“As vacinas como ferramenta de prevención: mellorando o seu manexo para optimizar resultados” é o título da ponencia que ofreceu Margarita Barreto, técnica de HIPRA, na última edición dos Encontros Gandeiros organizados pola Agrupación de Defensa Sanitaria Xundeva, en Lalín (Pontevedra).
A importancia das vacinas
A técnica de HIPRA comezou a súa intervención salientando que “as vacinas teñen a mala sorte de que poden morrer de éxito. Funcionan tan ben que moitas veces non se lles dá o valor que teñen e non se ten en conta o seu papel como freo a enfermidades graves. Por exemplo, a IBR bovina está controlada grazas ás vacinas”.
As vacinas, subliñou, son decisivas para atallar os patóxenos zoonóticos. “Dous terzos das enfermidades que sofren os animais son causadas por patóxenos zoonóticos, que son un risco para as persoas. As vacinas melloran a saúde e o benestar dos rabaños e, polo tanto, a súa produtividade e rendibilidade”. Por último, a prevención a través de vacinas permítenos reducir o uso de antibióticos nas explotacións.
Prevención adicional en animais de recría
No caso de vacinación no último terzo da xestación dos animais que van parir, esa vacina suporá que as futuras crías reciban a través do calostro un importantísimo reforzo para o seu sistema inmunitario. “Así, as vacinas non só teñen efectos sobre os exemplares que as reciben, senón tamén sobre as súas fillas a través da inmunidade pasiva. É algo esencial na prevención dalgunhas enfermidades.”
O manexo eficiente na vacinación
A técnica de HIPRA explicou o uso de vacinas cun triángulo, no que os seus vértices son o produto, o animal e a aplicación. E hai que incidir rigorosamente en cada un dos tres para que as vacinacións resulten efectivas e, por engadidura, rendibles.

Ter ordenados, rexistrados e limpos todos os elementos que se utilizan na vacinación é algo imprescindible
- O animal
“Na parte animal hai que poñer especial atención en tres aspectos. O primeiro é controlar que todos os exemplares que vacinemos estean sans. É imposible obter unha boa resposta inmunitaria se aplicamos vacinas a reses que poden estar incubando unha enfermidade, que presentan un balance enerxético negativo ou se están presentando problemas de nutrición”.
O segundo aspecto céntrase no manexo previo. Hai que evitar que o gando sexa transportado xusto antes de recibir as vacinas e procurar que non sufran cambios bruscos no seu hábitat, alimentación ou descanso.
E o terceiro punto ten que ver coa necesidade de evitarlles estrés aos animais. “Nese caso hai que determinar onde e cando vacinamos. En que momento e en que espazo físico. Se empregamos mangas ou cornadizas hai que evitarlles que pasen medo ou que vaian con moita présa. Porque un mal manexo neses apartados pode derivar en estrés antes e despois da vacinación”.
- Manexo do produto
No que respecta ás vacinas en si, hai que fixarse primeiro no proceso de fabricación. “Se ben está todo moi protocolizado e regulado, sempre pode haber fallos. Toda a información que recibamos será de utilidade. E o mesmo serve para o transporte; o modo en que as vacinas chegan ata os distribuidores e desde estes ata as granxas”, dixo a técnica de HIPRA.

Dende HIPRA recomendan sempre aplicar as vacinas nas dúas caras do pescozo e nunca na traseira dos animais
Logo hai que prestar moita atención aos procesos de almacenaxe de vacunas nas explotacións. En xeral, hai que mantelas a unha temperatura de entre 2ºC e 8 ºC. E evitar que se conxelen. “Por exemplo, convén situalas no centro dos refrixeradores porque unha proximidade excesiva coas paredes pode conxelas parcialmente ou danar os envases”.
Aínda que poida parecer laborioso ou obvio, hai que comprobar a data de caducidade e o número de lote de todas as vacinas. E sempre hai que ler detidamente o prospecto. “No prospecto veñen indicadas as características do produto.
Se, por exemplo, pon que se trata dun liofilizado branco e unha solución homoxénea transparente, hai que comprobar que sexa así, que non estea escuro ou con grumos. Porque iso indicaría que pode estar deteriorado. Nese caso non hai por que ter medo de consultar cos veterinarios”, aclarou Barreto.
- A aplicación
O último vértice do triángulo é a propia aplicación da vacina. A especialista de HIPRA recalcou que a orde e a limpeza deben ser o primeiro que hai que traballar. “As présas e a falta de orde son negativas en calquera traballo sanitario. Tamén na vacinación. Ter os aparellos e produtos de calquera maneira pode levarnos a cometer erros”.
Nesa liña, Barreto falou da necesidade de empregar xeringas limpas, agullas adecuadas e luvas no caso de aplicacións subcutáneas. “Na preparación do produto hai que seguir todas as indicacións do prospecto. Desde as temperaturas de aplicación ata as proporcións, no caso de que haxa que mesturar diferentes elementos como liofilizados e disolventes.”
Resumo de recomendacións xerais

A técnico de HIPRA facilitou unha táboa de recomendacións xerais aos participantes no acto de Xundeva
Desde HIPRA recalcan o apartado das temperaturas. “As vacinas gárdanse a un máximo de 8ºC. Pero, por exemplo, as vacas teñen unha temperatura interna de 36 ou 38ºC. Se aplicamos unha vacina fría, o menos malo será que non faga efecto. Porque pode darse o caso de que o sistema inmune a detecte como unha ameaza e acabe xerando reaccións adversas”.
Barreto sinalou que as vacinas deben aplicarse entre 15 e 25ºC. Para conseguilo, convén sacar as vacinas dos refrixeradores con horas de antelación e que vaian subindo de temperatura. Outra opción é quentalas cun baño de auga ou incluso coas mans. E tamén hai envases de vacinas que traen un termómetro incorporado.
A cuestión é que en moitas ocasións a temperatura ambiente está por baixo de 15ºC ou por riba de 25ºC, polo que a vacina arrefriaría ou quentaría de máis. E os baños de auga quente teñen que ser breves e a temperaturas moderadas para que non acaben cocendo os principios activos e inutilizando a vacina.
Materiais e métodos
No caso de que a vacina teña que ser mesturada cun disolvente, hai que facer o proceso do modo máis suave posible, evitando a formación de escumas. Tamén hai que mantela a temperatura ambiente mentres se está utilizando e hai que administrala de forma segura, segundo indicou a experta de HIPRA.
A frecuencia de uso das agullas é outro punto crítico na vacinación. “Se ben non sempre é economicamente posible e pode levar moito tempo, o escenario ideal é o de contar cunha agulla e unha xeringa para cada vacina e cada animal. De non ser así, polo menos hai que tratar de cambiar todo o que se poida as agullas entre animais”.
Barreto afondou tamén nas pistolas de vacinación. “Hai que ter coidado con elas. Podémonos deixar levar polas présas e acabamos inoculando aire nos animais. O mellor é comprobar as pistolas cada tres ou catro animais. Comprobamos que non haxa burbullas de aire e seguimos. Ademais, convén cambiar a agulla da pistola cada 10 ou 15 animais como moito”.
En canto á aplicación, a especialista de HIPRA destaca que hai que diferenciar entre intramuscular e subcutánea, algo que sempre vén indicado no prospecto. “Nós recomendamos que tanto unha como outra se apliquen na zona do pescozo, perpendicular ás orellas. E con cambios de agulla o máis frecuentes posible. A vacinación subcutánea faise coa agulla en diagonal respecto da pel e a intramuscular coa agulla en perpendicular”.
Barreto tamén recomenda evitar inocular as vacinas intramusculares e subcutáneas na parte traseira da vaca. “Porque adoita haber presenza de restos de excrementos e outras impurezas que nunca son recomendables cando se trata de cuestións sanitarias. Nesa zona aumenta o risco de contaminación”.
Vía intranasal
Outra opción que ofrecen determinadas vacinas é a vía intranasal. “É moi interesante en tenreiros acabados de nacer e animais novos. Porque é rápida e porque xera inmunidade a través das mucosas, mediante a produción de inmunoglobulinas de tipo A. A vía intranasal é por onde entran patóxenos como os virus respiratorios, o que a aconsella como vía para a vacinación”.

Outro apartado clave é ler e seguir rigorosamente as instrucións de uso das vacinas
Pero, sinalou Barreto, tamén hai que estar moi atentos no seu manexo. “Moitas veces podemos facer un mal uso das cánulas. Por non cambialas coa frecuencia desexable, sobre todo. Así hai risco de que no canto de inmunizar acabemos esparexendo algún patóxeno. Cada tres ou catro animais, hai que cambiar a cánula. E ser rigorosos coas cantidades que indica o prospecto.”
Rexistros
Outro paso imprescindible é a identificación de animais vacinados. “Para o éxito da vacinación hai que ter un rexistro moi exhaustivo no que figure o produto empregado, que dose, en que tipo de animais, os exemplares vacinados e as datas de vacinación. Iso é algo que, por desgraza, non sempre se fai nas granxas”.
Recomendación importante é tamén, na medida do posible, separar a aplicación de vacinas. É dicir, que os gandeiros non inoculen no mesmo día vacinas para enfermidades diferentes. En gandería extensiva é máis difícil, pero convén separar as aplicacións sempre que sexa posible. E tamén é desexable que as vacinas se apliquen en diferentes zonas do pescozo e non sempre no mesmo lado do animal.
Vacinación e inmunización: evitar fracasos
Desde HIPRA remarcan a diferenza entre vacinación e inmunización. “Podemos vacinar cumprindo o mellor posible os criterios e que cada animal reciba a súa dose. Pero que a vacinación derive en inmunización é unha expectativa. Cando esta non se produce, falamos de fracaso. Pode ser debido a diferentes factores, pero os máis habituais teñen que ver con erros no manexo.” Entre esas causas de fracaso, Barreto citou as seguintes:
• Vacinación de animais enfermos/incubando a enfermidade
• Administración incorrecta
• Problemas de hixiene
• Ausencia de revacinación
• Problemas no almacenamento
• Interferencia de anticorpos maternais; para evitalo podemos recorrer á vacinación vía intranasal
• Animais estresados: Balance Enerxético Negativo, destetes, transportes, estrés…
Barreto concluíu a súa intervención facendo un chamamento a non reutilizar restos de vacinas. “Pode que, ao acabar a xornada de vacinación, teñamos restos en diferentes envases. Iso non se pode gardar para reutilizar máis adiante. Non só non vai ser útil, senón que ata pode traer problemas sanitarios graves.”
Galego










Control OJD