O freo das entregas de leite en Galicia preocupa no sector produtor

As dificultades da industria para procesar toda a produción galega plásmanse nos datos sectoriais do mes de abril

O freo das entregas de leite en Galicia preocupa no sector produtor

O sector demanda medidas para correxir a tendencia á baixa da produción.

Os datos provisionais de entregas de leite no mes de abril, que confirman o freo da produción en Galicia, preocupan entre os produtores, que advirten de que o sector lácteo galego perde peso no Estado. Se habitualmente Galicia viña entregando en torno ó 39% do leite producido no conxunto de España, en abril a porcentaxe foi do 33 %, segundo as cifras provisionais do Fega. Desde o sector enténdese que se trata de datos coxunturais, pero tamén se demandan accións para evitar que esa coxuntura se transforme en estrutural.

A mala situación de mercado e os baixos prezos en orixe do leite retrotraen a produción na comunidade, aínda que desde as organizacións agrarias inciden en que a situación é distinta noutras zonas como Andalucía ou Castilla La Mancha.

“Non se entende que en Andalucía medre a produción un 17% e en Castilla máis dun 25% cando alí teñen que producir en base a concentrados, con maiores custos de produción, en tanto aquí, que temos unhas condicións máis propicias para a gandaría, están baixando as entregas” -critica o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García-. “De cara ó futuro, podemos vernos de novo con problemas para garantir a recollida do leite en Galicia, como xa pasou nas últimas semanas”.

“Hai que manter unha regulación do mercado que garanta a recollida e prezos que cubran custos” (Manuel Iglesias, OPL)

Desde a Organización de Productores de Leche (OPL) lamentan tamén a “incapacidade” que está a mostrar a industria para recoller todo o leite producido en Galicia. “Moitos gandeiros pensaban en aumentar a produción co fin das cotas, pero con frecuencia non está a ser posible” -conta o presidente da OPL, Manuel Iglesias- “En xeral, as industrias están a recoller os mesmos volumes do ano pasado, pero temos algunha que mesmo está a restrinxirlle as entregas ós gandeiros por debaixo dos volumes producidos na campaña anterior”.

A OPL entende que é precisa a actuación das Administracións estatal e autonómica para buscar unha solución ós problemas de mercado. “É certo que as medidas de intervención da UE no mercado lácteo se están a reducir, pero hai que manter unha regulación que garanta a recollida e prezos dignos que cubran os custos de produción”, sinala Iglesias.

A medio prazo, o sector entende que a solución debe pasar polo fortalecemento da industria láctea asentada en Galicia, actualmente nunha posición de debilidade estrutural e financieira.

Entre as empresas que están a incentivar a redución da produción na comunidade figura a asturiana Capsa (Larsa, Clas), que en relación ós volumes recollidos o ano pasado, paga o 80% a prezo de mercado e o 20% a prezo de leite en po. Outras, sen embargo, están a permitir certa flexibilidade, caso de Feiraco, que admite a prezo de mercado ata o 110% do leite entregado o pasado ano, en tanto paga o restante a prezo de leite en po, segundo produtores consultados.

Os problemas de mercado, con todo, non son exclusivos de Galicia. En Cantabria, Lactalis vén de anunciar unha redución do leite que recolle, segundo fontes do sector, en tanto en Castilla y León, a cooperativa Gaza tamén acordou unha limitación das entregas de leite.

“Os alugueres de cota xeraron en Galicia unha ‘supertaxa na sombra’ duns 8 millóns de euros” (Roberto García)

Supertaxa
Unións Agrarias ofreceu onte unha rolda de prensa para criticar a xestión da supertaxa por parte do Ministerio de Agricultura. A organización agraria destacou que ao final só pagarán a supertaxa arredor de 130 gandeiros en todo o Estado, que deberán facer fronte a uns 11 millóns de euros de multa. O 20% desa cantidade correspóndese a dúas explotacións de Navarra, segundo os datos da organización, que considera que o Ministerio pecou de alarmismo nos primeiros meses de campaña ó falar da posibilidade dunha supertaxa da orde duns 75 millóns de euros.

Desde Unións inciden en que esa mensaxe levou ás explotacións á adopción de medidas drásticas, coma o sacrificio de parte do rabaño. A organización calcula tamén o impacto dos alugueres de cota na última campaña. Segundo os datos de Medio Rural, máis de 3.800 gandeiros alugaron arredor de 205.000 toneladas de cota. A un prezo medio de 4 céntimos por quilo, a organización agraria calcula que as explotacións galegas tiveron que desembolsar nese concepto máis de 8 millóns de euros, “o que supón unha supertaxa na sombra”, critican.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información