Gescooperativo, é a Sociedade Xestora de Institucións de Investimento Colectivo do Grupo de Caixas Rurais creado en 1991. A 31 de xaneiro de 2015 conta con 48 fondos de investimento e cun volume de patrimonio xestionado que supera os 3.100 millóns de euros, distribuídos entre máis de 130 mil partícipes que confían os seus aforros na xestión de Gescooperativo.
En 2014 a xestora do Grupo Caixa Rural ocupou un lugar destacado, situándose no posto 11, entre as xestoras con maior volume de captacións. Creceu un 34% en partícipes, sumando 696 millóns de euros en activos xestionados (un 31,85% máis de patrimonio), mentres que o mercado reflectiu unha variación positiva do 26,65% no mesmo período.
Segundo o ranking de xestoras que publica Inverco, Gescooperativo ocupa o posto número 14 dun total de 79 xestoras nacionais de Fondos de investimento, atendendo ao volume xestionado.
En 2014 dos 48 fondos de investimento que xestionaba, 47 remataron con rendibilidade positiva. Rural Tecnolóxico Renda Variable FI, ademais, conseguiu posicionarse o pasado ano como o fondo español máis rendible en 2014 cun 32,94% de rendibilidade, mentres que o índice Nasdaq 100 obtivo unha revalorización en euros do 29,9%. No histórico dos últimos tres anos Rural Tecnolóxico Renda Variable obtivo unha rendibilidade do 86,41% (23% anualizado).
Destacamos o feito de que Morningstar, empresa de análise independente, no mes de xaneiro, outorgou ao fondo Gescooperativo Deuda Corporativa FI a máxima cualificación de rating con 5 estrelas. Este fondo únese ao Rural Tecnolóxico Renda Variable FI que xa contaba coas mesmas estrelas; polo que dun total de 63 fondos españois que ostentan a máxima cualificación de rating “5 estrelas” outorgada Morningstar, dous deles están xestionados por Gescooperativo.
A xestora dispón dunha gama de fondos diversificada para poder ofrecer produtos que permitan atender as necesidades de calquera perfil de cliente.
A categoría que se está a converter na gran favorita dos partícipes, canalizando o maior volume de entradas son os fondos mixtos de renda fixa. En 2014 conseguiron captar máis de 500 millóns de euros representando o 70% do crecemento en activos xestionados neste ano.
Dentro desta familia, a xestora conta con tres produtos para investidores de perfil conservador: Rural Mixto 15 FI, Rural Mixto 25 FI e Rural Mixto Internacional 25 FI, sendo todos eles, fondos de investimento mixtos de renda fixa cunha pequena exposición en renda variable.
Caixa Rural Galega e Gescooperativo dispoñen dunha guía de fondos de investimento en www. ruralvia.com na que se pode obter información de todos os fondos que comercializan ademais de consultar os destacados pola xestora para cada perfil de cliente en cada momento.
Acerca de Caixa Rural Galega
Caixa Rural Galega é a única entidade de crédito con sede en Galicia e capital galego. A entidade con base cooperativa conta cunha rede de 46 oficinas distribuidas todas elas en Galicia e a súa base social supera os 16.000 socios. É unha das cooperativas que conforman o Grupo Caja Rural.
Acerca do Grupo Caja Rural
O Grupo Caixa Rural está composto por 41 entidades, que supoñen o principal representante da banca cooperativa en España. Líderes en activos, en número de entidades, en solvencia e en eficiencia, comparten empresas de servizos como o Banco Cooperativo Español, a compañía aseguradora Seguros RGA e Rural Servizos Informáticos. Dentro do Grupo, a Asociación Española de Caixas Rurais é o instrumento de coordinación e foro de debate estratéxico e representación, servindo tamén para fixar as prioridades, estratexias e políticas do Grupo.