“O futuro do viño en Galicia pasa por poñer en valor o minifundio e por elaborar produtos moi singulares”

José Luis Mateo leva dende 1987 adicándose a coñecer os viñedos galegos en xeral e os de Monterrei en particular. Logo de case 40 anos de traxectoria, expón o pasado do sector en Galicia para ter as claves que guíen o futuro. E explica tamén que é o que caracteriza a Denominación de Orixe Monterrei e como chegaron a ser o que hoxe son. Fíxoo nun foro organizado polo Museo do Viño de Galicia.

Publicidade
“O futuro do viño en Galicia pasa por poñer en valor o minifundio e por elaborar produtos moi singulares”

José Luis Mateo, na terraza do Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia.

Unha tarefa pendente que temos en Galicia é a de identificar e rexistrar todas as parcelas, terreos e zonas vinícolas. Incluso as que desapareceron. Hai un século, en cada aldea todos os veciños coñecían que leiras eran boas para o viñedo, canto podían producir, que castes e que tipo de viños daban. E tamén que parcelas nunca ían servir para viño. Ese coñecemento inmaterial perdeuse e debemos recuperalo coas técnicas que temos hoxe. Con esta premisa, José Luis Mateo, viticultor e adegueiro, desenvolveu a súa intervención no marco das III Xornadas Falemos do Futuro da Vitivinicultura Galega, que se desenvolveron no Museo do Viño de Galicia en Camporredondo (Ribadavia).

E é que Mateo considera que a identificación da terra vinícola, tanto nas Denominacións de Orixe (DO) como nas Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) e tamén nas zonas non adscritas a figuras legais de recoñecemento vai ser moi útil para os viños galegos á hora de acudir ao mercado. Non en van, lembra o viticultor, hai séculos o 90% do territorio galego producía algún tipo de viño.

Mateo asegura que “o coñecemento que se foi adquirindo e transmitindo durante xeracións fixo posible que todas as preguntas que se plantexen sobre o viñedo e o viño de Galicia teñan unha resposta. Da igual se as formula un adegueiro, un viticultor, un comercializador ou calquera outro axente do sector. Sempre hai unha resposta clara dende a terra e a tradición. Todo ten un porqué.”

Segundo afirmou o adegueiro, esta situación non se da noutras zonas do mundo onde non hai tradición, onde o cultivo se perdeu ou onde se está a implantar. Neses casos teñen que buscar respostas noutros lugares e non sempre as atopan. Aquí levamos milenios analizando e respondendo.

A grande tarefa pendente en Galicia é ter rexistrados todos os datos das parcelas que producen, produciron e poden chegar a producir viños. José Luis Mateo, Quinta da Muradella

Mateo desenvolve o seu labor profesional na Adega Quinta da Muradella, en Ábedes, no concello ourensán de Verín e adscrita á DO Monterrei. Por eso, quixo facer un repaso pola historia, características e claves de futuro da produción de viño e a viticultura na súa comarca.

“Aínda que non o pareza, Monterrei é unha zona moi complexa e difícil de entender. Podes levar toda a vida nela e non ser quen de abranguer todo a información que ofrece. Eu comezo a ter algunhas respostas logo de máis de 35 anos traballando as viñas. Pero tiven que marchar e regresar para comprender certas cousas.”

Monterrei

Un feito trascendental pero pouco coñecido é a importancia que tivo a comarca nos séculos XV e XVI pola súa condición de fronteira con Portugal. “Era unha zona cun enorme peso militar e administrativo. Polos conflitos recorrentes co país veciño. A fronteira fixou poboación e trouxo potentes infraestruturas, especialmente no eido da agronomía. A diferencia doutras zonas de viño de Galicia, en Monterrei as parcelas son relativamente grandes e soen ser chairas. Eso é unha herdanza da necesidade de ter forza produtiva na fronteira.”

Outro momento histórico no que se nota a fortaleza que tivo daquela Monterrei témolo na conquista de América. “A zona dependía administrativamente do mosteiro de Celanova, que pola súa condición de praza forte tiña moita influencia nas cortes dos Reis Católicos, de Carlos I e de Felipe II.”

Por eso, di Mateo, en áreas vitivinícolas de América como son California e Chile -as dúas máis recoñecidas do continente- hai unha abondosa toponimia levada dende as terras de Monterrei e moitas técnicas de cultivo imitando as de aquí. Ata hai paisaxes moi similares pola acción do home.

Malia ese poder e influencia, a comarca nunca deixou de estar illada por razóns orográficas. O illamento condicionou o manexo das viñas e, sobre todo, limitou as posibilidades de comercialización do viño. “Pola distancia ao mar ou polo paso de rutas comerciais, outras zonas tiveron máis facilidade de sacar os seus viños fora de Galicia.”

O illamento, o clima e a mineralidade dos solos son os grandes condicionantes na elaboraciòn e comercialización dos viños de Monterrei.

Na evolución no tempo da DO Monterrei tamén influíron as condicións climáticas. “O clima aquí é moi singular. Pódese calificar de continental extremo -cada vez éo máis- e eso leva a que o viticultor teña que acometer un sobreesforzo para plantar e sementar o viñedo de xeito que o viño poida sair ao mercado con garantías.”

“Máis que viticultores, debemos ser agricultores que domestiquemos as viñas. Certo que o chan e o clima crean unha contorna que pode parecer hostil, pero o ser humano leva máis de 5.000 anos cultivando diferentes especies vexetais nesta zona. E eso nun contexto de secas, xeadas tardías, calor e frío extremos…”

Unha derivada de traballar nesas condicións reflíctese na ampla variedade de castes de uvas que hai na zona. “Cómpre esa grande gamas de uvas distintas para poder chegar a elaborar viños equilibrados nunhas condicións tan extremas e cambiantes. Por suposto, a enoloxía, viticultura e ata a comercialización van estar condicionadas por esa situación.”

Para Mateo, que o viño transmita as características da terra é algo fundamental

Para Mateo, que o viño transmita as características da terra é algo fundamental

Mateo afirma que tanto o illamento como a terra e o clima levaron a que os viños de Monterrei se moveran tradicionalmente en mercados de moita proximidade e con canles de comercialización moi básicos e primitivos. Hoxe vaise superando ese feito, pero son conscientes de onde veñen.

Como en boa parte da provincia de Ourense, na bisbarra de Monterrei houbo balnearios que aproveitaban as augas minerais. Hoxe a meirande parte deles convertéronse en empresas embotelladoras de auga, e non son o principal motor económico da zona.

E, afirma Mateo, as características minerais que a terra confire a auga tamén están presentes nos viños. “Aquí nunca houbo tradición de viños vellos -de ata 20 anos-; eu teño probado algúns e é certo que non manteñen a acidez nin outros parámetros, non envellecen ben. Pero todos teñen algo en común: a salinidade, o elemento mineral.”

O terreo de Monterrei está moi marcado pola presenza de minerais. Hai abundante ferro, sodio e xofre. “Un correcto manexo das cepas traslada ao viño esa mineralidade. É algo que pode sonar negativo, e máis nuns solos ácidos como son os galegos. En Monterrei non é algo que percibamos como negativo. Ao contrario: a presenza metálica supón un plus en canto a diferenciación e calidade.”

Nos últimos tempos estanse a realizar estudos xeolóxicos e biolóxicos do chan para coñecer e afrontar do mellor xeito o seu efecto nas videiras. “Aínda que as teorías enolóxicas apuntan á necesidade de ter solos calcáreos para obter bos viños, estamos comprobando que non é así. Todo depende de como interactuemos co solo e as súas condicións.”

Para o adegueiro, a clave está no traballo humano. “A acción do home aportando materia orgánica nas medidas xustas contrapesa a acidez e salinidade dos solos. Así, lévase á terra ao límite e nese límite pódese acadar unha expresión vinícola excelente. Os mellores viños do mundo danse en zonas onde se acada o equilibrio logo da “loita” entre a terra e o viticultor.”

A acción do home domesticando as videiras en zonas de orografía, clima e solos complicados é a que pode dar lugar á mellor expresión do viño

Dese xeito, afirma o viticultor, a uva moi equilibrada e cun manexo enolóxico correcto vai dar lugar a viños con moita personalidade e cun marcado carácter diferencial, que é algo que os mercados están a recompensar na actualidade. “E esto vale non só para as adegas. Calquera empresa busca sempre que o seu produto sexa único e diferente.”

Na DO Monterrei están autorizadas doce castes de uvas (godello, treixadura, dona branca, albariño, loureira, branca de Monterrei, caíño branco, mencía, merenzao, araúxa, caíño tinto e sousón) e sábese que hai presentes moitas outras. Malia ser variedades moi diferentes entre si, comprobouse que todas elas adquiren aquí unha expresión moi diferente da que acadan noutras zonas onde tamén se cultivan.

Manexo das viñas

“A viña non é só unha parcela agrícola. É algo máis. É a expresión da forma en que o viticultor interpreta o entorno e actúa sobre el. Nese proceso interveñen factores e condicionantes históricos, sociolóxicos e agronómicos.”

Nesa liña, e facendo unha comparativa con outras zonas vitícolas de Galicia, Mateo explica que “nas Rías Baixas vemos as uvas en parras e en altura, no Ribeiro se fai con apoio en estacas, con forma de vaso e mantendo a humidade do chan…a videira é unha planta silvestre e, polo tanto, hai que domesticala constantemente. Non é como os cereais que sempre actúan igual. A cepa hai que guiala para levala onde queremos.”

Por outro lado, o traballo vitícola profesional implica a introdución dun monocultivo nunha parcela. Eso provoca unha alteración do solo e a contorna e, segundo Mateo, é deber do viticultor traballar no tempo para que a terra recupere o seu estado orixinal, o que tiña antes de ser domesticada.

“A eso podémoslle chamar biodinámica, agricultura ecolóxica, viticultura rexenerativa…cada un pode utilizar as etiquetas que considere oportunas porque, en esencia, do que se trata é de recuperar os labores tradicionais, o que se fixo toda a vida. E aplicar o sentido común.”

As técnicas tradicionais pódense aplicar nos viñedos independentemente do seu tamaño, di Mateo

As técnicas tradicionais pódense aplicar nos viñedos independentemente do seu tamaño, di Mateo

Malia a defensa que fai das técnicas respectuosas cos solos e dos métodos tradicionais, Mateo asegura que non se deben demonizar prácticas que resultaron efectivas no pasado aínda que agora non sexan recomendables. “Houbo tratamentos fitosanitarios que resultaron imprescindibles para manter a actividade vitícola en zonas como a Ribeira Sacra ou o Douro. Foron moi positivos no seu momento. Hoxe debemos ir a outras opcións, mais non esquezamos que cumpriron a súa función e que a poden volver cumprir no futuro.

En Quinta da Muradella están acometendo un proceso de identificación plena das parcelas e previamente desenvolveran outro de identificación dos terreos. Recoñecen que non sempre poden aplicar os medios técnicos máis avanzados, pero non desisten no traballo. E animan a todos os proxectos vitivinícolas galegos a levar adiante pasos similares para coñecer a fondo onde están a traballar.

“Non me cansarei de insistir na necesidade de crear un rexistro de todas as parcelas, lugares e terruños onde hai e houbo viño. Incluso a toponimia desas localizacións xa da unha boa pista das súas características, posibilidades e historia.”

A caste de uva empregada e o terreo onde se cultiva forman un binomio indisoluble. O labor do home é saber transmitir a interacción entre ambos elementos.

Castes ou terreos

Nas xornadas celebradas en Ribadavia propoñíase o debate sobre se nas adegas é máis importante a caste de uva que se emprega ou o terreo onde se cultiva. Para Mateo, ambos elementos forman un binomio indisoluble. “Porque as castes, sexan cales sexan, expresarán coa súa linguaxe vexetal o que é o terreo que as contén. Son a correa de transmisión do que o solo quere contar, pero fano coas súas propias verbas.”

O adegueiro de Monterrei di que a ese binomio hai que lle engadir a acción do home ao longo da historia e , para eso, é preciso coñecela e valorala. “A riqueza dos viños galegos está en como o ser humano soubo combinar solos e castes do máis variado mediante manexos moi diferentes segundo cada zona.

Sen embargo, cre Mateo, esa experiencia común terra-videira-home non a sabemos valorar o suficiente. “É habitual que se sinta un certo complexo de inferioridade respecto dos vignerons franceses. Pero aquí temos unha figura exactamente igual, que son os colleiteiros que son capaces de cultivar as súas uvas e producir o seu propio viño con todas as garantías de calidade. Poderán ter defectos, coma todos, pero saben expresar o que transmite a súa viña.”

De aí que avogue por recuperar e poñer en valor a eses pequenos viticultores e adegueiros. “Son os que están todos os días a pé de viña; os que teñen a información sobre como aproveitar de xeito eficiente o terreo e os que coñecen a súa historia e tradición. Son os únicos que van saber transmitir o feito diferencial que supón cada pequena elaboración respecto doutra.”

Dese xeito, e aínda que recoñece que non é unha opinión popular, Mateo asegura que o futuro do viño en Galicia non pasa por grandes extensións fáciles de traballar e moi tecnoloxizadas. “Por suposto que teñen que existir, xa que son unha fonte de riqueza. Pero, para min, o verdadeiro valor -incluso económico- está no minifundio. Ollo, un minifundio pode ser de moito tamaño; ao que me refiro é a que se traballe con métodos tradicionais e escoitando os solos e as plantas.”

Dotar de valor económico as prácticas do minifundio, do viño que producen e do intenso traballo que supoñen é, para este adegueiro de Monterrei, o gran reto que afronta o sector vitivinícola galego. “Se noutras zonas, especialmente de Europa, conseguen que todo eso sexa unha imbatible ferramenta de marketing, aquí tamén temos que ser capaces.”

Non ten sentido acumular experiencia, coñecemento e traballo ao longo do tempo para logo acabar vendendo o quilo de uva a un euro.

Máis duro se amosa coa situación do mercado. “Non ten sentido acumular experiencia, esforzo e coñecemento para logo vender o quilo de uva a un euro. Hai que valorar as cousas porque o consumidor está disposto a pagar se sabemos transmitirlle o que facemos ben. Borgoña ou Champaña son exemplos de éxito con modelos similares.”

José Luis Mateo pechou a súa intervención apuntando ou lembrando seis claves para gañar o futuro:

– Utilización de castes autóctonas, que son as que mellor se adaptan ao terreo e as que máis nos identifican.

– Non renegar dos solos ácidos e minerais, porque poden ser ideais para elaborar viños diferenciados e con perfís moi definidos.

– Transmitir o consumidor a importancia dos proxectos de pequeno tamaño. Darllos a coñecer para que poida achegarse a coñecelos ou que os poida mercar, algo que hoxe é doado polas novas tecnoloxías.

– Destacar a importancia da historia e da tradición. Hai que seguir investigando, recopilar todos os datos dispoñibles para construir un relato que reflicta esas prácticas milenarias. E que sirva como guía para o viticultor actual

– Manter a figura do viticultor-elaborador, que non é menos profesional ca ninguén en todo o sector mundial do viño.

– Concienciarse dende as administracións da necesidade de identificar todas as parcelas de produción de viño. Cando unha viña se converte en monte ou a ter outro cultivo, pérdense con ela séculos de historia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información