
A parroquia das Encrobas, en Cerceda, é onde desenvolve a súa actividade produtiva Horta da Lousa. Néstor Liñares dirixe un proxecto que combina produción de horta fresca, invernadoiros, castiñeiros e gando vacún de carne.
A proximidade coa cidade de A Coruña supón unha grande opción de mercado mais, sinala Néstor, non é suficiente con que exista ese mercado, hai que saber chegar a el e conectar permanentemente cos consumidores.
– Cales son as actividades en detalle da vosa empresa?
A nosa actividade principal é o viveiro ecolóxico de plantas hortícolas, ornamentais, aromáticas e mediciñais. Temos tamén produción de horta ecolóxica en fresco, principalmente tomate, cebola e cabaza. A maiores contamos cunha gandería de Ternera Gallega e vendemos os xatos na categoría de suprema.
Só contamos con seis cabezas de gando, polo que non é unha actividade de alto rendemento para a explotación, pero empregamos o esterco compostado dos animais como un fertilizante da mellor categoría. E temos as fincas arredor das instalacións en pasto e limpas de maleza grazas ás vacas,
O noso último proxecto é unha plantación de 10 hectáreas de castiñeiro orientadas á produción de froito. Levamos cinco anos traballando nesta iniciativa con castes que presentan boas características de conservación e de transformación. Na empresa somos catro traballadores, dous socios e dous empregados. E temos dúas persoas que contratamos nos picos de traballo da temporada.
– Cal é o perfil da vosa clientela?
Dado que a actividade da empresa é moi diversa, tamén o é a clientela. No caso do viveiro, os principais compradores son tendas de suministros agrícolas. En horta ecolóxica, os clientes son produtores ecolóxicos profesionais e, nunha pequena porcentaxe, particulares para autoconsumo.
A produción hortícola en fresco destínase a comedores de empresa e distribuidores de hostalería. E os becerros véndense directamente a particulares. En canto ás castañas, aínda non temos un volume de produción como para definir o noso mercado. Xa o veremos.

A empresa traballa en 7.500 m² de invernadoiros para unha clientela moi diversa
Nos inicios da explotación si que practicabamos a venda directa. Iamos porta por porta a restaurantes, froiterías, ultramarinos…Cando aumentamos superficie e a produción empezou a medirse por palés e non por caixas, decidimos deixar a venda directa e traballar con distribuidores e maioristas. Pero, se algún particular se toma a molestia de vir onde nós, por suposto que será atendido.
– Estar na área metropolitana de A Coruña supón unha vantaxe. Sería posible este modelo nunha zona estritamente rural?
Estou convencido de que o noso modelo funciona porque estamos na área metropolitana de A Coruña. Temos a sorte de estar ben comunicados, no medio do Eixe Atlántico, e nunha zona de moito consumo. Noutras zonas de Galicia se cadra este sistema non sería viable.
A Coruña sempre atraeu xente de moi distintos puntos da xeografía. Por outro lado, a súa economía non se basea nunha única actividade como pode suceder noutras. Está moi diversificada. E a cidade presenta un nicho de mercado de poder adquisitivo medio/alto no que as producións de máis valor pola súa calidade e diferenciación poden ter unha saída comercial.
O noso modelo funciona porque estamos na área metropolitana da Coruña. Nunha contorna máis rural teriamos que traballar doutros xeito
Nos últimos anos, e especialmente a raíz da pandemia, moita xente das cidades sentiu o desexo de emprender algún proxecto no campo. Aínda que non sexa de modo profesional. E, moitas veces, non atopa en quen apoiarse ou a quen recorrer para informarse e asesorarse.
Hai que ter en conta que moita xente que vive na cidade segue tendo terras no rural. E é habitual que non saiba que facer con elas ou mesmo que lle supoñan un agobio. Entrando en contacto cos profesionais ven que se poden facer cousas sen romper a cabeza.
– Cada vez é máis habitual que empresas de horta ofrezan actividades formativas para as persoas que desexan adentrarse no cultivo. É o voso caso?
Tentamos manter unha axenda formativa na medida da nosa dispoñibilidade. Todos os anos recibimos visitas de alumnos de centros de ensino. Principalmente de ciclos de Formación Profesional de paisaxismo e produción agraria.
Pero, máis aló de acoller esas visitas, non temos unha axenda nin unhas actividades preparadas. Xa hai quen se dedica a ese labor e nós non temos nin tempo nin planificación. Outra cousa é dar algún consello ou recomendación se nola piden, claro.

O coidado rexenerativo dos solos é un parámetro constante no traballo de Horta da Lousa
– A sustentabilidade e o coidado dos solos son sinais de identidade da empresa. De que xeito os aplicades?
Somos conscientes da necesidade de coidar os solos. Cando eu comencei, en 2013, xa se facía un manexo ecolóxico integral. Por eso decidimos obter a certificación ecolóxica. Agora estamos a implementar técnicas de agricultura rexenerativa.
Imos facendo probas nas parcelas para poder reducir o laboreo ao mínimo e que os solo teña un manexo rexenerativo
Na explotación imos facendo probas parcela a parcela para ir reducindo o laboreo. Son procesos moi complexos nos que hai que poñer os cinco sentidos para que resulten eficaces. Hai que manter o solo vivo e que os seus recursos propios se rexeneren, Un exemplo é o intercambio de variedades. O obxectivo a medio prazo é que a explotación sexa capaz de producir a meirande parte dos insumos.
O grande reto é conseguir mecanizar a produción cos criterios rexenerativos e de respecto polo solo. Non é fácil pero os pasos que imos dando comezan a dar resultados. Cando consigamos desenvolver un sistema de traballo que combine os dous conceptos, seremos máis eficientes. Coido que estamos no bo camiño.”
– Cal é a superficie e instalacións que utilizades? Tedes dificultades para acceder á terra?
Traballamos 7.500 m² de invernadoiros, 2 hectáreas para cultivos de horta ao aire libre e 20 hectáreas para o gando, 10 das cales están nun sistema de agroforestería co gando vacún. Nos invernadoiros aplicamos sistemas de control de clima e de rega automatizados nos que empregamos Intelixencia Artificial.
O acceso á terra non é doado porque nesta zona hai moita demanda de monte para produción de eucalipto. Aínda así, conseguimos establecer acordos con veciños que non teñen interese na produción forestal e ceden as fincas para que o proxecto poida medrar.
– Posible acordo co Mercosur, globalización, economías de escala…realmente hai sitio para os pequenos produtores coma vós?
Creo firmemente que os pequenos proxectos de corte familiar teñen cabida e futuro. Pero é imprescindible que fagamos un investimento en política comunicativa. O consumidor ten que saber cales son os nosos métodos de traballo e por que somos diferentes. Se o sabemos facer, seremos valorados.
É fundamental que o consumidor coñeza os nosos métodos de traballo e os elementos que nos fan diferentes
Eu sempre digo que o segredo é cultivar coma antes, porque redescubrir sabores que se tiñan no esquecemento é posible. En eventos e mercados decatámonos de que as persoas concienciadas coa ecoloxía e o coidado do medio ambiente ou a economía circular queren coñecer de primeira man os nosos proxectos.
Tamén cremos ser útiles para que os máis cativos teñan un primeiro contacto co que nós facemos e co que é a produción agrogandeira. Interactuando con nós adquiren as primeiras nocións do -por que non- pode ser o seu medio de vida o día de mañá.
-Sería posible dar o salto aos mercados de fóra de Galicia, aínda que sexa en proxectos conxuntos?
Xeralmente a imaxe de Galicia vai asociada ao marisco e ao albariño. E, se cadra en menor medida, ao leite de vaca e a carne. Pero a oferta agroalimentaria galega é enorme, variada e singular. Os produtores de horta, os pequenos, temos unha ampla marxe de mellora para dar a coñecer non só os nosos produtos senón tamén os nosos métodos de traballo, que supoñen un valor engadido. E eso hai que buscar a forma de aproveitalo.
Proxectos coma o noso recuperan sabores e sensacións tradicionais de Galicia que ían camiño do esquecemento
Os produtos galegos son dos mellores do mundo nos seus sectores e aportan uns sabores únicos. Pero temos que ser conscientes de que estamos na sociedade da información e que a divulgación e promoción do que facemos ten que ser constante. Calquera actividade na que participemos acaba aportando e sendo de utilidade.

Horta da Lousa leva máis dunha década ofrecendo produtos hortícolas con certificación ecolóxica
– Falabas de eventos, mercados e encontros. Son actividades que requiren de tempo ou obrigan a renunciar ao tempo libre. Realmente paga a pena asistir?
A posibilidade de falar con persoas moi diversas é enriquecedora para as dúas partes. Explicámoslles o que facemos e tamén coñecemos cales son as súas inquedanzas e en que aspectos podemos mellorar. Porque son clientes e clientes potenciais dos nosos produtos.
Os eventos serven para que os consumidores teñan coñecemento de que hai oferta máis alá das grandes superficies e mesmo das tendas especializadas. Que a poucos quilómetros das súas casas se está a facer un traballo que combina tradición e nova tecnoloxía para producir alimentos de alta calidade e asequibles.
Galego









Control OJD