A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“O éxito de Delagro nesta campaña foi ter produtos en tempo e forma para todos os socios”

Tres profesionais da cooperativa de segundo grao, Ana Martínez, directora adxunta de produción vexetal, José Manuel Díaz, responsable Comercial e de Mercadotecnia e Javier Caneda, responsable da área de Produción Vexetal, cóntannos como Delagro superou con éxito unha campaña que viña co vento en contra e cales son as ferramentas coas que contan para facer fronte a unha nova campaña chea de incerteza.

“O éxito de Delagro nesta campaña foi ter produtos en tempo e forma para todos os socios”

Planta de Delagro en As Pontes

Hai unhas semanas dábase por pechada unha campaña complexa, que provocou algún que outro desvelo nos equipos de compras de Delagro, pero que culminou cun final feliz e co orgullo de non deixar a ningún socio sen acceso a produtos esenciais para o funcionamento dos seus negocios. O certo é que foron varios factores os que se foron sumando até formar a tormenta perfecta e, con todo e a pesar diso, Delagro conseguiu manter firme o rumbo e chegar a bo porto.

“Xa viñamos dunha situación moi complexa desde a pasada campaña debido á pandemia, que xa golpeara ás cadeas loxísticas internacionais. O mesmo sucedeu coa tendencia do incremento dos prezos de custo de materias primas, ao que se sumaron as crecentes dificultades na garantía de subministración a nivel global”, explica José Manuel Díaz, responsable Comercial e de Mercadotecnia de Delagro.

“Houbo momentos durante a campaña nos que, aínda que quixeses comprar e tiveses a capacidade de pagar, ao non existir dispoñibilidade de produtos, podías atoparte igualmente en problemas. Afortunadamente en Delagro puidemos sortear esas situacións cun equipo de profesionais que se implicou para que non quedásemos nunca sen stock, traballando con axilidade e flexibilidade”, engade Díaz.

Doutra banda, Ana Martínez, directora adxunta de produción vexetal, apunta que aos incrementos de prezos e dificultades de garantir o stock sumouse un factor produtivo, polo que “a materia prima reduciu o volume co que chegaba ao mercado. Producíronse inundacións en Alemaña e tamén se padeceron secas en Centroeuropa. Doutra banda, China comezou unha tendencia de redución da súa produción polo cumprimento dos límites do protocolo de Kioto, o que provocou o peche dalgunhas fábricas que non cumpren medidas de límites de contaminación. Cando China deixa de vender, isto ten un impacto a nivel mundial”.

A puntilla a esta delicada situación veuna a pór o impacto da guerra. “O 22 de febreiro, é unha data que non se nos esquece. Tiñamos xa toda a campaña canalizada, cando os principais celeiros do mundo, que son Rusia e Ucraína, entraron nun conflito bélico e deixaron de provernos. O impacto foi enorme no prezo e a dispoñibilidade de materias primas e fertilizantes”.

“O prezo márcao o mercado, e desgraciadamente Delagro non ten poder para influenciar nunha redución desa suba de prezos. O que si podemos facer é exercer de dique de contención. Debemos ter en conta que, se Delagro desaparecese mañá, o mercado viviría automaticamente un repunte de prezos. A dimensión e o poder de negociación da nosa cooperativa funciona como unha áncora dos prezos, delimita unha zona na que se pode vender un artigo, tirando dos prezos cara abaixo”, asegura Javier Caneda, responsable da área de Produción Vexetal en Delagro.

As ferramentas de Delagro para capear o temporal

“En Delagro temos moi claro quen son os nosos xefes. Traballamos para outras empresas, outras cooperativas e centos de explotacións gandeiras socias. Os nosos donos son os propios gandeiros e o que facemos é cubrir a súa demanda. Ese é o noso obxectivo e a nosa responsabilidade, porque os animais comen todos os días, e tomámonolo moi en serio”.

Para desempeñar esta tarefa con éxito, a estratexia de compras é clave. “Cada familia de produtos deseña a súa propia estratexia en función do contexto e a demanda específica. Detrás deste proceso hai un equipo de profesionais que está atento a cada un dos movementos do mercado. O feito de poder beber de todas as fontes de información posibles, permítenos tomar decisións cunha porcentaxe de éxito máis alto. Canta máis información teñamos, máis fácil tomar a decisión de compra acertada e máis posibilidades de que podamos anticiparnos”, detalla Ana Martínez.

A clave está no coñecemento do mercado e a profesionalización, xunto ao establecemento de relacións sólidas cos grandes operadores do mercado. Así o explica José Manuel Díaz: “En Delagro existe un equipo de profesionais especializados, enfocado en traballar con provedores de referencia, o que nos proporciona unha vantaxe competitiva: conseguimos sempre produtos con boa relación calidade prezo directamente dos principais produtores a nivel mundial. Ante o contexto de escaseza mundial os provedores sufrirán, pero os grandes sufrirán menos. A nosa capacidade de negociación é alta, debido ás cantidades que manexamos ao sumar as necesidades de varias cooperativas”.

Doutra banda, tamén destacan a súa capacidade financeira para apalancar recursos e facer fronte ás compras anticipadas. “Isto permítenos ter liña directa coas grandes multinacionais, que van vender a quen lle ofreza solvencia crediticia”, engade.

As claves do éxito: anticipación e innovación

Ademais de profesionalidade, coñecemento e estreita relación con provedores de primeiro nivel, desde Delagro destacan o seu sentido da Responsabilidade Social e do compromiso coa mellora continua como organización. En palabras de Ana Martínez: “Nos últimos dous anos uno dos principais obxectivos que traballamos é o de anticiparnos ante os cambios lexislativos tanto en temas de sustentabilidade como de dixitalización. Poder ir un paso por diante ofrécenos unha vantaxe competitiva e para iso necesitamos traballar sempre desde a innovación, o valor engadido e a calidade”.

Un exemplo diso é Blue Star, un fertilizante bioestimulante que lanzaron o pasado mes de xaneiro centrado en mellorar a eficiencia das plantas na captación e aproveitamento dos nutrientes dispoñibles no chan. “Estes fertilizantes contribúen a unha agricultura máis sustentable, reducindo as emisións, a pegada de carbono e as perdas de nutrientes non aproveitados. Desta forma, conseguimos adiantarnos ás novas esixencias ambientais contidas na Política Agraria Común (PAC) e a estratexia da Granxa á Mesa, así como o Real Decreto de Nutrición Sustentable, cuxa publicación é inminente”, detalla Javier Caneda.

Outro tema no que Delagro se ten volcado é o da rastrexabilidade, porque a lexislación así o vai a esixir. “Isto vai acompañado dun proceso de dixitalización, de poder acceder á información de forma rápida, de desenvolver ferramentas áxiles para comunicarnos de maneira automatizada cos nosos provedores”.

E, doutra banda, está a obsesión pola dispoñibilidade e a calidade. “Un dos compromisos que adquirimos coas cooperativas socias é o de ter produto sempre e que, ademais, este produto sexa de boa calidade, que cumpra a súa función de forma eficiente e sustentable. O mercado ve iso, que as cooperativas sempre teñen produtos dispoñibles e de boa calidade, porque está suxeito a estritos controis que levamos a cabo en Delagro á chegada de todos os produtos”, engaden.

Encarando o futuro: incerteza e flexibilidade para a próxima campaña

A estratexia de anticipación cada vez é máis difícil de aplicar ante a incerteza imperante, pero as compras e o deseño da estratexia máis adecuada para executalas non se deteñen en Delagro. “Con este panorama, xa tivemos que comprar as sementes pratenses do próximo outono e os plásticos de ensilado. Estamos a analizar agora as compras dos fertilizantes que se utilizarán a próxima primavera”, explica Caneda.

Así, a formulación de cara á próxima campaña adaptouse ás circunstancias, nunha rápida viraxe de estratexia. “Ao non ter visión de futuro ante a altísima incerteza preferimos ir máis ao día. As previsións están moi á baixa, pero tamén é o noso papel o de equilibrar esas previsións en función de posibles escenarios, establecendo os stocks de seguridade en función de históricos. As compras non cesan e preferimos ir dando pasiños curtos, pondo en marcha todas as ferramentas que nos permiten movernos con axilidade e sen risco”.

Ademais, consideran que é importante non apartar o foco das esixencias de calidade. “Cando o río está revolto, é fundamental deixar claras as especificacións de todos os produtos, xa que isto é o que nos permite ofrecer sempre as máximas garantías aos gandeiros e agricultores que compran os produtos. Hai que comprar o mellor, pero a un prezo competitivo; establecemos uns estándares de calidade e de aí non nos baixamos”, asegura Martínez.

Facendo balance desta campaña 2021-22, non se lles escapa un dato que apoia o traballo ben feito: “As vendas das cooperativas incrementáronse. Haberá quen seguise comprando na cooperativa simplemente por costume, pero o certo é que chegaron novos clientes e iso confírmanos que o fixemos ben e cumprimos o noso propósito e compromiso”, sinala Caneda.

“Ante a escaseza de produtos e a boa xestión que fixo Delagro conseguindo aprovisionamento para as cooperativas, acudiron a elas consumidores que non adoitaban ser os habituais, xa que os outros canles de distribución non podían ofrecerlles eses produtos de campaña. O éxito da eficacia de Delagro nesta campaña foi ter o stock en tempo e forma para todos os socios, aínda que para logralo houbese que remar contra vento e marea”, corrobora Díaz.

FERTILIZANTES Delagro_19_A

Sobre Delagro S. Coop.

Delagro ten a súa orixe en tres cooperativas de segundo grao, Cica (Asturias), Sergacán (Cantabria) e Cecoop (Galicia), que en 1994 deciden unir esforzos e levar a cabo unha actividade comercial común e buscar sinerxías. A integración deste tres socios iniciais, dá como resultado que en 2005 naza Delagro, co obxectivo de converterse no mellor exemplo de integración cooperativa.

Cunha facturación que supera os 200 millóns de euros, está integrada por máis de 23 entidades, algunhas delas de segundo grao, de Asturias, Cantabria e Galicia. Xuntas, achegan 37 cooperativas representadas, con case 26.000 familias asociadas, das que 17.000 son socios con actividade agraria. Un grupop que aposta pola innovación e que se converteu, desta maneira, nunha das máis importantes centrais de compras e distribución do norte de España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *