“O futuro das granxas de leite pasa por incorporar cada vez máis tecnoloxía e aumentar a produción”

Coñecemos Gandería Pastora SC, en Muxía, unha explotación de leite que leva máis de 30 anos nun proceso de crecemento continuo. A súa última mellora foi o sistema Batch Milking de muxido, co que agardan seguir aumentando a produción, o rabaño e as terras para forraxe. E todo mellorando a calidade de vida e de traballo dos donos e operarios

CRISTOBAL TOURIÑAN

Cristóbal Touriñán Novoa (Muxía, 1993) está á fronte, xunto cos seus pais, da Gandería Pastora SC, na parroquia de San Martiño de Ozón, na propia Muxía. Levan dous anos co sistema Batch milking de muxido, contan con 11 empregados e teñen pensado seguir medrando combinando o crecemento co benestar animal e o persoal.

A explotación comezou en 1994 cando a nai de Cristóbal asumiu os animais da casa e profesionalizou a granxa, chegando a muxir ela soa preto de 50 animais. “Daquela o meu pai era taxista e non foi ata o ano 2000 cando decidiu incorporarse plenamente á actividade da explotación. En 2005 fixemos unha primeira ampliación para acoller 60 animais cunha sala de espiña de pescado e oito puntos.”

Esa sala supuxo un avance importante para o que hoxe é a explotación, xa que implicaba comezar a aposta pola tecnificación. “Viñamos de muxir primeiro a cántara e despois a circuíto. A sala, pola súa capacidade, significaba implicarse definitivamente na gandería. Unha implicación que cada día exercemos máis.” Actualmente a granxa conta cunha plantilla de 14 persoas das que 11 son traballadores por conta allea aos que hai que engadir a Cristóbal e os seus pais.

Cristóbal tiña claro que quería dedicarse á gandería e, en canto rematou os seus estudos no instituto, inscribiuse a Escola de Formación Agraria Fonteboa (Coristanco) para completar a súa formación ao tempo que xa traballaba na explotación familiar. En 2011 incorporouse plenamente. Ese ano fixeron unha ampliación e en 2017 introduciron unha sala de muxido traseira. Logo desa ampliación, fixeron outra en 2020 e xa en 2024 introduciron o sistema de batch milking (BM) de GEA.

Composición e manexo do rabaño

O rabaño componse de 960 cabezas de gando das que 400 están en produción, arredor de 40 son secas e o resto é todo recría. “Temos un importante stock de recría porque a curto e medio prazo imos necesitar moitos animais xa que temos intención de ampliar a produción leiteira.”

A cabana está formada exclusivamente por vacas da raza frisoa. “O que facemos é xenotipar e seleccionar as vacas que máis nos interesan para recría. A esas aplicámoslles doses de seme sexado. Ás outras cruzámolas con razas cárnicas, sobre todo azul belga e angus. Os xatos de carne botan aquí un máximo de tres semanas e logo vendémolos a un cebadeiro.”

Temos un número elevado de cabezas en recría porque é parte da nosa estratexia de crecemento produtivo para os vindeiros anos

A media de partos sitúase en 2,6 ou 2,7. “Non é moi alta porque o noso ritmo de crecemento fai que entren moitas xovencas e eso fai que baixe a media. A medida que academos os obxectivos de produción, agardamos que a media vaia subindo.”

Por outro lado, os sistemas de medición dixital do muxido en BM permítenlles acceder en tempo real a datos sobre cada animal e sobre cada cuarto. “Hoxe o traballo sanitario nas granxas vai máis orientado a previr enfermidades que a curalas. Manexar todos eses datos é a mellor ferramenta de prevención.”

O sistema de Batch milking de GEA dispón de oito puntos de muxido

O sistema de Batch milking de GEA dispón de oito puntos de muxido

Non participan en concursos de gando porque dende sempre estiveron centrados en producir moito leite e de calidade. Ocasionalmente acudiron a poxas tanto a comprar como a vender aínda que nos últimos anos, polo ritmo de crecemento, só compraron algún exemplar de moita confianza e basean toda a cabana na recría.

Produción de leite

O BM antepúxose a outros sistemas de robots porque, polo tipo de granxa, evita ter as máquinas espalladas por toda a nave e a vixilancia continua que requiren. Ademais, reduce a dependencia dos concentrados no robot.

En Gandería Pastora teñen establecidos 4 lotes de animais para muxir: post-parto (60 vacas), pico de lactación (130), preñadas (130) e colas de lactación e descartes (70). As vacas pasan tres veces diarias polos robots, sendo o primeiro muxido ás 4 da madrugada, o segundo ás 12 do mediodía e o terceiro ás 19,00.

A día de hoxe a produción media por vaca e día é de 38 litros de leite, é decir, uns 15.200 litros diarios. “O que pasa é que tivemos un problema de fertilidade que xa foi corrixido e algúns animais estiveron ata 200 días sen leite. Agora todo volveu á normalidade e agardamos incrementar a produción a curto prazo.”

Organizamos os lotes de vacas en función do momento da lactación en que se atopan, de xeito que o muxido sexa máis dinámico

Con todo, en Gandería Pastora non se fixan unha cifra concreta como obxectivo produtivo. “Nós queremos sacar unha marxe suficiente por litro de leite. Tratamos de alimentar as vacas o mellor posible e co custo máis acaido. Despois a xenética dará o que teña que dar.”

Nas últimas mostras recollidas, as calidades do leite situáronse en 3,85 de graxa, un 3,55 de proteína, a bacteoroloxía en -10. As células somáticas son unha referencia moi a ter en conta xa que antes de introducir o muxido por BM estaban en 315 e agora reducírono ata 175. O leite véndeselle á industria Lactalis.

Manexo da base territorial

Para a produción de forraxes traballan unha superficie de entre 210 e 220 hectáreas dependendo do ano, das cales unhas 155 van para millo e o resto dedícase a raigrás inglés. Nas que alternan millo e herba combinan o raigrás inglés cun híbrido. Desas hectáreas, arredor do 30% -unhas 66- son en propiedade e o resto están arrendadas.

A diferencia doutras zonas leiteiras como a Terra Chá, a competencia pola terra entre explotacións non é un problema. “Aquí o peor é a estrutura. Son leiras moi pequenas e tes que facerte con varias e unificalas para podelas aproveitar coa maquinaria e que sexan rendibles. A veces o propietario non aparece, outras non venden nin arrendan, outras son moitos propietarios…tes que dar moitas voltas”

En Gandería Pastora mercan palla de Castela para a alimentación das vacas secas e para a cama quente

En Gandería Pastora mercan palla de Castela para a alimentación das vacas secas e para a cama quente

O que teñen claro é que a súa estratexia de crecemento e ampliación pasa por dispoñer de máis terreo para poder contar coa suficiente cantidade de forraxe que lles permita reducir ao máximo os custos de alimentación e a dependencia de concentrados.

Instalacións

A explotación conta con tres naves: a principal, onde está o sistema BM e que inclúe a todas as vacas en produción e as xovencas ata o destete, e outras dúas destinadas a acoller o resto de animais de recría. Na nave principal, as vacas dispoñen de 700 cubículos para descansar e, grazas ao seu deseño, non precisa de ventiladores na parte central.

As camas dos cubículos son de area moi fina do estilo po. “Escollemos a area por confort das vacas e benestar animal. É un material inerte que non da problemas de mastites ou conductividade. Tamén é fácil de manexar e os animais descansan como debe ser.”

Cristóbal afirma que, contrariamente ao que soía suceder noutras granxas, a area non lles está causar problemas nos circuítos dos robots nin fai efecto espello no chan da nave. “Porque é moi fina. Outra cousa é cando a aplicamos á terra. Nese caso hai que ser moi coidadosos na selección do terreo para que non modifique a estrutura do solo.”

Estamos pensando en adquirir unha máquina de reciclado da area das camas para aforrar custos e aproveitar mellor ese recurso

Na súa liña de aposta tecnolóxica, en Gandería Pastora xa barallan instalar no futuro unha máquina de reciclado de area das camas para podela reutilizar de xeito eficiente e sanitariamente seguro e reducindo o seu impacto na terra.

Para achegar a ración aos animais, a granxa conta cun arrimador GEA. A posición e o percorrido do arrimador -totalmente automático- calcúlanse mediante tecnoloxía de sensores e xiroscopio, que están integrados no chan sen crear ningún obstáculo. Así, conséguese un fluxo estable de comida durante toda a xornada e por todos os comedeiros da nave.

“O arrimador con este sistema de funcionamento é un importante complemento para o benestar dos animais, xa que dispoñen de alimento ben repartido practicamente en todo momento. E tamén reduce a carga de traballo do persoal.”

Alimentación do gando

Para as vacas en produción, elaboran dúas racións diferentes segundo os lotes dos que se trate. “Para as de post-parto e pico de produción empregamos 30 quilos de silo de millo, 2 de alfalfa, 5 de colza, 4 de núcleo de concentrados e 5 de bagazo de cervexa, que mercamos a Estrella Galicia.”

Para as vacas de colas de lactación e descartes e para as preñadas, a ración é practicamente a mesma que a anterior, pero reducindo en medio quilo a cantidade de núcleo e aumentando a de millo en arredor de 10 quilos.

As vacas secas consumen diariamente unha ración composta por 7 quilos de palla outros 7 de silo de millo e o resto vai cun concentrado especialmente elaborado para as secas. E a ración das vacas de recría -o futuro da explotación- componse de 2 quilos de colza, 1,8 de núcleo de concentrados, 4,5 de silo de herba e 3,5 de silo de millo. A eso hai que engadirlle outros 3 quilos de herba semi-seca que da unha apariencia semellante á da palla e que se coñece como “plastificada”.

A tecnoloxía que empregamos non só foi mercada para aumentar a produción senón tamén para reducir e reorganizar o traballo do persoal

“Os custos de alimentación soen chegar a supoñer o 60% do total de calquera granxa. Nós temos un importante gasto en elementos como a colza, o bagazo e a palla. Buscamos obter a máxima calidade e ao mellor prezo, aínda que como é lóxico, non sempre é fácil. Pero cremos que favorecen a cantidade e calidade do leite.”

As vacas de maior rendemento son inseminadas con seme sexado

As vacas de maior rendemento son inseminadas con seme sexado

Con todo, Touriñán sinala que os compoñentes da ración diferentes do concentrado que hai que traer de fóra son só mellorantes da alimentación e úsanse en pequenas cantidades. “Obviamente, canta máis terra poidamos traballar, menores serán os custos e a dependencia do mercado. Esa é unha grande vantaxe no leite.”

Maquinaria agrícola

A explotación non está asociada a ningunha cooperativa, nin sequera de maquinaria. “Case todo o traballo realizámolo con máquinas propias e, en momentos puntuais, recurrimos a empresas de servizos agrícolas da contorna.”

O parque de maquinaria componse de dous tractores que na campaña traballan a dobre quenda, dúas cubas de xurro -de 12.000 e de 22.500 litros respectivamente- equipadas con inxectores, un carro mesturador de 32 m³ para a ración das vacas e outros apeiros habituais en cada granxa deste modelo.

Dende que mercamos a sementadora e subsolamos no canto de arar, conseguimos mellorar a cantidade e calidade das forraxes

Pero Cristóbal, entre as máquinas, quere destacar a sementadora con aplicación de abono localizado en liña. “Foi un investimento moi elevado e tivemos que valoralo moito antes de mercala. Nós queriamos poñer o millo con abono en liña e non había quen nos dera ese servizo.”

“Con esa máquina conseguimos sementar cunha mesa de 50 para reducir o uso de herbicidas. E coa tolva frontal e o abonado en liña reducimos tamén a cantidade de fertilizante que hai que aplicar en cada pasada.”

En Gandería Pastora a práctica habitual non é arar senón subsolar. Así, rompen capas compactadas de terra sen que esta sexa volteada, co que conseguen máis fertilidade e humidade no solo. “Co subsolado conseguimos que as nutrientes do solo queden na parte de arriba e máis accesibes para o cultivo e evitamos as escorrentías. Notamos un aumento de produción de forraxes porque o solo actúa como unha esponxa que drena ou rega cando convén.”

A explotación recibiun visitas de gandeiros interesados no funcionamento do sistema de Batch milking

A explotación recibiu visitas de gandeiros interesados no funcionamento do sistema de Batch milking

Outras máquinas que valoran moi positivamente en Pastora son as telescópicas articuladas. Contan con dúas que consideran parte imprescindible do funcionamento diario da granxa. “Quítannos moitísimo traballo físico. A máis pequena empregámolo para facer as camas, limpar pasillos, limpar os boxes ou ata para quitar un xato e levalo para o seu sitio.”

E a máis grande úsana, por exemplo, para descargar camións de palla, para encamar, para tarefas de limpeza ampla, para transportar polas instalacións sacos ou dispositivos… “A verdade é que foron todo un acerto. Traballan todo o día e fan que todo sexa máis rápido e eficaz.”

As telescópicas son as máquinas máis importantes no día a día da explotación porque as funcións que ofrecen son moi amplas

Un dos servizos que subcontratan é o apoio no baleirado das fosas de xurro. “Temos unha capacidade de 9 millóns de litros. E utilizamos o xurro nos momentos en que as forraxes o necesitan. Para eso fainos falta axuda a maiores das nosas cisternas. E tamén subcontratamos cando a recollida do millo porque para nós non é viable afrontala en solitario.”

Retos actuais e visión de futuro

Cun número de empregados tan elevado para o que é o sector, conseguir e fidelizar man de obra, nun contexto de escaseza como o actual, non sempre é doado. “Nós temos moi claro que o traballador ten que estar a gusto. Que ten que traballar cómodo, sabendo as súas funcións e como ten que desenvolvelas. Procuramos crear un ambiente familiar e de compañerismo. E, polo de agora, creo que o estamos conseguindo.”

A fauna salvaxe non supón un problema tan acuciante como noutras zonas de Galicia ou noutros modelos de explotación. “O lobo non mata animais, pero cando está preto da granxa as vacas perciben a súa presencia e eso cáusalles estrés. Incluso a 200 metros da nave poden notar a súa presenza. E eso vaise traducir nunha baixada de produción.”

Para contratar e fidelizar man de obra, temos que crear un ambiente de traballo confortable e eficiente

O xabaril tamén supón un inconveniente xa que non hai colleita de millo ou de herba na que non cause algún tipo de dano todos os anos. Con todo, é un problema levadeiro malia que implica todo o proceso administrativo de dar parte dos ataques e tramitar indemnizacións.

En parte dos laterais sustituiron os ferros por laterais de goma

En parte dos laterais sustituiron os ferros por laterais de goma

Cristóbal fai unha análise da produción de leite a longo prazo. “Creo que o futuro pasa por ir a grandes volumes de produción, polo uso de tecnoloxías avanzadas, polo benestar animal e persoal, pola calidade de vida e pola mellora das marxes de beneficio.”

“Para que a xente nova se incorpore, tanto propietarios como empregados, hai que poder traballar a quendas, ter tempo libre e ter o traballo organizado. Para eso é preciso dispoñer de persoas, tecnoloxía e máquinas. E eso só se consegue aumentando os volumes de produción.”

Creo que o futuro do sector leiteiro está vencellado á incorporación de cada vez máis tecnoloxía e ao aumento de volume de produción

Touriñán tamén se amosa partidario de analizar as posibilidades que o biogás ofrece as explotacións do tamaño da súa. “Se a electricidade se paga a un prezo que nos resulte rendible e se non hai un impacto ambiental grande creo que serían unha moi boa opción. Estámolo vendo noutros países europeos. Por exemplo, aquí hai cinco granxas de grande volume e entre todas poderiamos abastecer unha planta grande. Creo que se debe valorar esa opción cunha mirada ampla.”

“Hai que ter en conta que as plantas de biogás supoñen un investimento moi elevado. E que non ten sentido, dende o punto de vista medioambiental, trasladar o xurro grandes distancias para dedicalo a producir electricidade noutro sitio. Se é viable técnica, medioambiental e economicamente, é unha opción a ter en conta.”

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información