
Lucía Martínez Martínez é gandeira de vacún de carne, apicultora e xestora dunha páxina de venda online de produtos da súa terra, o Macizo Central ourensán. E todo eso dende o pequeno lugar de Bozqueimado, na parroquia de Casteligo, en Chandrexa de Queixa.
Malia o seu nome, o lugar foi dos poucos que non ardeu nos incendios do pasado ano. En boa medida, grazas á presenza de pastos e masas frondosas que xestionan os gandeiros desta zona, que loitan diariamente por seguir mantendo, como Lucía, o medio de vida que sempre os caracterizou.
Con só 28 anos, a rapaza ten claro que o seu futuro está aquí e está disposta a loitar por el, malia as circunstancias adversas que rodean tanto os sectores gandeiros e o mundo rural en xeral, como a zona de Chandrexa en particular.
Precisamos completar os ciclos produtivos e poder ter decisión nos prezos dos nosos produtos
Lucía cre que o futuro pasa, en boa medida, por que os produtores completen os ciclos e sexan quen de vender os seus produtos sen intermediarios e podendo intervir na fixación dos prezos. Por eso xa comercializan o seu mel -baixo a marca Sabor da Serra– están tramitando vender a carne dos xatos despezada e ofertan a través da rede o que elaboran outros produtores pequenos da comarca mediante a páxina web De Aldea Galega.
Debido ás diferentes tarefas que desempeña, Lucía exerce como traballadora autónoma. A titular da granxa de vacún -Gandería Galupa- é a súa nai, e na explotación tamén traballan o pai e a parella de Lucía. Aínda que todos fan un pouco de todo. Agás na venda online, que é cousa dela.
Cabana gandeira
“A cabana media que manexamos componse dunhas 50 vacas reprodutoras e arredor de 30 xatos que están nas diferentes fases da cría. É decir, movémonos na contorna dos 80 animais. Estamos adscritos a Ternera Gallega Suprema e a nosa produción é ecolóxica”, explica.
A monta natural é un sinal de identidade da explotación. “Sempre traballamos con monta natural, porque cremos que é máis adecuada para o noso modelo e porque está a dar bos resultados. Cada seis ou sete anos imos cambiando de touros para evitar a consanguinidade.”
Vendemos xatos para Ternera Gallega Suprema e animais para vida con carta xenealóxica da raza Limousin
Outra característica é que traballan só con exemplares da raza Limousin. E máis da metade da cabana dispón de carta xenealóxica porque outra pata do negocio está na venda de exemplares para vida, aproveitando a alta demanda que hai agora de vacún de carne en xeral e máis en concreto de Limousin.
“A elección das Limousin debeuse a que se adapta perfectamente ao noso sistema de manexo. A nosa explotación é totalmente extensiva. E hai que ter en conta que aquí os veráns son de calor extrema e os invernos moi duros, con frío e nevaradas. A rusticidade das Limousin é o que máis nos atraeu”.

As vacas de raza Limousin de Gandería Galupa adáptanse perfectamente ao clima extremo de Chandrexa de Queixa
Outros parámetros como a dureza de patas, a facilidade de parto, a docilidade e a capacidade produtiva tamén influíron na elección. “As vacas están todo o ano fóra e paren elas soas. Nin nos enteramos. E logo os becerros espabilan moi rápido e adáptanse deseguida”.
A alta produtividade vital da raza na explotación é outro rasgo de Galupa. “Fomos seleccionando bastante ben, temos algunhas datas de intervalo entre partos de 350, 340 e ata hai de 330 días. Dese xeito podemos ter vacas que nos dean 20 xatos en 22 anos de vida”.
Coas Limousin temos unha raza moi adaptada ao terreo e cunha alta produción de becerros durante a súa vida
Por estar en Ternera Gallega Suprema, os xatos están consumindo leite materno ata os 7 meses como mínimo. E, despois, saen para o matadoiro con dez meses de idade, como marca a normativa. Dese xeito, teñen un período de cebo máis reducido que noutras explotacións.
Base territorial
Para a produción de pastos e forraxes contan cunhas 65 hectáreas de terreo integramente dedicadas a pradería. 20 desas hectáreas son en propiedade e o resto téñenas arrendadas a propietarios da zona.
“Aproveitamos toda a herba do país que produce o monte de forma natural. Aplicamos os laboreos mínimos e non sementamos. Só se trata de xestionar o que xa producen os solos. E temos produción suficiente tanto para pastar como para ensilar.”

As leiras válidas para a gandería extensiva escasean en Bozqueimado pola complexidade da orografía
O millo non é unha opción porque o clima non favorece o seu crecemento e porque esixiría uns traballos de maquinaria para a sementeira e a recollida que non se poden realizar con seguridade en terreos como os do concello de Chandrexa. A ración dos animais complétase con penso de arranque para os xatos e con algúns tacos en momentos puntuais para as vacas.
Aquí é moi difícil aumentar a base territorial porque hai poucas leiras válidas e están moi solicitadas. Tamén por iso quixemos diversificar
A base territorial é un problema. “Nós, a día de hoxe, non temos posibilidade de expandirnos. Porque non hai terreos dispoñibles. Nesta zona hai outras explotacións e as leiras que realmente serven teñen moita demanda. E logo está o problema do minifundio. Temos que adaptarnos a esta situación.”
Parque de Maquinaria
Todas as faenas agronómicas teñen que desenvolvelas na explotación cos seus propios medios. “Aquí non hai posibilidade de externalizar. Non hai empresas de servizos agrícolas na zona e, se teñen que vir de lonxe, supoñen uns custes excesivamente elevados.”
Por eso, en Galupa fan o ensilado, o abonado, o transporte de comida, o laboreo da terra, os desbroces e nivelacións de terreos, as achegas de auga, a preparación de leiras, a retirada de residuos e todo o que conleva unha explotación extensiva coa súa propia maquinaria.

No traballo directo coas vacas hai catro persoas que teñen que asumir todos os labores
“Eso supuxo un forte investimento, pero non quedou outra. Nesta zona non temos tampouco ningunha cooperativa que ofreza polo menos algún dos servizos necesarios e a verdade é que tampouco se plantexou nunca a creación dunha CUMA”.
Non só faltan servizos públicos ou ofertas de ocio, tampouco dispoñemos de empresas que permitan externalizar traballos
Dese xeito, na granxa dispoñen de dous tratores, unha hileradora, unha encintadora para rolos de herba, unha desbrozadora, unha trituradora, dous remolques -un deles para abonar-, unha rotativa e unha cisterna.
Comercialización e liñas de negocio
Polo de agora, a carne dos seus animais véndenlla a diferentes carnicerías e industrias cárnicas da provincia de Ourense. Pero, sinala Lucía, agora están nun momento de cambio.
“Temos a intención de vender directamente a carne dos nosos animais. Porque sería moito máis beneficioso. Para eso necesitamos unha sala de despece, que é algo que custa moito conseguir polos terribles requisitos administrativos. Dese xeito, nun primeiro momento poderiamos externalizar o servizo mentres realizamos os trámites para elaborar e vender nós directamente. É algo a valorar”.
A intención é montar unha sala de despece para comercializar directamente a carne, aínda que é un proceso burocrático complexo
Os animais que van para vida teñen diferentes idades segundo as necesidades do comprador. “Agora mesmo, o noso mercado de animais de vida está por diferentes zonas de Galicia. Pero temos vendido moito para Castela-León, especialmente para Zamora.”

Das 35 colmeas extraen mel e outros recursos para elaborar produtos de alto valor engadido
En canto á posibilidade de complementar a actividade co cebado de vacún maior, é algo que descartan. “Na explotación desbotamos criar vacún vello, malia as altas cotizacións que está a obter no mercado. Porque o noso sistema está concibido para a produción de xatos de moita tenreza e porque o vacún maior suporíanos un investimento non exento de riscos.”
En Galupa completan os ingresos cunha tenda online, da que se encarga Lucía. “Temos produtos do macizo central empezando polo noso mel, procedente de 35 colmeas e co que tamén elaboramos copos, muesli e cosméticos. E bica de Trives, viños da Ribeira Sacra, Montonico de Vilariño de Conso…
Coa tenda online temos unha liña de negocio e damos a coñecer toda a produción agroalimentaria da zona
O mercado da tenda está sobre todo na zona central de Ourense. E despois no resto da provincia e entre os oriundos do Macizo que viven en Madrid e Barcelona e botan de menos os produtos da terra. E, curiosamente, teñen un amplo mercado en Alicante, sen saber con certeza por que motivo.
Fauna salvaxe
Como en calquera comarca gandeira, a fauna salvaxe supón un risco para Galupa e para o resto de explotacións de Chandrexa. Un risco que se viu acentuado logo dos incendios do pasado ano, que supuxeron a destrución do hábitat de lobos, xabarís, corzos e grandes aves.
“O lobo sempre está presente. Vémolo periodicamente. Para evitar os seus ataques dispoñemos de tres mastíns altamente cualificados. Son animais que fan un excelente servizo, de xeito que levamos catro anos sen ter ataques. Eso non significa que non se vaian producir ou que poidamos baixar a garda”.
Os devastadores incendios de 2025 provocaron movementos da fauna salvaxe cara estas zonas menos afectadas
Outra cousa é o xabaril, que se converteu nunha carga. “Como non estea un lote de vacas no prado, alá entran os xabarís e levantan boa parte da herba. Eso é un problema porque reduce a produtividade dos solos. E máis agora que os animais tiveron que abandonar as zonas que arderon porque non lles quedou nada que comer nin onde acubillarse.”

Para a protección do rabaño contan con tres mastíns de alta eficacia probada
Visión do futuro e do sector
Lucía quere ser optimista de cara ao futuro pero cre que ten que haber cambios profundos. “Véxoo complicado, é dicir, vexo que temos que movernos para poder comercializar e cerrar o noso círculo. Porque, se non, parece que estamos aquí para que especulen con nós, que non pintamos nada.”
A evolución dos prezos da carne é a preocupación inmediata. “Agora mesmo estannos baixando o prezo da carne para apretarnos e seguir reducindo. Pero ao consumidor final non se lle baixa. Ao contrario. E mesmo estanlle metendo unha carne de fóra que non é da calidade da que é a que se produce aquí cos métodos extensivos.”
Temos que ser nós os que fagamos saber ao consumidor que non só producimos alimentos de primeira calidade senón que coidamos o territorio
Por eso, a rapaza cre que hai que buscar alternativas. “Creo que é o momento no que debemos focalizarnos en poder pechar o círculo produtivo e poder vender nós directamente. Primeiro para que o noso produto non perda o valor que ten. E, segundo, para que o consumidor final saiba o que está comendo e poida valoralo”.
Por exemplo, di Lucía, no caso de Galupa non só se están criando vacas senón que se está limpando un monte e mantendo unha cultura e tradición milenarias. “Temos que ser nós os que concienciemos a consumidores e administración da importancia do noso labor que, modestamente, creo que é máis importante que o de quen simplemente distribúe”.

Lucía lembra que a presenza das vacas permite manter activo o territorio e que produza alimentos de calidade
As novas tecnoloxías chegaron á gandería para quedarse. Sexa no modelo e tipo de produción que sexa. En Galupa sábeno e, malia as trabas, recorren a elas. “Tratamos de sacar adiante diferentes liñas de negocio empregando novas tecnoloxías. Non é doado porque aquí a cobertura sempre foi moi mala e, cos incendios do ano pasado, aínda empeorou.”
Será difícil atraer xente nova a estas zonas e a estas actividades mentres sigamos sendo obxecto de especulación e non teñamos autonomía
Así, empréganas para o funcionamento da tenda online, para a xestión das liñas de negocio, nas aplicacións de manexo de gando e nun elemento como os colares dixitais do gando. “Polo de agora non empregamos os valados virtuais, pero cos colares dixitais temos as vacas localizadas, coñecemos o estado da rumia, os celos…e sen necesidade de conexión porque empregamos a rede de Innogando”.
Aos seus 28 anos, Lucía lamenta que a xente nova marche de xeito masivo do lugar. “Eu puiden ter marchado, xa que fun estudar a Ourense e tiña saídas laborais. Pero decidín apostar por volver para aquí e manter o territorio vivo e produtivo”.

O despoboamento e a falta de servizos no macizo ourensán non botan para atrás a Lucía
E é que dos 20 rapaces e rapazas que foron ao colexio e ao instituto con Lucía, tan só 4 viven hoxe na contorna. Aparte de que os estudantes de Chandrexa levan desprazándose á Pobra de Trives case todo o que vai de século polo peche dos centros de ensino e antigas escolas unitarias.
Para as persoas da súa idade, semella necesario ter algunha fórmula de lecer para poder descansar do duro traballo da gandería. “O certo é que aquí non é moi abondosa en canto a hostalería. Temos, si, a estación de Manzaneda, que ofrece servizos de deporte e lecer durante boa parte do ano. Para o demais hai que se desprazar bastantes quilómetros”.
Dos 20 alumnos desta zona que iamos ao IES da Pobra de Trives, tan só 4 seguimos vivindo e traballando aquí. E aínda é peor en xeracións anteriores
Á antedita falta de centros de ensino, hai que engadirlle que o hospital máis cercano -o de Ourense- está a algo máis dunha hora en coche. Igual que o resto de servizos administrativos, que só se ofertan na capital ourensá. E atravesando unhas estradas que non son as mellores.
“Con todo, nós non nos podemos queixar porque estamos relativamente preto. Pero temos compañeiros noutras zonas do Macizo que están a máis de dúas horas da capital e que non teñen ningunha oferta de ocio ou cultura e están moi alonxados das sedes de servizos esenciais. E iso é un lastre para o futuro da gandería.”
Galego









Control OJD