O funcionamento da industria láctea en Irlanda e que leccións pode tirar Galicia

César Resch, investigador no CIAM, ven de realizar unha estadía en Irlanda. Velaquí a súa análise de como funciona a industria láctea naquel país e que fortalezas e feblezas ten Galicia fronte a Irlanda

O funcionamento da industria láctea en Irlanda e que leccións pode tirar Galicia

Industria láctea de Glanbia en Belview (Irlanda). Autora: Julia Glotz.

Tal e como avancei na primeira parte do artigo, Irlanda consume algo menos do 10% do leite que produce e especializou a súa industria na produción de produtos para a exportación. Dos máis de 5 millóns de toneladas de leite que se exportan o 60% procésase como manteiga e o 25% como queixo, quedando o resto para a produción de caseína, leite desnatado en pó e outros produtos menores.

En Irlanda hai dezaoito industrias para o procesado de leite e, como é obvio, as máis delas están a procesar leite para fabricar manteiga, queixo e leite en po. A titularidade destas industrias é de dez cooperativas: oito delas son de capital exclusivo dos gandeiros e as dúas de maior volume teñen capital privado no seu accionariado.

 “As industrias lácteas en Irlanda son cooperativas e, na maior parte, propiedade dos gandeiros”

Estas dúas ultimas son Kerry e Glanbia que procesan entre as dúas sobre o 50% do leite irlandés. A presenza cooperativa no accionariado da primeira é do 14% e na segunda dun 40%.

A comercialización de produtos no exterior realízase a través da compañía Ornua (Novo ouro en gaélico), herdeira da antiga Irish Dairy Board. Esta compañía pertence ás industrias de procesado de leite en Irlanda e encárgase da distribución dos produtos lácteos fabricados, basicamente queixo e manteiga, no mercado mundial. Cando estes produtos véndense a través de distribución alimentaria fanno baixo a marca xenérica de Kerry Gold.

A conformación do prezo do leite

A conformación do prezo do leite é mensual e decídese en función de basicamente tres factores presentes no Purchasing Price Index (PPI). Este indicador dá o valor mes a mes do prezo dos produtos irlandeses no mercado mundial; do prezo interno de cada cooperativa en función da propia dinámica da cooperativa e da calidade do leite entregado polo gandeiro.

Os gandeiros teñen coñecemento do prezo que van recibir polo seu leite a mediados do mes seguinte ás entregas. Como exemplo das diferentes políticas en prezo aplicadas polas cooperativas, no pasado mes de Xullo variou no prezo base pouco máis de dous céntimos entre a cooperativa de maior e a de menor prezo.

A conformación do prezo final recibido polo gandeiro vai depender da calidade do leite producido. Así, o leite págase en base a unha fórmula con tres factores: A, B e C. O primeiro factor será o que lle dea valor aos quilos de graxa que se entregaron no período; o segundo -B- fará o mesmo para os quilos de proteína entregados, e o terceiro -C- é negativo e penaliza o volume de leite entregado. Este terceiro factor implica que se dous produtores entregando a mesma cantidade de sólidos pero con diferentes volumes aquel que entregara menor volume de leite sería o que cobraría mellor prezo. Este terceiro factor é o que paga o gandeiro polo procesado do seu leite.

A influencia deste factor C na conformación do prezo é moi importante pois , aínda que dependendo das cooperativas, penaliza de media uns catro céntimos de euro por cada litro de leite entregado.

“No prezo penalízase o maior volume de leite entregado”

Estes tres factores varían entre industrias e dependendo basicamente do produto que se fabrique serán modificados. Hai que ter en conta que porcentualmente a cantidade de graxa e proteína entregada á industria é moi superior en Irlanda que a media galega: no caso irlandés as cifras medias das entregas do ano 2014 foron 3,95% para a graxa e 3,40% para a proteína.

Conclusións

Irlanda é un país netamente exportador de leite e isto tívose en conta á hora de planificar un sector lácteo en toda a súa cadea.

Producir a baixo custe sen practicamente dependencias de insumos externos conferiulle ás explotacións irlandesas unha altísima capacidade de resistencia ante prezos baixos do leite.

A exportación de leite basicamente faise en forma de manteiga, leite en po e queixo e a industria transformadora irlandesa está altamente especializada nestes produtos.

Unha das grandes fortalezas do sistema irlandés é a capacidade de poñer a través de Ornua máis de cinco millóns de toneladas de leite anuais no mercado mundial.

“Este ano haberá en Irlanda máis gandeiros que o pasado ano”

Por primeira vez desde que existen cifras oficias este ano haberá máis gandeiros de leite en Irlanda que o ano pasado. A cabana gandeira de leite incrementouse tamén nun 10% nestes últimos dous anos. Dende abril Irlanda leva un incremento de produción de máis dun 14% con respecto ao ano pasado, sendo o país de Europa que en termos porcentuais máis incrementou a súa produción.

Imaxe de Kerry Group. A vocación da industria láctea en Irlanda é exportadora

Imaxe de Kerry Group. A vocación da industria láctea en Irlanda é exportadora

Irlanda aposta pola formación e a investigación: en Moorepark hai 15 investigadores dos que dependen 9 postdoc e 39 doutorandos. Algo máis dun terzo destas case 50 persoas son de fora do país, todas elas cunha bolsa do goberno irlandés.

A alta dependencia do nitróxeno nas explotacións, unha ración para as vacas que nutricionalmente non está equilibrada e unha distribución pouco homoxénea do traballo nas explotacións son retos a resolver polo sector produtor de leite irlandés.

E logo Galicia que?

Como xa se expuxo, Galicia ten similitudes con Irlanda pero tamén grandes diferenzas. En xeral, podemos dicir que o sistema de produción de leite Irlandés axústase moi ben ás condicións de Irlanda pero, falando en xeral, tanto en estrutura, SAU ou climatoloxía as diferenzas son obvias e fan que en termos xerais o sistema de pastoreo irlandés sexa de difícil aplicación en Galicia.

 “En Galicia temos unha capacidade de producir forraxes superior a Irlanda, pero non se está a aproveitar”

Así e todo, no noso país temos unha capacidade de produción de forraxes superior a irlandesa: en moitas zonas podemos falar de rendementos de millo que superan de media as 12 toneladas de materia seca por ano e un cultivo invernal que doadamente acada as 5 toneladas.

Esta capacidade non se está a aproveitar e realmente é un dos puntos fortes do noso sistema de produción. Se realmente a produción quere ser competitiva ten que aproveitar factores como o anterior. Facer leite en Galicia, lonxe dos mercados de consumo, ao mesmo custe que puidera ter un gandeiro que estea máis próximo a eses mercados, réstanos competitividade.

Cando falo de aproveitar estas capacidades estou a falar de cantidade de forraxe e calidade, pois este é un factor clave para poder acadar bos resultados económicos nas explotacións. O exceso de concentrado nas racións réstalle competitividade ao noso leite. Neste sentido, o axuste das racións ás necesidades reais das vacas, que non do rabaño, axudarían para poder acadar custes de produción semellantes aos irlandeses.

 “O exceso de concentrado nas racións réstalle competitividade ao leite galego”

Pero desde logo, o gran drama galego non é a produción, senón que neste país non se fixeron os deberes e non houbo un plan estratéxico do sector para saber que queremos facer co noso leite. Ségueme a chamar a atención que segue habendo xente que pensa que o mercado español é un mercado cautivo para os produtos lácteos galegos. Iso nunca foi así e no futuro serao menos.

Galicia debe de abordar un plan estratéxico lácteo de seu no que, sobre todo, se faga fincapé en cal é o tipo de industria que temos e cal é a que necesitamos. Remarco o de seu porque a situación galega en termos industriais e de produción é moito máis semellante á irlandesa que a que puidera ter ao resto do Estado, onde os produtores de leite andaluces, cataláns ou de Castela están a producir un leite liquido para os seus mercados de proximidade.

César Resch Zafra
Moorepark, Co. Cork, República de Irlanda, Outubro 2015
Estadía financiada pola Xunta de Galicia con fondos do FSE Galicia 2007-2013

César Resch Zafra

César Resch Zafra é enxeñeiro agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid na especialidade de Zootecnia. Completou os seus estudios no Ballyhaise Agricultural College, na República de Irlanda. Entre os anos 1992 e 1994 traballa en empresas de asesoramento a gandeiros de leite en Nova Zelanda e Francia. 

En 1995 comeza a súa andaina profesional na empresa de suministros agrarios Progando S.L., na que realiza labores de asesoramento a ganderías de leite e colabora intensamente na implantación de sistemas de calidade, tanto en fábrica como en ganderías. 

No ano 2001 doutórase pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese “Economía da alimentación do gando vacún de leite en Galicia”. Dende o ano 2003 é profesor asociado na Escola Politécnica de Lugo. No ano 2010 comeza a traballar no INGACAL como investigador en sistemas de produción de leite en base a forraxes no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información