O Boletín Oficial do Estado publicou hoxe o real decreto aprobado onte polo Consello de Ministros que modifica diversa normativa sobre o sistema de información das explotacións agrarias para introducir o carácter voluntario da utilización do caderno dixital de explotación.
Esta iniciativa forma parte das 43 medidas comprometidas polo Goberno o pasado mes de abril para dar resposta ás preocupacións de agricultores e gandeiros expresadas nas mobilizacións dos primeiros meses de 2024.
O Real Decreto 1054/2022, do 27 de setembro que regula o Sistema de información de Explotacións Agrícolas e Gandeiras e da produción agraria, así como o Rexistro autonómico de explotacións agrícolas e o caderno dixital de explotación agrícola, que agora se modifica, prevía que o emprego do caderno dixital de explotación agrícola comezase a ser obrigatorio a partir do 1 de setembro de 2024, cunha entrada en vigor graduada, e deixaba exentas a determinadas explotacións polo seu pequeno tamaño.
Porén, e en aplicación o compromiso adquirido polo Goberno, modificouse o mencionado real decreto para cambiar o enfoque no uso do caderno dixital de explotación, que pasa a ser voluntario de maneira temporal e ata o próximo período de programación do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC), a partir de 2027.
Así, os agricultores que, conforme á normativa de produtos fitosanitarios, fertilizantes ou intervencións da PAC deban cumprimentar un caderno de explotación, poderán elixir se prefiren que este sexa mediante a utilización de medios electrónicos ou en soporte de papel.
Esta modificación ten implicación noutras normas conexas relativas ao uso sostible de produtos fitosanitarios, e en concreto no Real Decreto 1311/2012, do 14 de setembro e o Real Decreto 9/2015, do 16 de xaneiro.
A entrada en vigor da voluntariedade do uso do caderno dixital faise de maneira retroactiva ao 1 de xullo de 2023, para evitar algún tipo de prexuízo aos agricultores que puidese derivarse do atraso da publicación da norma.