O éxito do viño galego: Multiplicou por 4 o seu prezo no mercado internacional en pouco máis de dez anos

Publicidade

prezo viño galicia evolucionSegundo os datos da Axencia Tributaria, recollidos polo Observatorio Español del Mercado del Vino (OeMv), as exportacións de viño realizadas desde a Comunidade Autónoma galega evolucionaron extraordinariamente na última década, sobre todo en euros.

Aínda que o total do viño que se dirixe aos mercados internacionais aínda é pouco mais do 16% da produción galega, a progresión en valor e imaxe foi moi positiva e moi por riba da media española. Así o recolle a presentación realizada polo OeMv no Programa Superior de Dirección de Empresas Vitivinícolas da Galicia Business School este pasado 21 de outubro.

Segundo os datos ofrecidos, as exportacións de viño realizadas desde Galicia pasaron de 24,5 millóns de euros en 2009 a máis de 55,7 millóns no interanual a xullo deste ano. Un crecemento do 127%, que contrasta radicalmente co descenso das vendas en volume. En pouco máis dunha década, Galicia practicamente abandonou as súas exportacións de viños máis económicos, normalmente a granel e dirixidas principalmente a Portugal e Angola, para centrarse nos viños enviados, maioritariamente con denominación de orixe e especialmente brancos, a unha diversidade de mercados, entre os que destaca Estados Unidos.

Debido a este cambio estratéxico, as exportacións en litros pasaron no mesmo período de case 29 millóns a pouco máis de 19 millóns de litros en xullo deste ano, cun descenso do 34%. Como resultado da diferente evolución en euros e en litros, o prezo medio dos viños e mostos exportados pola Comunidade Autónoma tense máis que cuadriplicado en apenas 12 anos.

En cifras absolutas, estes prezos pasaron dos 85 céntimos de euro por litro en 2009 – afectados pola crise que naquela época impactou sobre o conxunto dos viños mundiais, pero tamén pola composición da súa carteira de viños, máis inclinada cara ao de menos valor – aos 2,93 euros por litro que rexistran no interanual a xullo deste ano.

Unha progresión extraordinaria, exemplo da tendencia máis recomendada polos expertos internacionais de “premiumización” das vendas (escalada progresiva cara a posicións de maior valor, aínda á conta de posibles perdas de vendas en volume) que, aínda que desexable, non sempre é fácil de executar.

Esta magnífica progresión das exportacións de viños galegos tivo distintas fases. Un primeiro cambio produciuse entre os anos 2009 e 2013, cando en apenas 4 anos a facturación por viños envasados multiplicouse por 2,5, desde os 16,7 millóns de euros aos 41,8 millóns. As vendas exteriores, tamén afectadas pola variabilidade das colleitas e a maior ou menor dispoñibilidade de viño cada ano, seguiron logo crecendo, aínda que a un ritmo relativamente menor. En tempos máis recentes, o crecemento das vendas de viños envasados galegos volveu ser extraordinario desde 2018. Aínda que non se venderon moitas máis botellas neste período e Galicia mantívose sobre os 17 / 18 millóns de litros, a facturación en euros volveu subir con forza, desde os 43,6 millóns de euros a superar xa os 55 millóns.

“Os datos mostran que as crises da COVID-19, o BREXIT e os aranceis temporais impostos en EE.UU. apenas tiveron efecto sobre estas vendas exteriores de viños galegos, que mantiveron unha evolución positiva tamén durante o pasado ano”, destacan desde o OeMV.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información