O Consello de Ministros acaba de aproar o Plan para a Promoción das Mulleres do Medio Rural (2015-2018). Trátase do primeiro plan específico que se elabora en relación coas mulleres do medio rural, que ten carácter integral e agrupa actuacións de seis Departamentos Ministeriais: (Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade; Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente; Educación, Cultura e Deporte; Industria, Enerxía e Turismo; Fomento e Interior).
O Plan parte dun diagnóstico claro da situación actual: aínda que as mulleres no medio rural representan o 48,02 por 100 da poboación e contan cunha maior preparación que os homes (a porcentaxe de tituladas con estudos superiores é maior, 11,9 por 100 fronte a 8,4 por 100 dos homes), están infrarrepresentadas en organizacións políticas, sociais e sindicais, cunha importante brecha nas organizacións profesionais agrarias e nos consellos reitores de cooperativas agrarias.
Este plan, que se enmarca no Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades 2014-2016, conta cun orzamento de 23,1 millóns de euros e contempla 82 accións concretas.
A presenza de mulleres na dirección das cooperativas agrarias será un criterio para conceder axudas
Como obxectivos destacables, cabe sinalar a visibilización do papel das mulleres no medio rural, superar a brecha de xénero en emprego e emprendemento, a conciliación, a promoción da incorporación de mulleres nos órganos e postos de decisión e participación rurais e o apoio ás asociacións do medio rural como elemento crave de dinamización social, económica e cultural.
As accións contempladas no Plan estrutúranse en cinco obxectivos. Algunhas das máis relevantes para logralos son as seguintes:
Promoción do Emprego e Emprendemento
Destaca a posta en marcha dunha plataforma on-line “Emprende rural”, para facilitar a información e a creación de redes, ademais do impulso ao comercio electrónico de produtos e un programa de asesoramento a emprendedoras.
Así mesmo, prevese un programa específico para a incorporación á actividade económica no ámbito agrícola forestal e pesqueiro a mulleres novas con formación universitaria, e outros para mozas en risco de exclusión e para a integración social de mulleres migrantes en áreas rurais.
Tamén se valorará, nas convocatorias de subvencións a empresas para a implantación de plans de igualdade, a aquelas que teñen o seu domicilio social en zonas rurais.
Promover a participación na toma de decisións
Fomentarase a presenza equilibrada de mulleres nos grupos de traballo e nos comités de seguimento dos programas de desenvolvemento rural, e incorporarase o principio de igualdade e a presenza de mulleres nas cooperativas, como criterio de valoración á hora de que estes organismos poidan acceder a axudas e subvencións.
Para fomentar o liderado feminino apoiarase, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias, a formación de mulleres en habilidades directivas e coordinación de equipos.
Promover a conciliación e corresponsabilidade
Apoiarase o desenvolvemento de actuacións de crianza saudable, parentalidade positiva e educación familiar no medio rural xestionados por entidades sociais, e deseñarase unha campaña de sensibilización para facilitar e promover a conciliación a través dos centros educativos.
Incorporar a igualdade de oportunidades no deseño das políticas de fomento do medio rural
Desenvolveranse actividades de formación por parte de persoal especializado en violencia de xénero e mellorarase a accesibilidade ao servizo telefónico de atención e protección ás vítimas (ATENPRO) para as mulleres no medio rural. Tamén se desenvolverá un programa específico de formación de profesionais sanitarios de Atención Primaria de mulleres rurais, en particular de mulleres maiores.
Por último, entre outras medidas, mellorarase o coñecemento sobre a situación das mulleres rurais. Para iso se desagregará por sexo toda a información referida ás persoas en actuacións relacionadas co medio rural, en particular, as relacionadas coa Política Agraria Común.