“O factor humano é o principal problema do sector lácteo galego hoxe en día”

Responsables de recursos humanos de empresas e cooperativas, titulares de explotacións e ONGs que acollen a inmigrantes demandan solucións que permitan formar e incorporar ás granxas a traballadores estranxeiros con garantías de estabilidade ante a falta de man de obra no sector

Alberto Portuondo, responsable de Prospección Empresarial y formación laboral de la ONG rescate, durante su intervención en las jornadas celebradas en Vilalba

Alberto Portuondo, responsable de Prospección Empresarial e formación laboral da ONG Rescate, durante a súa intervención nas xornadas celebradas en Vilalba

Harouna Sisoko leva un ano e medio en Galicia e desde hai 4 meses traballa en SAT A Vereda, en Castro de Rei. Orixinario de Mali, onde era taxista, nunca traballara na gandería pero di que é un traballo que lle gusta.

«En Mali o meu pai ten 2 vacas pero só para traballar a terra. Eu nunca ordeñara, pero hoxe ordeño, atendo os tenreiros e ando no tractor; dáme igual calquera dos traballos que hai na granxa», afirma.

Harouna veu desde Mali en patera para buscar un futuro en Europa. No seu país, mergullado nun conflito armado desde o ano 2012, deixou á súa muller e aos seus dous fillos. Quere gañar cartos para enviar á súa familia e en SAT A Vereda convive con outros traballadores de Mali e de Marrocos.

Tras chegar a España, Harouna foi derivado a un dos centros de acollida que a ONG Rescate xestiona en Galicia para persoas en situación de protección internacional. Tras solicitar asilo e realizar un itinerario formativo, que inclúe a aprendizaxe de español, é un dos inmigrantes beneficiarios do programa de emprego en granxas e empresas lácteas e o pasado xoves contou a súa experiencia nun acto organizado en Vilalba.

Está agradecido da acollida que tivo en Galicia, tanto por parte da ONG Rescate como na actualidade, xa fóra do centro, en Castro de Rei. Vive na granxa, porque non dispón de homologación para o seu carné de conducir, e para poder comezar a súa nova vida na Terra Chá explica que os socios da granxa lle adiantaron cartos para as primeiras necesidades básicas, como por exemplo poder mercar comida. «O xefe é moi amable», di. Só discute con el polo fútbol, porque Harouna é do Barça e Manuel Sandamil do Madrid, explica entre bromas.

Falta de relevo e de man de obra

Quico Ónega, David Seijas y Ángel Algora, en la mesa redonda sobre las necesidades de mano de obra en el sector lácteo gallego

Quico Ónega, David Seijas e Ángel Algora, na mesa redonda sobre as necesidades de man de obra no sector lácteo

Harouna ponlle cara a unha realidade cada vez máis frecuente nas explotacións lácteas galegas: a dos traballadores inmigrantes. A medida que as ganderías medran e a man de obra familiar resulta insuficiente, os traballadores estranxeiros enchen un oco imprescindible nas granxas.

Quico Ónega, investigador do Laboratorio do Territorio da USC, afirma con contundencia que «o problema humano, tanto pola falta de relevo xeracional como de man de obra contratada, é o principal reto actual e de futuro do sector agrario galego».

Entender as dinámicas do rural galego pasa por entender as dinámicas do sector lácteo

«O territorio son persoas e durante moitos anos esquecémonos diso, pensabamos que o territorio eran parcelas. Hai que centrarse xa, e imos 25 anos tarde, nas persoas», defende.

«En 1950 o 65% da poboación era poboación activa agraria. Moitos deles e os seus descendentes emigraron e comezaron a traballar noutros sectores. Ata hai pouco viamos iso como normal e mesmo como sinónimo de desenvolvemento. É dicir, víase como algo bo que as porcentaxes de persoas dedicadas á agricultura descendesen. Agora empezamos a verlle as orellas ao lobo, pero aínda temos as oreleiras postas e non vemos a dimensión real do problema», alerta.

O problema é un problemón, de dimensións que aínda non vemos

«Nos últimos 15 anos os afiliados á seguridade social en Galicia descenderon un 40%. Rematamos 2024 con 20.000 persoas menos no sector agrario galego con respecto a 2010, cando había 50.000, das que agora quedan 30.000. É unha mentalidade que arraigou e darlle a volta é moi complicado e non vai ser algo inmediato. As solucións son a 20 anos vista», asegura Quico.

«Estamos moi lonxe de ter un diagnóstico; o que temos son visións parciais. O relevo xeracional no sector agrario en Galicia é moito máis ca a integración de persoas migrantes, sen restarlle importancia a iso, pero é moito máis ca iso. En 2020 a metade dos titulares de explotación tiñan 55 anos, pero agora xa teñen 60 anos. Fáltanos xente a varios niveis e en varios tipos de perfís: fáltannos persoas para ordeñar, pero fáltannos tamén titulares e xestores de explotacións, veterinarios e técnicos análogos», enumera.

A media de idade dos xefes de explotación agraria sitúase en Galicia nos 63,6 anos, con menos do 10% dos titulares de granxas por baixo dos 40 anos

«Se o problema é vital, hai que dedicarlle os recursos necesarios, porque se chega a dermatosis nodular contaxiosa e fan falta 3 millóns de euros para desinfectar as cunetas, aparecen, pero non os hai para poñer en marcha un programa serio e duradeiro que trate de dar resposta a este problema. Se o problema é importante temos que dedicarlle o diñeiro e a atención que require», pide.

Solucións públicas que chegan tarde

Proyección demográfica sobre pérdida de población en las distintas regiones de la UE en 2100 sin inmigración

Perda de poboación nas distintas rexións da UE en 2100 sen inmigración

A falta de traballadores é na actualidade un dos obstáculos máis importantes para o crecemento das granxas lácteas galegas. Porén, este asunto non figura entre as prioridades da Consellería do Medio Rural, máis centrada no reparto de axudas en investimentos.

As competencias en políticas activas de emprego recaen na Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. A súa directora territorial en Lugo, Carmen José López, admite que é necesario «buscar solucións para que o sector primario non estea pechando por falta de xente».

As dificultades para atopar man de obra retraen investimentos e fan inviábel a ampliación de granxas

«Dado o problema demográfico que temos actualmente en Galicia non chegamos a tempo xa con medidas de fomento da natalidade», admite. Na última década produciuse un descenso dun 30% no número de nacementos en Galicia, pois se no ano 2016 nacían 19.000 nenos e nenas ao ano na comunidade, hoxe esa cifra reduciuse a 13.000.

Por iso, sen inmigración, as últimas proxeccións demográficas da Unión Europea prevén un descenso da poboación en Galicia do 50% no ano 2100, que se moderaría grazas á chegada de inmigrantes ata un descenso do 40% nas provincias de Lugo e Ourense e dun 30% na Coruña e Pontevedra.

Sen inmigrantes, Galicia perdería o 50% da súa poboación actual no ano 2100, segundo as últimas proxeccións demográficas da UE

Carmen demanda medidas administrativas, como a axilización da tramitación burocrática de permisos de traballo, dependentes do Goberno central, e propón formación á medida (cursos AFD a demanda das empresas e asociacións do sector) e apoio ao transporte dentro das competencias da Xunta de Galicia.

«Poderíanse homoxeneizar horarios entre as granxas para poder desde a Administración poñer solución de transporte para mover os traballadores a esas zonas onde hai granxas», ofrece.

Homologación de títulos e oferta de vivenda

Ángel Algora, director de persoal e acción social da cooperativa Aira, que participa no programa da ONG Rescate, asegura que «o problema de captación de man de obra agrávase cando os centros de traballo están no rural, en zonas illadas e mal comunicadas».

Os concellos teñen que mollarse e implicarse en facilitar vivendas

Por iso, pide a implicación dos concellos á hora de facilitar vivenda aos inmigrantes. «Aira tivo que buscar un piso onde conviven os 3 inmigrantes que traballan na cooperativa, unha axuda imprescindible para eles e que figura na nómina como unha remuneración en especie», indica.

Ademais, a través da Asociación de Cooperativas Agroalimentarias de España, presionan en tres ámbitos: homologación do carné de conducir, homologación de titulacións e renovación de permisos de traballo.

«Non ten sentido que unha persoa que leva 1 ano traballando legalmente teña que conseguir unha cita imposíbel, porque están todas collidas polas mafias, para demostrar que está traballando e poder así renovar o seu permiso, cando esa persoa está dada de alta na Seguridade Social e a Administración pode velo», relata.

Temos veterinarios de Colombia aos que tardan anos en homologarlles o título

É unha das «moitísimas incongruencias» que Ángel ve no sistema de legalización de traballadores inmigrantes, tanto de baixa cualificación como con formación universitaria. «Temos problemas para conseguir veterinarios clínicos, porque a maioría dos que estudan Veterinaria fano para traballar con mascotas e non queren traballar con vacas. Pero temos veterinarios de Colombia aos que tardan anos en homologarlles o título», describe.

Formación adaptada ás necesidades do sector

Un momento de las jornadas celebradas en Vilalba

Un momento das xornadas celebradas en Vilalba

Ángel pon o foco tamén no tipo de titulacións de FP que se ofertan en comarcas rurais. «Hai que analizar os FP que temos na provincia de Lugo e se casan coa demanda existente. Non digo que non estea ben ter mecánicos de Fórmula 1 ou pilotos de drons, pero formalos aquí para que marchen despois a vivir e a traballar a outros sitios paréceme algo ilóxico, cando aquí temos unha demanda enorme no sector lácteo que está sen cubrir. Pero en ningunha das empresas nas que estiven ninguén de Educación veu preguntarme que perfil de xente necesitabamos», relata.

Hai que analizar que titulacións de FP se ofertan e cales son as que fan falta nunha provincia como Lugo

«A día de hoxe non facemos selección, collemos o que hai, pero iso non quere dicir que non queiramos volver facer selección. A gandería cada vez vai ser máis industria e menos gandería, porque ten robots e tecnoloxía que é necesario manexar», indica.

David Seijas, presidente da asociación Capital Humano, que reúne a responsables de recursos humanos de empresas da provincia de Lugo, asegura que «o capital humano é o máis importante para unha empresa, porque un camión ou unha máquina pódela mercar, pero necesitas unha persoa que a manexe».

Desde que entramos na UE perdemos 400.000 traballadores no sector lácteo; en 1990 había en Galicia 75.000 explotacións leiteiras e hoxe quedan 5.000

«A nivel produtivo Galicia é moi importante no sector lácteo, somos a novena rexión produtora de Europa, pero falta man de obra, tanto cualificada como non», insiste. Como responsable de recursos humanos no laboratorio AMSLab, recoñece que «actualmente cústame máis contratar a alguén de mantemento ca a un doutor en Químicas».

Na mesma idea insiste Maikel Fernández Cuba, da queixería Prestes: «O sector non é atractivo para a inmensa maioría da poboación e en 5 ou 10 anos o problema vai ser gravísimo, porque haberá moitos bioquímicos, pero cantos operarios?», pregúntase.

Necesitamos mecanismos para estabilizar con garantías aos inmigrantes que queren traballar nas ganderías

«Que sentido ten que a xente de Vilalba faga un curso de 6 meses de Excel cando ese traballo o vai facer a intelixencia artificial e non de queixería?», engade Hugo Criado, da consultora Medrar, organizadora do evento. Pablo González, de Agromuralla, demanda pola súa banda «mecanismos para estabilizar con garantías aos inmigrantes que queren traballar nas ganderías».

Cambio de mentalidade

O peso da man de obra asalariada nas explotacións aumentou exponencialmente, xa que en moitas delas a man de obra familiar deu paso a traballadores contratados. «O servizo de substitución que ofrece a cooperativa antes demandábao o socio para marchar el de vacacións; agora demándao para que os empregados marchen de vacacións», exemplifica Ángel.

Modificar horarios e rutinas de traballo nas granxas para ofrecer condicións atractivas son as claves para fidelizar aos traballadores

David expón algúns dos cambios de mentalidade a nivel laboral nos mozos que actualmente se incorporan ao mercado de traballo, aos que as empresas, incluídas as explotacións lácteas, deben adaptarse. «Vai xubilarse a xeración do baby boom e van incorporarse novas xeracións que entran pola porta preguntando polas vacacións. Hai que cambiar o chip, non é que esa xente non vaia traballar, pero quere saber cando pode gozar do seu tempo libre. Hoxe, para escoller un traballo, segue primando o salario, pero detrás están tamén o horario, a flexibilidade e a conciliación», describe.

«Cando vemos no currículo dunha persoa nova que estivo en 6 ou 7 empresas o empregador pensa: este non para en ningún sitio, cando non é así. Xa ninguén vai traballar 40 ou 50 anos nunha empresa como facían os nosos pais», insiste.

“Os resultados de inserción laboral en Galicia son altísimos, porque aquí todos temos a alguén na familia que foi emigrante”

Javier Otero, junto a dos de los inmigrantes acogidos por la ONG Rescate en la provincia de Lugo

Javier Otero, xunto a dous dos inmigrantes acollidos pola ONG Rescate na provincia de Lugo

Pola súa historia de emigración e o seu carácter hospitalario, Galicia lidera o ranking de inserción laboral de persoas en situación de protección internacional en España. Sectores como a construción, a hostalaría ou a gandería ofrecen oportunidades para acoller traballadores estranxeiros solicitantes de asilo.

Javier Otero, responsable en Lugo da ONG Rescate, que leva dous anos traballando na inserción de persoas en situación de protección internacional, indica: «Os resultados de inserción laboral en Galicia son altísimos, porque é unha terra de acollida e en todas as familias hai alguén emigrante».

A construción e a gandería emerxen como dous grandes nichos laborais. «Na construción necesitan incorporar entre 2.000 e 3.000 persoas ao ano para garantir o relevo xeracional no sector e están incorporando entre 300 e 400 persoas», exemplifica.

Sería interesante estruturar un programa de formación co sector, igual que temos na construción

A ONG estase focalizando tamén na inserción en explotacións lácteas, moi demandantes de man de obra. «En 2025 formamos a 100 persoas inmigrantes no sector agrario e en 2026 prevemos formar o dobre. É unha formación curta porque necesitan comezar a traballar para sobrevivir e mandar cartos ás súas familias», explica.

As persoas en situación de protección internacional teñen todas un itinerario de formación e emprego, pero Javier defende que «sería interesante estruturar un programa de formación co sector; todo o ecosistema está listo para iniciar isto», asegura.

700 persoas susceptibles de incorporarse ao mercado laboral

Alberto Portuondo, responsable de Prospección Empresarial y formación laboral de la ONG rescate, durante su intervención en las jornadas celebradas en Vilalba

Alberto Portuondo, responsable de formación laboral da ONG Rescate, durante a súa intervención

A ONG Rescate leva ano e medio traballando en Galicia, onde conta na actualidade con 6 centros de acollida: en Roxos (con 127 prazas), Valga (173), Padrón (65), Burela (114), Monterroso (130) e Becerreá (75). «Agora mesmo temos con nós a case 700 persoas susceptibles de incorporarse ao mercado de traballo galego», destaca Alberto Portuondo, responsable de prospección empresarial e formación laboral da ONG.

«Son todos homes maiores de idade, de entre 18 e 35 anos, de varias nacionalidades pero sobre todo de África subsahariana, cun continxente moi importante procedente de Mali, porque se recibimos mozos subsaharianos é máis doado inserilos no mercado laboral galego que se recibimos persoas de Ucraína de entre 50 e 60 anos», indica.

No Ministerio cústalles entender o grao de inserción laboral que hai en Galicia, porque non é habitual

Nos últimos dous anos a ONG Rescate logrou inserir no mercado laboral a 800 solicitantes de asilo e outras 1.500 persoas recibiron formación. «Con isto conséguese tapar un oco moi pequeno porque non se trata dun problema de relevo xeracional nas explotacións agrarias, é un problema de relevo demográfico. O Consello de Contas di que o 70% dos concellos galegos non son viables por falta de nacementos», evidencia Javier.

Procedementos administrativos

Cando un inmigrante chega a España e solicita asilo (un trámite para o que é difícil conseguir cita), recibe unha carta branca na que aparecen os seus datos e a súa fotografía. O permiso de traballo actívase aos 6 meses da data de solicitude de protección internacional e ten que ser renovado 6 meses despois.

En función do país de procedencia e da súa situación persoal, o solicitante de asilo pode recibir resposta favorable ou desfavorable á súa petición de protección internacional. «Se recibe unha resposta favorable, vai á Policía e a partir de aí ten un permiso de traballo por 5 anos renovable. Se é negativa, hai un prazo de 30 días para presentar recurso, de maneira que se paraliza a denegación, actívase de novo o permiso de traballo e poden seguir traballando mentres non reciben contestación definitiva, que pode tardar anos, xa que polo de agora non recibimos ningunha contestación e esas persoas que recibiron resposta inicial negativa e recorreron seguen todas traballando», asegura Javier.

O permiso de traballo actívase aos 6 meses de solicitar asilo; no caso de non solicitalo, tardaría 2 anos

Esta fase inicial de documentación é bastante liosa, pero pediu «non discriminar a ningunha persoa polo seu país de orixe», xa que de toda a tramitación se encarga a ONG e «sempre hai unha solución», tanto se lles conceden a protección internacional como se non. «Mesmo as persoas que son rexeitadas nesta figura de cobertura legal poderían seguir traballando na granxa na que están», afirma.

Durante os 6 meses que pasan desde a solicitude de asilo ata que se activa o seu permiso de traballo, os inmigrantes poden formarse, pero non poden traballar. «Aproveitamos para achegarlles unha formación rápida neses 6 meses que temos ata que se activa o permiso de traballo para que estean capacitados para traballar xa ao día seguinte de ter ese permiso de traballo. Dentro deses itinerarios de formación individualizados, coñecemos a súa experiencia laboral previa e moitos teñen relación co sector agrícola e cos animais na orixe, aínda que só saben ordeñar a man», indica.

A barreira do idioma

Público asistente a las jornadas celebradas en Vilalba

Público asistente ás xornadas celebradas en Vilalba

Desde o mesmo momento en que os inmigrantes chegan aos centros que a ONG Rescate ten en Galicia, ao día seguinte comezan xa con clases de español, que son obrigatorias. «A maioría son políglotas e falan varios idiomas. Ademais das súas linguas nativas, o 80-85% manexan o francés e algúns tamén o árabe, polo que en canto se incorporan a un posto de traballo se soltan e aprenden rápido porque teñen unha base moi boa de aprendizaxe ao falar xa varias linguas», asegura Alberto.

A Administración traslada ao empregador a responsabilidade de cubrir as necesidades básicas iniciais dos seus traballadores inmigrantes

Outras barreiras habituais para a inserción laboral son o transporte e a vivenda. «Temos que rexeitar moitas ofertas de traballo de empresarios por esta cuestión. Cando están no programa de acollida con nós, ademais do aloxamento e da comida, os inmigrantes reciben 50 euros ao mes, pero cando abandonan o dispositivo deixan de recibir ese diñeiro, polo que saen dos nosos centros sen cartos, sen vivenda e sen transporte. Non temos mecanismos para resolver estes tres problemas. É unha responsabilidade que a Administración e a sociedade están trasladando aos empregadores», afirma Javier.

«O modelo máis habitual é que o gandeiro lle facilita onde vivir e lle adianta algo de diñeiro para poder comer. É un esforzo que non está visibilizado. O pequeno empresario galego acolle e implícase, incluso ata o punto de levalo á súa casa cear na Noiteboa coa familia como se fose un membro máis», exemplifica.

Traballo de integración nas granxas

«Contratar a un inmigrante recentemente chegado require un traballo de integración extra que non hai que facer cunha persoa de aquí e esa integración é máis doada en ganderías ou en negocios familiares que en grandes empresas», asegura Javier.

No caso de traballadores inmigrantes en situación de protección internacional que saen dos centros de acollida para incorporarse ao mercado laboral, é necesaria unha labor de acompañamento. «Hai que acompañalos a facer trámites, por exemplo, a empadroarse, para que lles cheguen as comunicacións oficiais, pero tamén hai que ir con eles ao supermercado ou ao banco, porque é algo que nunca antes fixeron», relata.

A súa vida transcorre en chanclas e ás veces hai que insistirlles en que teñen que poñerse as botas para traballar

«É un proceso de integración porque son persoas que veñen cunha cultura distinta. Ás veces hai que insistirlles, por exemplo, en que hai que poñerse as botas para traballar, porque a súa vida transcorre en chanclas. Pero é xente moi voluntariosa e con moitas ganas de traballar», destaca.

Proceso de regularización pendente

Nestes momentos estase tramitando unha Iniciativa Lexislativa Popular no Parlamento para regularizar as persoas inmigrantes que leven 2 anos traballando en España, aínda que desde a ONG Rescate non están seguros de que saia adiante, malia considerar este proceso de regularización extraordinario como algo imprescindible.

«Son centos de miles de persoas que xa están traballando e que están desamparadas e en situación de vulnerabilidade, nunha especie de limbo legal, sen asistencia sanitaria e sen posibilidade nin de abrir unha conta bancaria. É un problema que existe e que hai que resolver. As ONGs e os empresarios formulamos esta cuestión continuamente», explica Alberto.

A súa regularización facilitaría o reagrupamento familiar posterior e o seu arraigo nas zonas rurais. «As persoas refuxiadas veñen fuxindo de conflitos armados e deixan alí a súa familia. Eles non poden volver ao seu país e o reagrupamento familiar é algo que leva anos. Iso crea unha situación difícil para eles. Se puidesen traer ás súas familias e mandar os seus fillos aos nosos colexios, o seu arraigo aquí sería moito maior e o risco de que marchasen sería moito menor», argumenta Javier.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información