“O futuro dos gandeiros galegos pasa por organizarse nunha cooperativa cun proxecto industrial”

Entrevista a Carlos Cabanas, secretario xeral de Agricultura e Alimentación do Ministerio de Agricultura. Asegura que "o Ministerio está a promover en España un acordo para valorizar o leite, como se fixo en Francia"

“O futuro dos gandeiros galegos pasa por organizarse nunha cooperativa cun proxecto industrial”

Carlos Cabanas na sede de ASAJA-Galicia

O secretario de Agricultura e Alimentación do Ministerio de Agricultura, Carlos Cabanas, reuniuse este xoves en Santiago de Compostela con responsables do sindicato ASAJA para analizar a crise do sector lácteo. Nunha entrevista con Campo Galego segura que a solución pasará polo acordo que está a impulsar o Goberno para revalorizar o leite entre industria, distribución e produtores, “como se fixo en Francia”, subliña; un pacto que confía que se aprobe en setembro.

Para as explotacións lácteas galegas, subliña que “o seu futuro pasa por agrupar os gandeiros en cooperativas e cun proxecto industrial”, tal e como sucede en Asturias, País Vasco ou en Andalucía.

Que lles diría aos miles de gandeiros galegos que se están a manifestar en demanda duns prezos do leite que cubran os custos de produción?
A mensaxe do Ministerio é que estamos a traballar para resolver os problemas do sector lácteo. A través de varias vías. Por unha parte, mediante actuacións e medidas que o propio MAGRAMA está a impulsar; e por outra parte a través da busca dun acordo global entre industria, distribución e o propio sector gandeiro que permita dar unha estabilidade e sostibilidade ao sector.

Esa é a liña na que se traballou en Francia e que entendemos que se pode facer. O que non podemos é fixar un prezo do leite porque é ilegal e non é o que se fixo en Francia.

Non obstante en Francia acordouse coa mediación do goberno francés un aumento de 4 céntimos ata chegar a un mínimo de 34 céntimos o litro a finais de ano…
Non se falou de prezo. O que se dixo en Francia é que as consecuencias do acordo poden levar a que o prezo aumente ata 4 céntimos, pero non se fixou un incremento de 4 céntimos. O que acordou o sector, que non o Goberno de Francia, é un acordo para o 20% da produción láctea do país polo que, se todo o sector traballa na valorización do leite e dos produtos lácteos, a consecuencia automática será unha suba de prezo para o gandeiro.

“O Ministerio está a promover en España un acordo para valorizar o leite, como se fixo en Francia”

E isto é o que estamos a formular no acordo en España para a estabilidade e a sustentabilidade do sector lácteo. Se todas as partes remamos na mesma dirección estamos convencidos de que a situación pode mellorar.

Non nos cabe a menor dúbida polas impresións dos contactos que estamos a ter de que todas as partes están polo labor de sumar no acordo para valorizar o leite.

En último termo, ¿a pelota non está no tellado da distribución?
Eu creo que corresponde a todos. A distribución ten o seu compromiso de non banalizar o leite e facer prácticas de compra que non favorezan a baixada de prezo. A industria tamén ten que valorizar o leite e recollela aos gandeiros a un prezo razoable, do leite que veu producindo esa explotación, porque os incrementos de produción temos que ver como se resolven.

E o gandeiro ten que organizarse e producir o que é capaz de vender. Todas as partes teñen que sumar neste acordo porque as repercusións para o gandeiro serán positivas.

Á vista das infraccións da Lei da Cadea Alimentaria que vén cometendo a distribución, ¿Cre que será efectivo un acordo de carácter voluntario?
É que os acordos non poden ser obrigatorios. É unha vontade á que todas as partes se suman para mellorar as condicións dos gandeiros e a de todo o sector en xeral.

Non nos cabe a menor dúbida de que a distribución, a industria e os gandeiros van traballar na supervivencia do sector lácteo. E as mensaxes que nos trasladaron as distintas partes van na liña de intentar chegar a un acordo.

Este acordo implicará ir abandonando por parte da distribución as poxas diarias do leite e a baixo prezo?
Supón buscar sistemas de cesión que permitan dar estabilidade ao sector. E cada un sabe o que terá que facer.

Cando chegarán os efectos do acordo ao gandeiro?
Primeiro imos chegar a un acordo e logo veremos como se traslada. Falar do traslado de algo que aínda non está acordado creo que é prematuro.

Mentres non se ven os efectos habilitaremos axudas de mínimis para dar liquidez ás explotacións lácteas en dificultades.

 “Non son razoables prezos do leite en orixe de 0,18 ou 0,20 euros”

Como valora que en Galicia haxa industrias lácteas que estean a pagar aos gandeiros 18 ou 20 céntimos polo litro de leite?
Sempre dixemos que non é razoable que se paguen eses prezos polo leite. No que hai que traballar é por revalorizar o prezo do leite e que ao gandeiro se lle pague, polo menos, os custos de produción.

Neste sentido, temos que fomentar o consumo de leite e de produtos lácteos. A partir de aí, que a industria sexa capaz de vender os produtos a unha distribución que é capaz de vendelo á súa vez, e que isto retorne ao gandeiro en forma dun prezo que sexa xusto.

Carlos Cabanas en rolda de prensa

Carlos Cabanas en rolda de prensa

En Galicia hai industrias que ameazan con deixar de recollerlle o leite aos gandeiros e que incumpren os contratos…
Para iso temos a AICA e trasladamos ás organizacións agrarias que calquera denuncia que teñan nola trasladen para poder investigala e sancionar o incumprimento da lei. Non podemos facer outra cousa.

Hai 30 anos había preto de 100.000 explotacións lácteas en Galicia, hoxe quedan menos de 10.000. Tratándose dun sector clave para a economía e para a fixación de poboación no rural galego, ¿deberíase evitar por parte da Administración que esta crise supoña unha nova reestruturación das explotacións lácteas en Galicia?
O que eu entendo é que hai que organizar ao sector produtor de Galicia, sobre unha base cooperativa e que haxa un proxecto industrial. Creo que é fundamental. Estamos a falar de que o gandeiro se limita a producir leite, pero a cuestión é que poida comercializala, vendela e transformala.

O futuro do sector lácteo galego pasa por copiar modelos que xa están noutros sitios. Temos moi preto os exemplos de Asturias, do País Vasco ou de Andalucía. Hai que ir na liña de agrupar os gandeiros e ser capaces de vender.

“Hai que ir na liña de agrupar os gandeiros e ser capaces de vender”

Por último, que espera o Ministerio da reunión do día 7 dos ministros de agricultura da Unión Europea para analizar as medidas a tomar ante a crise do sector lácteo?
O que trasladou a ministra ao resto de colegas de países comunitarios é que é o momento de actuar. Ante unha situación como a que temos é fundamental que todos os mecanismos e instrumentos dos que dispomos a través da Organización Común de Mercados se poñan en marcha.

Esperemos que a Comisión reaccione ás peticións españolas e do resto de países.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información