O Goberno aproba melloras nas cotizacións para gandeiros e agricultores

As persoas que se dediquen ao comercio polo miúdo de produtos alimentarios poderán excluír do cómputo da actividade, en caso de preferir permanecer en estimación obxectiva, os días que dure o estado de alarma

HORTA_MONDOÑEDO_mercado dos domingos4O Boletín Oficial do Estado deste mércores recolle unha serie de modificacións e medidas económicas complementarias frente ao impacto ocasionado polo COVID-19 ás que se poden acoller os pequenos agricultores e gandeiros así como aqueles produtores que se adiquen á venda directa en mercados.

Un dos cambios máis destacados permite abandonar o sistema de módulos durante este ano 2020 e volver a el en 2021, é dicir, flexibilízase a limitación dos efectos temporais da renuncia tácita ao método de estimación obxectiva no exercicio 2020, ao permitir aos contribuíntes do IRPF do réxime simplificado e do réxime especial da agricultura, que na presentación do pago do primeiro trimestre (prazo que se ampliou ata o 20 de maio) renuncien ao método de estimación obxectiva, poidan volver determinar o rendemento neto da súa actividade económica con arranxo ao método de estimación obxectiva no exercicio 2021.

Poderase volver ao sistema de módulos no próximo exercicio sen necesidade de permanecer en estimación directa por un período de tres anos

Elimínase así a vinculación obrigatoria que durante tres anos se establece legalmente para a renuncia ao método de estimación obxectiva do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, do réxime simplificado e do réxime especial da agricultura.

En caso de preferir continuar no sistema de módulos poderá excluírse do cómputo da actividade os días que dure o estado de alarma

En caso de preferir seguir no sistema de módulos e en relación co cálculo dos pagos fraccionados no método de estimación obxectiva do imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e da cota trimestral do réxime simplificado do IVE como consecuencia do estado de alarma, contémplase a posibilidade para os contribuíntes de non computar como días de exercicio da actividade os días naturais nos que estivese declarado o estado de alarma no devandito trimestre. Esta medida afecta á produción de pan e produtos de pastelería e, en xeral, ao comercio polo miúdo de produtos alimentarios de todo tipo.

Cooperativas

En relación ás cooperativas, establécese unha medida extraordinaria para flexibilizar de forma temporal o uso do Fondo de Promoción e Educación das entidades cooperativas coa finalidade de paliar os efectos do COVID-19.

Permítese así ás cooperativas, desde a declaración do estado de alarma ata o 31 de decembro de 2020, destinar o Fondo de Educación e Promoción Cooperativo total ou parcialmente, como recurso financeiro, para dotar de liquidez á cooperativa en caso de necesitalo para o seu funcionamento. Tamén se poderá destinar a calquera actividade que redunde en axudar a frear a crise sanitaria do COVID-19 ou a paliar os seus efectos, ben mediante accións propias ou ben mediante doazóns a outras entidades, públicas ou privadas.

As cooperativas poderán usar os fondos de formación para paliar os efectos da crise en caso de necesitar liquidez

Este Fondo deberá ser restituído pola cooperativa con, polo menos, o 30% dos resultados de libre disposición que se xeren cada ano, ata que alcance o importe que tiña no momento de adopción da decisión da súa aplicación excepcional e nun prazo máximo de 10 anos.

Xornaleiros

O Goberno adecúa tamén a regulación do traballo agrario temporal á nova realidade do campo español e entre outras medidas simplifícanse e flexibilízanse, con vixencia indefinida, as regras de inclusión no Sistema especial de traballadores por conta propia agrarios (SETA) ao prescindir dos requisitos vinculados a rendas de traballo, xa que se elimina o requisito de obtención dunha porcentaxe mínima de rendas provintes da actividade agraria e, no caso de que contraten a traballadores por conta allea, establécese un límite total de 546 xornadas nun ano, que se reducirán proporcionalmente en función do número de días de alta do traballador por conta propia agrario neste sistema especial durante o ano natural de que se trate.

Aos traballadores do Sistema especial para traballadores por conta allea agrarios aplicaráselles, desde o 1 de xaneiro de 2020, unha redución do 19,11% ás cotas resultantes durante os períodos de inactividade en 2020 para aqueles traballadores que realizasen un máximo de 55 xornadas reais cotizadas en 2019.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información