
A Cidade da Cultura de Santiago de Compostela acolleu o Foro Territorio Rural Resiliente, un evento que serviu como acto de presentación dos traballos que se levan realizado e se van realizar ao abeiro da ‘Alianza para un Territorio Rural Resiliente’ (ATRR), un fito clave -segundo os promotores- para redefinir o modelo territorial de Galicia.
O movemento está promovido pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC, coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e as máis de 120 entidades que contribuíron activamente ao proceso participativo aberto desde marzo deste mesmo ano.
Situación de partida e obxectivos
Galicia precisa 350.000 hectáreas produtivas a maiores das que xa ten xa ten para producir suficientes alimentos para toda a súa poboación. Sen embargo, en territorio galego hai 500.000 hectáreas que poderían estar en produción agrogandeira e permanecen abandonadas. Recuperar todo ese territorio é un exemplo dos principais obxectivos trazados pola ATRR.
E é que hoxe a produción agrogandeira galega está a recurrir a 600.000 hectáreas noutros países dos que importa, principalmente, alimentación para o gando e produtos agrícolas. Unha excesiva dependencia de terceiros que pon en risco a viabilidade das explotacións e mesmo das poboacións rurais en Galicia.
A situación e as potencialidades do rural galego xustifican a creación dunha alianza que abranga a todos os axentes implicados (José Manuel Andrade, Fundación Juana de Vega)
Son exemplos de desequilibrios que levan décadas afondándose e que a ATRR quere ir corrixindo no tempo. José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega sinalou máis cifras que expoñen as debilidades do rural galego e que xustifican a necesidade dunha actuación coordinada que implique a toda a sociedade na busca e aplicación de solucións.
Así, Andrade lembrou que entre os anos 1950 e 2023 perdeuse o 95% do emprego agrario, pasando os traballadores en masa ao sector servizos. Tanto é así que os servizos supoñen hoxe o 71% do emprego, fronte ao 4,8 que supón o sector primario aínda incluíndo o forestal.

O Director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, insistiu nas grandes posibilidades do rural galego
Outros datos preocupantes revelan que tan só o 3,9% dos titulares das explotacións agrogandeiras son menores de 35 anos, mentres que os maiores de 65 -polo tanto en idade de estar xubilados- son xa o 34,3%. Sen esquecer a atomización do terreo, cun total de 1.740.000 propietarios de parcelas rústicas entre os que se dividen, como máximo, 600.000 hectáreas de superficie agraria útil (SAU).
O despoboamento, o envellecemento da poboación e a estrutura da propiedade da terra son tres grandes retos
A estrutura poboacional no medio rural é outra eiva. A taxa de crecemento é negativa, situándose no -12,2 x 1.000, o dobre da media galega. Ademais, só o 26% dos galegos viven en contornas rurais e eso que estas supoñen o 81,8% do territorio. Así, a densidade poboacional nas áreas rurais e de 29 habitantes por quilómetro cadrado e das áreas urbanas ascende a 1.013 habitantes no mesmo espazo.
E logo, indicou Andrade, hai aspectos menos visibles pero que tamén supoñen unha fenda rural/urbano. É o caso da mobilidade pendular, é decir, que o 59,5 dos veciños non traballan no concello en que viven, o que reflicte dependencia das vilas de cabeceira comarcais. Ou o emprego de internet, que é no rural un 10% inferior ao urbano.
Andrade describe tres Galicias diferentes: A primeira sería a “urbanizada e forestada”, situada na faixa atlántica, cunha alta presión residencial e cunha problemática de interface urbano/forestal. A segunda, “activa”, corresponde á zonas interiores dinámicas cun peso decisivo do sector primario. No terceiro lugar está a Galicia “abandonada”, con pouca poboación e proliferación dos terreos de matogueira.
Malia os grandes problemas estruturais, os sectores agrarios e gandeiros seguen medrando no plano económico. Ese é o mellor punto de partida
Malia todas estas problemáticas, o director da Fundación lembrou que o Valor Engadido Bruto do sector agrario galego medrou un 45% entre os anos 2021 e 2023. Ese crecemento nun contexto con problemas estruturais tan acusados indica un enorme potencial de crecemento.
Andrade puxo como exemplo as múltiples e diferentes opcións que ofrecen os montes galegos como activos territoriais estratéxicos. Existen 3.312 comunidades de montes que xestionan 664.230 hectáreas, cunha superficie media de 200 hectáreas por comunidade.
Os montes veciñais en man común poden ser -e xa están sendo nalgún caso- actores centrais de xestión activa mediante a propia limpeza, os usos de pastoreo e os usos forestais. E intervir na prevención estrutural de lumes creando paisaxes mosaico, creando cortalumes e cun uso continuado da superficie.

Andrade puxo en valor o papel que xogan e deben xogar as comunidades de montes no mundo rural
Poden, tamén, ser factores de diversificación produtiva mediante agricultura e enerxías renovables e exercer accións de gobernanza territorial a través da cooperación nunha escala intermedia e interactuando con outras comunidades de montes.
As comunidades de montes veciñais son un claro exemplo do enorme campo de acción que temos nas zonas rurais
Andrade concluíu que ningunha entidade pública ou privada pode por si soa resolver os problemas estruturais do rural galego nin poñer en funcionamento todas as súas potencialidades. Por eso, dixo, é preciso establecer alianzas como a ATRR, que impliquen ao maior número de axentes sociais posible para que analicen as problemáticas e propoñan e -sobre todo- executen as solucións.
Para conquerir eses obxectivos, a ATRR estableceu seis mesas de traballo divididas nas seguintes áreas:
– Visión estratéxica do territorio rural
– Ordenación de usos e instrumentos de planificación no rural
– Mobilización e xestión activa do espazo agroforestal
– Persoas, poboación e actividades no rural
– Gobernanza, cooperación público-privada para a ordenación territorial
– Comunicación e concienciación social
Modelos eficaces de resiliencia
Dado que o proxecto ATRR pretende buscar solucións globais a un territorio moi amplo como é Galicia, no Foro onde se presentou a alianza deuse voz a diferentes colectivos e entidades que están a desenvolver pequenos e medianos proxectos que xa están a obter resultados na recuperación e resiliencia de territorios rurais.
É o caso de “Ramats de foc” (Rabaños de lume), unha iniciativa para a xestión do risco de incendios a través do pastoreo en Cataluña. Víctor Riera, técnico de proxectos da Fundación Pau Costa, explicou que o gando en sistemas extensivos xestiona milleiros de hectáreas ao tempo que se alimenta de forma natural e sá.
A estratexia deseñada pola Fundación Pau Costa implica a bombeiros e enxeñeiros forestais para definir as zonas estratéxicas; gandeiros para pastas cos animais, a Adminsitración para compensar economicamente o traballo e os consumidores que poden mercar produtos selados deses gandeiros.
Precisamente ese selo é o que dota de valor diferencial os produtos gandeiros que se comercializan ao abeiro de Ramats de foc. Con el conséguese que os consumidores poidan valorar o traballo e merquen en consecuencia. E é que, dixo Riera, se non se mercan os produtos que saen do monte, despois non se pode lamentar que o monte quede abandonado e arda.
Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña e de Movegandex (Montes Veciñais con Gando en Extensivo), relatou tanto os traballos que están a realizar en Baroña como os de Movegandex co obxectivo de poñer en valor o monte a través da gandaría extensiva. Eso si, tendo en conta as especificidades de cada un dos montes adscritos ao proxecto.
Queremos uns montes multifuncionais cunha produción diversificada e cunhas prácticas medioambientais eficaces (Ovidio Queiruga, presidente de Movegandex)
Cando se creou Movegandex, agrupaba as comunidades de montes de Carballo, en Friol; Camposancos, na Guarda; Esteiro, en Muros; Meira, en Moaña; Baroña, en Porto do Son; O Rosal, nese concello e Vincios, en Gondomar. Comunidades que xestionan por riba de 5.200 hectáreas e manexan máis de 900 animais dos cales o 60% son de razas puras autóctonas.

Entre o público asistente estaban representantes de entidades que xa se adheriron á ATRR
Queiruga explicou que os seus proxectos queren crear un modelo de monte multifuncional combinando o aproveitamento económico e as prácticas medioambientais, sendo a gandería extensiva a ferramenta principal. Porque con ela conseguen controlar a biomasa, evitar incendios e mellorar a fertilidade do solo. E, con eso, xérase emprego e fíxase poboación no rural.
A iniciativa Aterra está promovida polo GDR Limia-Arnoia. Trátase dun proxecto que abrangue 25 concellos da provincia de Ourense con moitas diferencias xeográficas, produtivas e mesmo climáticas entre eles. Eva González, xerente do GDR, explicou que Aterra ten como fin impulsar novos proxectos agrogandeiros no territorio.
“A principal tarefa que realizamos é a de poñer en contacto a persoas que posúen terras e non as utilizan con persoas que desexan iniciar unha actividade agrogandeira pero non dispoñen de terreos. Pode sonar moi sinxelo pero a atomización do territorio, a dispersión poboacional, a estrutura de propiedade e a propia burocracia fano moi complicado. O noso labor é solucionar todas esas trabas e que quen queira asentarse e producir poida dedicar a súa enerxía a eso e non a papeleo.”, dixo a xerente.
Un paso fundamental para reactivar o territorio é poñer en contacto os propietarios de terras sen uso coas persoas que desexan usalas (Eva González, GDR Limia-Arnoia)
O que desenvolve o GDR é unha estratexia de desenvolvemento local, analizando a situación do uso e xestión do territorio nas comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova. “Trátase de empregar fondos do Programa Leader para o aproveitamento dos recursos e a creación de emprego.”
A recuperación de terras abandonadas dende o ámbito local é o obxectivo da Fundación TerrEo. Roberto Fernández, alcalde de Ribeira de Piquín e presidente da Fundación TerrEo explicou no Foro as accións e desenvolvidas e os logros conqueridos. Coa dificultade engadida de tratarse dun concello de 500 habitantes espallados en máis de 70 quilómetros cadrados.
Fernández explicou que as características do concello fano pouco atractivo para o investimento privado e, por eso, decidiron buscar iniciativas dende a administración mediante a posta en marcha da fundación. “A primeira actividade foi a recuperación dunha piscifactoría que levaba 10 anos parada. O pasado ano xa producimos 40 toneladas de troitas para venda a particulares e a restaurantes da zona.”
A Fundación TerrEo busca unha diversificación de actividades o máis ampla posible para dotar de servizos e recursos aos veciños (Roberto Fernández, alcalde de Ribeira de Piquín)
Outras actividades que desenvolve a Fundación TerrEo son a produción de kiwi e de horta. Para o cultivo de kiwi dispoñen de dúas hectáreas na parroquia de Navallos e nos cultivos de horta destacan as fabas galaicas, a coliflor e o brócoli. Ademais, puxeron en marcha unha gasolineira logo dunha década sen ese servizo.

A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, explicou como se pode suplir a falta de recursos mediante colaboracións
Patricia Lamela, alcaldesa de Larouco, falou sobre o papel da administración local na ordenación e xestión do territorio rural. Lamela lembrou que o seu concello -con 437 habitantes e 23,7 quilómetros cadrados- sufriu o pasado ano o peor incendio da historia de España, o cal puxo en risco e debilitou os proxectos postos en marcha vencellados á produción agraria.
Con todo, quixo destacar que -malia a falta de recursos e en colaboración con outras administracións- conseguiron sacar adiante o Polígono Agroforestal de Freixido: Aprobado para a posta en produción de 136 hectáreas, divididas en 1.228 parcelas e que está orientado á recuperación de terras abandonadas para o cultivo de viñedo, cerdeiras e castiñeiros.
É esencial buscar todo tipo de colaboracións para proxectos en concellos pequenos e pouco poboados (Patricia Lamela, alcaldesa de Larouco)
E apuntou tamén a Aldea Modelo de Santa Mariña de Seadur para aproveitar 34,17 hectáreas de terreo creando zonas de pasto ou cultivo que actúen como barreira ante incendios forestais. Ou a rehabilitación integral das tradicionais covas de Seadur para convertelas no centro de interpretación do viño da Denominación de Orixe Valdeorras.
O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, fixo un repaso pola produción agrogandeira do seu concello e polas explotacións existentes e a súa estrutura que permite manter activo o territorio e frear a perda de poboación.
Destacou tamén o proxecto que se está a realizar na parroquia de Fisteus, onde se están recuperando as sebes tradicionais galegas nos bordos de camiños rurais da zona de concentración parcelaria. A iniciativa está incluida entre as accións piloto do proxecto europeo GIFT de cooperación interrexional liderada en Galicia polo Instituto de Estudos do Territorio.
Centrámonos en apoiar todas as accións que permitan manter e mesmo ampliar a actividade agrogandeira (Javier Caínzos, alcalde de Curtis)
Ademais, o pasado marzo, a Xunta de Galicia comezou a plantar máis de 1.100 árbores de 47 especies autóctonas que se van utilizar para crear corredores ecolóxicos dentro da acción A Liga das Sebes. Os veciños participaron nun taller práctico para a plantación de 40 árbores nunha parcela de 84 metros de longo propiedade do concello.

Quico Ónega (LaboraTe) e Vanessa Loureiro (Fundación Roberto Rivas) deron conta das diferentes liñas estratéxicas do proxecto
Os tres rexedores municipais que participaron no Foro sinalaron que a escaseza de recursos, o despoboamento e a ausencia de investimento foráneo pode ser superada mediante colaboración con outras administracións e establecendo alianzas con outras entidades, ao xeito que propón a ATRR.
O papel da administración
No Foro interviu o Conselleiro Emprego, Comercio e Emigración, José González, quen salientou a importancia da colaboración público-privada para potenciar o ecosistema emprendedor ligado ao territorio galego. Dita colaboración é a base da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, que naceu da designación da comunidade galega como Rexión Emprendedora Europea 2025.
González citou a Rede Ultreia como un dos eixos da estratexia e lembrou que a súa finalidade é “compartir recursos, xerar sinerxías e evitar duplicidades na atención ao emprendemento. A día de hoxe, conta con preto de 140 entidades adheridas.”

O Conselleiro de Emprego presentou as iniciativas de desenvolvemento no rural do seu departamento
O responsable de Emprego citou tamèn a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego como fío condutor.A rede conta con 15 oficinas distribuídas por toda Galicia e leva atendidos máis de 6.300 proxectos e contribuído á creación de arredor de 600 empresas. Mencionou, ademais, a aposta pola remuda xeracional no comercio, a atracción de talento emprendedor retornado, o reforzo do financiamento ao emprendemento territorial e o pulo á cultura emprendedora.
A colaboración público-privada é fundamental nas estratexias de emprendemento no mundo rural (José González, Conselleiro de Emprego)
González lembrou a primeira orde de axudas dotada de 1,5 M€ para rehabilitar vivendas en en concellos de menos de 20.000 habitantes destinadas a traballadores co obxectivo de cubrir vacantes, ademais de fixar poboación no territorio e con prazo de solicitude aberto ata o próximo 15 de xullo.
E destacou iniciativas que apostan polo modelo de coliving a prol do emprendemento no rural como o proxecto Fixar, promovido pola Xunta en colaboración coa Asociación Cultural Sende para atraer nómades dixitais ao rural nos coliving de Sende (Lobeira, Ourense), Anceu, (Ponte Caldelas) e iSlow, Laxe (A Coruña) e que se afianzará este cunha nova edición.
Galego









Control OJD