O gando extensivo posiciónase como ferramenta clave contra os incendios na montaña galega

Unha xornada no Courel organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes divulgou as experiencias de ganderías da comarca. Moitas delas xestionan zonas de pastos que actuaron de cortalumes no gran incendio do pasado verán

O gando extensivo posiciónase como ferramenta clave contra os incendios na montaña galega

Gando en Seceda (Folgoso do Courel), en pastos que detiveron o avance do lume.

O Courel sufriu o pasado verán o maior incendio forestal da última década en Galicia, con máis de 11.700 hectáreas afectadas e unha aldea arrasada polo lume. O incendio levou por diante máis de 7.000 hectáreas de mato e arredor de 4.000 hectáreas arboradas, principalmente piñeirais pero tamén tocou algún souto de castiñeiros e zonas de frondosas. O avance das lapas só se detivo por completo nos pastos e prados, como constataron as ganderías e veciños da comarca.

O papel que xogan os pastizais como cortalumes naturais posicionan á gandería extensiva como unha ferramenta clave para enfrontar os grandes incendios, uns incendios que nos últimos anos vense favorecidos por fenómenos meteorolóxicos extremos derivados do cambio climático (secas prolongadas, tormentas secas, etc.).

Para divulgar esa potencialidade da gandería extensiva, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes vén de organizar unha xornada no Courel na que se presentaron as experiencias de distintos produtores da comarca. O Courel, como outras zonas de montaña do interior de Lugo e Ourense, sufriu nas últimas décadas unha perda progresiva da actividade gandeira. Só desde o 2006 ó 2020, a comarca perdeu arredor dun 9% dos seus pastizais e terras agrarias, un declive moi superior ó doutras áreas rurais do sur de Lugo fóra da montaña.

O Courel perdeu un 9% dos seus pastizais e terras agrarias nos últimos 15 anos. Iso é un problema pero tamén abre oportunidades

Ese escenario é un problema, sobre todo no contexto de grandes incendios como o do Courel deste verán. Pero tamén presenta oportunidades, pois existe territorio no que se poden poñer en marcha novos proxectos de gandería extensiva.

A xornada do Courel reuniu a distintos produtores de ganderías tanto da comarca como de zonas próximas, que contaron a súa experiencia. Foi o caso de José Antonio Vilariño, que xestiona unha gandería caldelá en Seceda (Folgoso do Courel) e Quiroga, de Lorena Rego (Folgoso) ou de Alejandro Salvatierra (Pontenova).

Xornada da Sociedade Galega de Pastos en Seoane do  Courel. / Imaxe: SGPF.

Xornada da Sociedade Galega de Pastos en Seoane do Courel. / Imaxe: SGPF.

O gando, ademais do seu interese económico como actividade laboral, xera tamén gran interese nos pobos da zona polo seu efecto de protección das aldeas fronte o lume. Na xornada, contouse a experiencia que veñen de iniciar os veciños de Vieiros (Folgoso do Courel) para manter con gando ovino os prados do entorno das vivendas.

Outra aldea que se beneficia da actividade gandeira é Parada dos Montes (A Pobra do Brollón), na que os prados que xestiona a única gandería do lugar foron decisivos para evitar que o lume do verán chegase ás casas. “Nós tiveramos xa preto un incendio no 2017 e a partir daquela decidimos rozar tódolos anos as fincas do entorno do pobo. Que sucedeu?. Que ao cabo dun par de anos démonos de conta de que ese sistema non era sostible, pois tódolos anos había que pagar para o desbroce, e en moitos casos había que pedirlle a veciños que vivían fóra que pagasen a súa parte”, conta Marcos Ferreira, un dos veciños do lugar.

“Démonos de conta de que pagar desbroces cada ano non era sostible para protexer a aldea e entón decidimos aumentar os pastizais” (Marcos Ferreira, Parada dos Montes)

“Entón foi cando vimos que o máis sinxelo sería controlar o mato co gando” -sinala Marcos-. “Coincidiu esa fase co lanzamento da figura de aldeas modelo por parte da Xunta, e a través de convertirnos en aldea modelo, tivemos apoio para cercados e para transformar as terras do entorno da aldea en zonas de pasto. Agora, coa aldea modelo, os veciños que cederon as súas terras, en vez de pagar polo desbroce, incluso cobran un pequeno aluguer que abona a gandería”.

De cara ó futuro, para atraer novos proxectos gandeiros para as aldeas do Courel, Marcos sinala que, a parte de zonas de pasto, é fundamental ofrecer condicións atractivas a nivel de calidade de vida. “Precísanse servizos como bos accesos, internet ou saneamento”, destaca.

A altura do mato redúcese un 90% nas zonas controladas polo gando

O papel do gando para o control do pasto arbustivo (mato) é unha cuestión que se pon de manifesto tanto nas experiencias das ganderías como nas investigacións que se viñeron desenvolvendo nas últimas décadas.

Un dos últimos ensaios fíxoo o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo na Finca Marco da Curra (Monfero, A Coruña) no periodo 2018-2021. Sobre parcelas de pasto arbustivo que se desbrozaron, instaláronse dous ensaios, un con bestas de pura raza galega e outro con cabras. En ambas parcelas mantivéronse ademais xaulas de exclusión, nas que non podían entrar os animais, para comparar a evolución do mato nas zonas pastoreadas e nas excluídas do pastoreo.

O resultado foi o previsible. Nas zonas sen pastoreo, aumentaron as especies arbustivas e a altura do mato, mentres que nas zonas pastoreadas, o mato mantívose baixo e aumentaron as especies herbáceas.

A biomasa de parcelas sen gando acadou en 3 anos as 12 toneladas por hectárea, fronte ós 400 Kg. de parcelas pastoreadas

En números, ao remate do proxecto, desenvolvido entre o 2018 e o 2021, as zonas sen pastoreo acumulaban unha biomasa de materia seca equivalente a uns 12.000 Kg. / hectárea, en tanto nas zonas pastoreadas, a biomasa limitábase a arredor de 400 Kg. / hectárea, segundo detallou na xornada do Courel o investigador Santiago Crecente. En ambos casos, as terras foran desbrozadas antes do inicio do proxecto.

Os resultados da investigación de Marco da Curra son similares á experiencia de ganderías da montaña galega, así como a investigacións anteriores, nas que se constataba que nas parcelas pastoreadas a altura do mato quedaba no entorno dos 15-20 centímetros, fronte ó 1,5 – 2 metros de media que chegaba a acadar en parcelas sen presenza do gando.

De cara ó futuro, Marco da Curra ten previsto continuar con esta liña de proxectos. A intención é que o próximo ensaio sexa unha experiencia de pastoreo mixto, con cabras e bestas nas mesmas parcelas (de xeito secuencial ou non), pois iso permitiría un mellor control de todo o mato.

Os cabalos adoitan deixar as silvas sen consumir, mentres que as cabras deixan os toxos, polo que ao combinar ambas especies, lógrase un mellor control de silvas e toxos, así como do resto do mato. En xesta e piorno, tanto cabalos como cabras demostráronse efectivos no seu control, igual que nas uces, que medran algo máis cos cabalos.

“A xente quere gando para protexer as aldeas do lume”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información