O futuro da vitivinicultura galega a debate o vindeiro luns nun foro en Ribadavia

O encontro terá lugar este luns, 9 de xuño, no Museo do Viño de Galicia. Priorizar terreos ou castes, a posibilidade de converter a viña nun medio de vida ou a relación entre viño e gastronomía son algúns dos aspectos que se porán sobre a mesa.

Publicidade

IMAXE VINHEDO

Establecer un marco de reflexión e diálogo co sector do viño e todos os axentes que interveñen nel. Ese é o espírito co que se van desenvolver as III Xornadas Falemos do Futuro da Vitivinicultura Galega. O acto terá lugar no Museo do Viño de Galicia, en Santo André de Camporredondo (Ribadavia) dende as 09,30 horas este luns, 9 de xuño. Nesta nova edición do encontro participan profesionais de toda España que terán na identidade dos territorios vinícolas o fío condutor.

Viticultores, adegueiros, provedores de insumos, enólogos e mesmo historiadores participan nas xornadas que organizan a Asociación de Viticultura Artesá de Galicia, a Asociación Colleiteiros do Ribeiro e a Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico de Ribadavia.

Os organizadores queren abordar a visión sobre o concepto de identidade nos territorios vitivinícolas, as características físicas e culturais que os singularizan. O viticultor José Luis Mateo e os sommeliers Carlota Iglesias, Marta Cortizas e Sergi Montalá serán os principais ponentes dun evento que tamén inclúe visitas aos viñedos.

Para poñer énfase nos criterios e obxectivos do evento e o lugar onde se celebra a organización lembrou as palabras de Otero Pedrayo: “Toda Galicia, as familias fidalgas, os vellos mosteiros repletos de historia, os frades mendicantes, os hospitais…quixeron ter un anaco de terra no Ribeiro ourensán…e, sobre todo, pola zona dos viños do Avia.”

Pódese consultar o programa no seguinte enlace:

falemos do futura da vitivinicultura 2025_programa

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información