O futuro da produción de leite: Vacas máis eficientes, sustentabilidade e atracción de man de obra

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa organizou este mércores unha xornada sobre “Escenarios para a produción de leite en Galicia”, na que diversos expertos explicaron os retos aos que se enfronta o sector. Velaquí as conclusións

O futuro da produción de leite: Vacas máis eficientes, sustentabilidade e atracción de man de obra

Vacas da Granxa Sebastián, en Irixoa

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa organizou este mércores unha xornada sobre “Escenarios para a produción de leite en Galicia”, na que diversos expertos analizaron os retos aos que se enfronta o sector e cales son as tendencias do que pedirá o mercado de produtos lácteos no futuro. Ademais, analizouse nunha mesa redonda o desafío de atraer man de obra asalariada ás gandarías.

Velaquí as principais conclusións:

1) As vacas seleccionaranse tamén pola súa eficiencia alimentaria

Mauricio de los Santos, responsable do departamento de xenética da sociedade pública Xenética Fontao, avanzou na súa ponencia “A vaca do futuro, ¿que aporta a xenómica?”, cales serán os novos criterios de selección do gando vacún de leite.

Neste sentido, avanzou que dentro dun contexto no que a sociedade esixirá que a gandería sexa cada vez máis sustentable, “buscaranse animais cada vez máis eficientes”.

“Ata agora buscáronse vacas con moita capacidade de inxesta, proque se cría que ía inxerir máis e producir máis, pero sen embargo non é a vaca máis grande a máis produtiva, pois hai unha relación negativa entre tamaño da vaca e a conversión da materia seca que come e os kilos de leite que produce”, advertiu.

A este respecto, avanzou que cada vez incluiranse máis nos programas de selección e mellora xenética da raza Holstein os caracteres de efiencia alimentaria, entendida esta como o leite e sólidos que produce o animal por kilogramo de materia seca inxerida.

“Non buscamos a vaca que máis produza, senón a que mellor produza e sexa máis eficiente”

“A eficiencia elimentaria si foi incluída nos programas de mellora xenética doutras especies, e en vacún en moitas razas de carne, pero non tanto nas de aptitude láctea. En Estados Unidos xa se está a empregar á hora de elixir un touro ou unha vaca e en España estase a traballar nos estudos previos para incluír tamén ese índice nos programas de selección”, avanzou Mauricio de los Santos.

“A clave -engadiu- é seleccionar aqueles animais que mellor transformen en leite a materia seca inxerida, e non só os animais máis produtivos e funcionais. Non buscamos a vaca que máis produza, senón a que mellor produza e sexa máis eficiente”.

Deste xeito, xunto aos índices xenéticos xa tradicionais como produción, tipo, ou saúde, as valoracións xenómicas de CONAFE incorporaron no último ano os de saúde podal e de resistencia a enfermidades (mamites, desprazamento de abomaso) e nun futuro próximo incorporarán o de eficiencia alimentaria.

2) A industria láctea valorará cada vez sólidos lácteos e demandará certificacións de benestar ás ganderías

Por parte da industria, a xornada da EFA Fonteboa contou coa presenza de representantes de dúas das industrias lácteas que máis incrementaron a súa recollida en Galicia nos últimos anos: Queserías Entrepinares e Nestlé.

Por parte desta última, Alicia Hernansanz, técnica de CILAE (Entrepinares por el Ciclo Lácteo Eficiente), explicou que en “Queserías Entrepinares contamos cun manual propio de benestar, baseado no Welfare Quality. Partimos dunhas esixencias mínimas, de cumprir a lexislación, e logo as ganderías poden aspirar a un nivel superior e a outro terceiro de excelencia”.

Neste sentido, defendeu que “máis que como unha esixencia da industria láctea, o gandeiro debería ver as certificacións en benestar animal como un investimento, pois hai unha correlación positiva entre benestar animal e produtividade e eficiencia dos animáis”.

Ademáis da esixencia de benestar animal, outra demanda de Queserías Entrepinares é o incremento da cantidade de graxa e de proteína do leite. “Compramos leite para transfomar en queixo, polo que necesitamos sólidos. Partindo dunha boa base xenética e dun bo manexo (boa cama, boa comida e boa auga), buscamos xunto co gandeiro puntos nas granxas para mellorar o rendemento queixeiro do leite”, explicou.

Como conclusión, Alicia Hernansanz destacou que “as industrias necesitamos ganderías que sexan sustentables, e temos que dar confianza ao consumidor, indo da man gandeiros e industria”.

Francisco Rivas (Nestlé): “Temos que cumprir co que nos piden os consumidores: benestar animal para as vacas e respecto ao medioambiente”

Pola súa parte, Francisco Rivas, asesor agropecuario de Nestlé España, tamén incidiu en que o futuro das ganderías de vacún de leite “pasa por mellorar a súa sustentabilidade medioambiental”, como a reducción das emisións de gases contaminantes, eficiencia no uso da auga…etc

Neste sentido, explicou que Nestlé certifica as súas granxas provedoras, o que lles supón aos gandeiros unha prima de 2 céntimos por litro. Esta certificación permite unha mellora contínua da efiencia produtiva e unha maior sustentabilidade das súas 150 ganderías proveedoras en Galicia.

“Temos que cumprir coas expectativas dos consumidores e a certificación é a ferramenta para demostrarllo”, subliñou. A este respecto, lembrou que “segundo un estudo de Nestlé un 60% dos clientes queren saber como se fixo todo o proceso de produción do que están mercando, non só que cumpre coas garantías sanitarias”. “Outro estudo -engadiu- alleo á compañía conclúe que o máis importante para os consumidores é a seguridade alimentaria, o benestar animal, que os produtos sexan ecolóxicos e a innovación do produto”.

3) Atracción de man de obra ao sector: É o salario o máis importante?

fonteboa xornada leite

Outro dos factores que están a condicionar o futuro das ganderías de vacún de leite é a dispoñibilidade de man de obra asalariada para traballar no sector, unha limitación compensada en parte coa incorporación da robótica (muxido, arrimador..etc).

Neste sentido, a xornada da EFA Fonteboa acolleu unha mesa redonda, moderada polo xornalista de La Voz de Galicia, Xoán Ramón Alvite, na que diversos representantes do sector responderon ás preguntas do público sobre cales son as claves para atraer e fidelizar persoal asalariado. Velaquí as súas conclusións:

-Juan José Freire, técnico da CAP (Cooperativa Agraria Provincial da Coruña), que conta con 2 persoas en servizo de substitución e 9 asalariados nas dúas granxas que xestiona (O Cancelo e La Esperanza). Estas son algunhas das reflexións que expuxo sobre a xestión de persoal nas granxas de vacún de leite:

“Para min o máis importante nunha gandería de vacún de leite é a man de obra”

“Tamén é moi difícil atopar gandeiros que sexan bos xefes”

“O salario medio por asalariado nun estudo que fixemos en 60 explotacións é de 1150 euros mensuais. Como a necesidade é alta agora a xente paga máis. É moi difícil atopar xente boa para traballar nas granxas, pero tamén é moi difícil atopar xefes bos para dirixir a esas persoas”.

“Nun bo xefe o máis importante é que saiba poñerse sempre no sitio da outra persoa”

“É moi importante pagarlle ben ao asalariado, dentro do que demostre, pero moito máis é a calidade de vida que ten (dias libres, vacacións) e a relación cordial co xefe e co resto de traballadores”

“É clave dicirlle á xente cando fai as cousas ben, non só corrixilos cando as fan mal”

“É importante filtrar os candidatos cando se selecciona persoal e non coller o primeiro que ven”

“En canto ao servizo de susbtitución, levamos ofrecéndoo 10 anos na CAP Coruña e ás granxas grandes non lle arranxa ningún problema porque xa teñen asalariados. Pero creo que nas granxas medianas e pequenas o problema principal do gandeiro é que non pode librar un día e sería interesante ese servizo. O problema é que a xente quere pagar pouco: nós cobramos 12 euros por hora, uns 120 euros por día, e hai ganderías ás que lle parece caro”

-Arturo Gómez, responsable das fábricas de pensos de CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) foi tamén o encargado entre os anos 2006 e 2013 do servizo de substitución da cooperativa Os Irmandiños. “Agora tócame buscar xente para as fábricas de pensos, e tampouco é fácil, pois hai un problema xeral de falta de man de obra”, explicou. Neste sentido realizou as seguintes reflexións na mesa redonda:

“Non hai comunicación entre os gandeiros que buscan traballadores e as persoas que buscan traballo nas granxas”

“Non hai comunicación entre os gandeiros que buscan asalariados e as persoas que buscan traballo nas granxas ou que estarían dispostas a aceptalo”.

“Quizás o gandeiro ten impaciencia coa persoa que contrata e que non sabe moito de manexo das vacas de leite. Cumpriría que tiveran un pouco máis de calma coa xente que ten ganas de aprender”.

-Miguel Montero, ex alumno da EFA Fonteboa e agora traballador en Finca La Asunción (Touro), un referente a nivel xenético en Galicia. Moxen 150 vacas e recoñece que “temos problema para atopar traballadores bos e responsables , quizás porque a sociedade segue pensando que queda no agro e na gandería quen non serve para outra cousa”. Neste sentido, destacou que “as condicións salariais nas ganderías de vacún de leite son equiparables ás doutros sectores”. En canto ás condicións que debe cumprir o gandeiro como xefe “son ter empatía, respeto e valorar o traballo do asalariado”.

A xornada do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa sobre “Escenarios para a produción de leite en Galicia” rematou coa descuberta dunha placa en homenaxe a Joaquin Herreros, fundador das Escolas de Formación Agraria (EFA) en España e cunha vida comprometida co desenvolvemento rural.

O exemplo de Israel, o país coa maior producción de leite por vaca do mundo

A xornada da EFA Fonteboa contou cunha ponencia de Samuel Epstein, de BILAV Global Trade, quen explicou algunhas claves do sector lácteo de Israel, o pais con maior producción por vaca do mundo, con preto de 12.000 litros ao ano.

A cabana de vacún de leite israelita está formada por unhas 120.000 vacas, manexadas nun sistema altamente intensivo baseado na estabulación e na ración unifeed, debido á falta de terra e ao clima do país, o que obriga ás ganderías a ser altamente eficientes e desenvolver tecnoloxías para combater o estrés por calor.

Logran unha alta calidade sanitaria do leite, co 70% do leite producido por debaixo das 200.000 RCS. O mercado está pechado ás importacións, co cal o prezo do leite está regulado, e ten como obxectivo prioritario satisfacer as necesidades de produtos lácteos dos case 9 millóns de habitantes de Israel. A auga que empregan, un ben escaso no país, é reaproveitada e reciclada nas explotacións, e o esterco serve como abono para as fincas agrícolas.

As granxas de vacún de leite son de dous tipos: as cooperativas ou kibbutz, cun promeido de 317 vacas, que se moxen tres veces ao día, e as granxas privadas familiares ou moshav, con 50 vacas de media e 2,3 muxidos diarios.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información