No lugar de Murias de Rao, na parte mais oriental do concello de Navia de Suarna, Raúl Pérez Álava traballa cun rabaño de 110 reprodutoras. Os becerros críaos ata o destete e despois son vendidos a cebadeiros, para o seu remate. Con este gando, xestiona baixo un manexo extensivo e ecolóxico pastos próximos ao pobo, ademais dunha zona de monte abertal na que se atopa un extenso pasteiro, dentro da Rede Natura 2000.
A actividade na gandaría de Raúl comezou logo de regresar da cidade de Barcelona, onde a súa familia emigrou e onde pasou parte da súa vida. O gusto pola gandaría e vida no rural fixeron que logo de probar diversos traballos se decantase por regresar a Murias e comezar coa gandaría, no 2014.

A zona de parcelas para a recría e forraxe está próxima a Murias e outros pobos da zona. No monte abertal, a zona próxima ao pasteiro é aproveitada polo gando.
“Todos os inicios son complicados, de unha polo desembolso inicial, outra porque é unha actividade nova da que tes que ir aprendendo cousas sobre a marcha e por outra, porque sempre aparecen dificultades coas que non contas. Economicamente tamén podería ter opcións iguais ou mellores como empregado, pero isto apórtame outra gratificación persoal”, asevera Raúl acerca da súa decisión de volver a Murias.
A situación da gandería nunha zona illada fai que a autosuficiencia sexa un aspecto clave en todo, dende as labores agrícolas ata a asistencia veterinaria máis básica.
O manexo máis apropiado para esta zona é o réxime extensivo e ecolóxico
O tipo de gandaría que practica Raúl, é en réxime totalmente extensivo e ecolóxico. “Traballar en alta montaña implica que vas ter mais dificultades para o uso de maquinaria e unha intensificación da produción. Ao primeiro, traballabamos en convencional, pero despois de ver que o manexo das terras e dos animais que faciamos cumpría coa normativa ecolóxica, decidimos certificar a nosa produción”.
A superficie de pastos esta formada por fincas próximas ao pobo, un pasteiro e o monte abertal.
Para a alimentación, traballa unhas 20 hectáreas de pastos que se dividen en pequenas fincas na zona baixa, arredor das casas do pobo. A estas súmase un pasteiro de 45 hectáreas, pechado en todo o seu perímetro, ademais de ter libre acceso ao monte abertal da zona. A pesar de ter unha gran extensión, pola súa orografía, o gando aproveita só unha pequena parte do monte, situada próxima á zona de pastos.
O gando distribúese en dous lotes en función da súa idade. As fincas próximas ao pobo están destinadas a pastos para a recría e para recoller forraxe nos momentos de maior produción. Cada ano, Raúl recolle ata máis de 600 rolos de silo, pois na época de inverno pode haber momentos de gastar 4 microsilos cada día.
Neste lote de xovencas hai un touro, seleccionado pola súa facilidade para o primeiro parto. O seguinte lote está formado por todas as vacas adultas xunto dous touros mais, que xestionan a zona de monte e o pasteiro.
Na selección da recría, búscanse as mellores características para manterse e sacar unha boa produción neste sistema

Nos meses de inverno é necesario complementar con forraxe, algún dia con ata 4 rolos de silo que se distribúen polo pasteiro.
As femias destinadas para vida están seleccionados polas súas características para desenvolverse no monte e sacar unha cría adiante, mais que pola raza. “Hai variantes con maior aptitude e outras con menos. Traballo con vacas que non teñen raza pura, vou seleccionando fillas daquelas nais que vexo que durante o inverno se manteñen ben, teñen boas patas para moverse por estas zonas e ao mesmo tempo sacan unha boa cría cada ano”.
“No caso do touro, actualmente son de raza limusín pero tamén é un exemplar seleccionado para esta zona. Un semental que pode sacar bos rendementos na Terra Chá, por exemplo, aquí pode non estar en pleno rendemento por non lograr ter unha condición corporal óptima”.
Con touros limusín conséguense bos becerros baixo este manexo
Para o manexo do gando, a súa revisión, saneamento, e tratamentos necesarios, nunha marxe do pasteiro hai un curral cunha manga. “É habitual que pase o gando por esta zona, para telo acostumado e ao mesmo tempo para repoñer chapas, separar os becerros para a súa venda ou realizar tratamentos. Non é habitual ter que tratar aos animais aínda que no último ano, por mor da febre hemorráxica, tivemos que atender a mais animais do normal, con maior ou menor gravidade, pero houbo unha alta incidencia deste virus”.

Manga de manexo.
Raúl é socio de cooperativas como Aira e A Carqueixa para a xestión administrativa da explotación ou o abastecemento dos materiais necesarios. “Comercializamos directamente con cebadeiros, non o facemos a través de A Carqueixa porque non rematamos os animais. Por estar en Rede Natura 2000, zona de cero impacto ambiental, non podemos facer ningunha construción a maiores das que hai. Este é o principal motivo polo que sacamos os becerros para cebadeiros externos e tampouco temos ningunha instalación para o gando”.
Unha boa parte do gando está xeo-localizado, pero é indispensable ir a velo cada día
Para o control do gando, Raúl cualifica como imprescindible ir a visitalo todos os días, aínda así “non debemos obviar os avances da tecnoloxía, que nos poden axudar no dia a dia. Hai unha parte do gando con colares de xeo-localización, este é o principal uso que lle dou, ver dende o móbil cal é a súa localización”.
Este sistema tamén pode ser de certa axuda na convivencia co lobo. Todos os anos Raúl conta con algún ataque no seu rabaño, a pesar de nalgún momento ter cans para a súa protección. “Non adoita pasar, pero é posible que no medio do monte unha cría pequena se quede escondida nas matogueiras varias horas e a nai a perda de vista, sendo unha presa fácil para o lobo”.
Ter un certo grado de autosuficiencia é fundamental en zonas illadas como esta. Para os traballos agrícolas, igual que para realizar tarefas de veterinaria, a autosuficiencia é fundamental. “Estamos nunha zona bastante afastada e os desprazamentos, tanto do veterinario como de empresas de servicios agrícolas supoñen un importante desembolso. Para os partos, que neste tipo de manexo é o principal punto no que podemos requirir de axuda, intento ser o mais autosuficiente posible. Fun collendo experiencia e coñecementos co paso do tempo, sobre como axudar ás nais neste momento”.

Neste pequeno curral, previo á manga, pódense illar durante os tratamentos aos animais para volver ao rabaño en plenas condicións.
Para o traballo das terras Raúl dispón da maquinaria necesaria para as rozas nas zonas de pasto, recoller forraxe para o inverno e a alimentación do gando.
O custe de produción na montaña dispárase comparado con outras zonas
Traballar en zonas de alta montaña é complicado, ademais de que os custes de produción se poden ver incrementados. “En zonas máis chas pódese sacar unha produción maior con menos recursos, por un lado porque adoitan ser terras máis produtivas, e por outra porque soamente moverse para a supervisión do gando ou para a súa alimentación nos meses de inverno é máis laborioso no noso caso. Durante medio ano, temos que estar complementando con forraxe debido ao frío e as nevaradas”.
Comenta Raúl acerca do esforzo que supón traballar nesta zona, pero ao mesmo tempo destaca a calidade do seu produto. “Para a alimentación, estes animais teñen unha gran variedade de plantas, cada unha aporta un nutrinte diferente, ademais estar criado no exterior, ata o momento do cebo, aporta no animal unhas características organolépticas e nutritivas, como a vitamina D”.
Na parte mais oriental de Navia de Suarna, limitando con Asturias e León, a neve está presente en boa parte do ano. “Unha vez chegadas as primeiras nevaradas, é probable que na zona de pasteiro e monte abertal se manteña ata ben entrado o mes de febreiro”.
Colabora co Campus Terra (USC) no proxecto ‘Afinet’ sobre prácticas silvopastorais
A través da súa explotación, Raúl colabora en estudos coa Universidade de Santiago de Compostela. Participa no proxecto europeo ‘Afinet’, un estudo coordinado polo Grupo de Investigación de Sistemas Silvopastorais do Campus Terra, que busca fomentar o desenvolvemento de prácticas agrícolas e forestais sostibles e adaptadas ao clima. Neste proxecto, cun campo experimental en Murias, estúdase a xestión de masas silvopastorais con distintos tipos de gando.

Raúl e Carlos, outro gandeiro de Silvouta, xunto con outros dous veciños con negocios na zona manteñen vivo o sistema económico e social nos pobos de Navia de Suarna.
Na súa volta ao pobo de Murias, Raúl amósase un firme defensor da vida no rural. Ao igual que mostra a súa experiencia, anima a calquera a volver ao campo. Destaca do mesmo xeito o importante papel que xoga a gandaría no entorno, ben a nivel social no asentamento de poboación como o labor económico, xerando unha renda para unha familia, ou o labor medioambiental e na xestión dos lumes.
“Quedamos pouca xente pero ao mesmo tempo hai vida no concello e non a podemos deixar irse. Cada persoa que veña asentarse no rural é necesaria, ben na gandaría ou prestando servizos como un taller ou un comercio, por exemplo. Todo isto contribúe a crear ese tecido social e económico que mantén os pobos con vida”.