundo problema medioambiental da gandería que apuntaba Garzón é a contaminación das augas e solos ligada ás macrogranxas. En Galicia, non existen tales macrogranxas de 4.000 – 10.000 cabezas das que fala Garzón. Nin sequera nunha zona con puntuais problemas de contaminación difusa como A Limia, pois calcúlase que alí hai unhas 400 granxas intensivas que, en conxunto, suman unhas 75.000 cabezas. Menos de 200 cabezas de media por gandería.

A oposición ás macrogranxas é unha das poucas cuestións nas que hai coincidencia entre o ministro e boa parte do sector agrario, que considera as macrogranxas un problema ambiental e unha competencia coa gandería familiar.

Agro
O agro europeo está embarcado desde hai anos nun camiño sen volta de maior conciencia ambiental. A partir do 2023, un 25% de todas as axudas da PAC que cobrarán os produtores chegarán por cumprir con prácticas voluntarias positivas para aumentar a biodiversidade e para frear o cambio climático.

Europa ten os maiores estándares a nivel mundial en benestar animal, seguridade alimentaria e coidado do medioambiente. O foco, como vén reclamando o agro desde hai anos, hai que poñelo nas importacións de alimentos que recibe a UE. Se ó ministro lle preocupa o benestar animal, a seguridade alimentaria e o medioambiente, o primeiro -arguméntase no agro- sería emprazar á UE a esixir o cumprimento das normas europeas para os alimentos importados.

En calquera caso, como vimos, Alberto Garzón cuestiona tamén a sostibilidade e a calidade da carne producida en España. Boa parte do agro considera esa visión como froito da ignorancia. Tamén cabería preguntarse se ó ministro de Consumo non lle preocupa a sostibilidade ambiental e social do mar de plástico de Almería ou a calidade das hortalizas que dalí saen. Ou a cuestión é simplemente sinalar á carne como ‘mala’?.

Escenario mediático – político
O ministro convertiuse nas últimas semanas nun boneco pim pam pum para unha gran maioría de medios de comunicación e formacións políticas. Se a preocupación de todos eles fora a defensa da gandería, habería que pedirlles que reserven o 1% do tempo que lle adican a Garzón a asuntos como os prezos do leite e da carne ou ó aumento dos custos de produción no agro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información