O Foro Ecogastronómico de Galicia reunirá aos principais axentes do sector ecolóxico

O evento, organizado polo Craega, celebrarase na Casa Ria os días 9 e 10 de abril con coloquios sobre agricultura, gastronomía e mercado sostible

O Foro Ecogastronómico de Galicia reunirá aos principais axentes do sector ecolóxico

O obxectivo do Foro Ecogastronómico de Galicia é reflexionar sobre a diversidade do sector ecolóxico galego.

Casa Ria, situada en Santiago de Compostela, acollerá os días 9 e 10 de abril o Foro Ecogastronómico de Galicia (FEGAG). Esta iniciativa está impulsada polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e conta coa colaboración da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

O obxectivo do evento é crear un espazo de reflexión e debate sobre a riqueza e diversidade do sector ecolóxico galego, analizando a súa amplitude e complexidade desde diferentes perspectivas.

Ao longo das dúas xornadas, o foro reunirá a destacados profesionais e representantes institucionais. Está prevista a presenza da conselleira do Medio Rural, María José Gómez; da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde; e do presidente do Craega, Francisco López Valladares.

O primeiro coloquio celebrarase o mércores 9 ás 12:00 horas, moderado polo xornalista Manuel Cruz. Nesta mesa de debate analizaranse as sinerxías entre a agricultura ecolóxica e as denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas como un modelo de beneficio mutuo.

Entre os participantes Benigno Pereira, de A Corga; Xosé Luis Carreira Valín, de Arqueixal; Natalia Rodríguez, de Corisca; Juan Carlos Juncal, de Dime Salnés; e Isabelle Gómez, de Traloagro .

Arredor das 15:30 horas terá lugar o segundo coloquio, centrado nos atrancos e oportunidades do mercado ecolóxico en Galicia. Este debate será moderado por Rafael Rivadulla (Agronovo Ecoloxía) e contará coa participación de Rosa Celia Otero, Roberto López, María do Mar Pérez Fra, Juan Soriano e Francisco Couso.

A última das mesas redondas terá lugar o xoves 10 de abril, ás 12:00 horas, baixo o título “A excelencia da gastronomía ecolóxica galega: tradición, sostibilidade e innovación”. Neste coloquio, moderado por Jorge Guitián, intervirán os chefs Libia Estévez, Julio Mato, Martín Mantilla e Begoña Vázquez. O encontro pecharase cun xantar elaborado con produtos ecolóxicos certificados.

Con este evento, o Craega busca reafirmar o seu compromiso coa promoción da agricultura ecolóxica en Galicia, fomentando o debate, a innovación e a colaboración entre os diferentes axentes do sector para seguir impulsando un modelo alimentario máis sostible, saudable e de calidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información