Francisco Díaz-Fierros Viqueira é o autor do libro ‘Eucaliptos en España: razones y pasiones’, un percorrido sobre a convivencia co eucalipto nos diferentes territorios do Estado.
Díaz Fierros, un científico de prestixio ligado á Universidade de Santiago, xa investigara en Galicia no seu día sobre posibles impactos da especie no solo e na dispoñibilidade de auga. Como edafólogo, a súa conclusión é que un cultivo razoable do eucalipto é sostible, pero advirte da necesidade de manter o equilibrio na ordenación dos usos da terra, protexendo as superficies agrarias e os bosques de frondosas.
-Se comezamos polo seu libro ‘Eucaliptos en España. Razones y pasiones’, son moitos os argumentos e emocións que esperta esta especie a nivel social. Como foi evolucionando co tempo a percepción social do eucalipto?
– Na primeira parte do libro, fago unha introdución histórica que divido en tres partes. A primeira é “a acollida”, pois o eucalipto foi ben recibido no século XIX, sobre todo pola beiramar. Estas plantacións tiñan unha función ornamental e tamén sanitaria, a razón máis aducida daquela para o seu cultivo.
Pasado o tempo, os enxeñeiros recomendaron usar esta madeira para o entibado das minas por falta doutras especies. Vemos como curiosamente foron os enxeñeiros de minas, e non os forestais, os primeiros en reclamar madeira de eucalipto. Os forestais estaban aínda nun modelo conservacionista xermánico, predominante naquel tempo.
Tamén o desenvolvemento do ferrocarril propiciou o uso desta madeira para as travesas nas vías. Todo isto fixo que a demanda de eucalipto aumentase a partir do século XX.
Na segunda etapa aparecen as posturas de rexeitamento do eucalipto. As primeiras naceron tamén a comezos do século XX en Andalucía. Logo foi por toda España e en Galicia, aparece unha oposición máis forte a partir dos anos 70, cando nace o movemento ecoloxista.
Co paso dos anos, comezou a haber unha actividade parlamentaria máis “desmedida” no verbal, acusando o eucalipto de capitalista e mesmo anticristiano.
Logo hai unha terceira etapa, a partir dos anos 80 do século XX, onde institucións como Lourizán, Universidade de Santiago e outras máis no norte de Galicia, comezaron a estudar os efectos do eucalipto en España. Isto fíxose porque o rexeitamento ao eucalipto baseábase sobre todo en bibliografía estranxeira, en España non se estudara nada naquela altura.
Despois, aquí si se fixeron experiencias sobre consumo de auga, afectación para o solo e diversidade vexetal. Entón chegouse a unha especie de equilibrio; por unha parte si había un consumo de recursos, por ser unha especie de crecemento rápido, mais tamén se descubriron medidas para contrarrestar estes efectos. Aí foi cando se chegou a un certo equilibrio entre as posturas. A partir de 2005, as posturas volveron separarse e apareceron críticas algo esaxeradas do que era a presenza desta árbore.
Tras estudar os efectos do eucalipto en Galicia, chegouse a un certo equilibrio das diferentes posturas, pero a partir do 2005, as posturas volveron separarse e apareceron críticas algo esaxeradas
– Que estudos se desenvolveron sobre os efectos do eucalipto en Galicia?
– Foron estudos directos do medio, como canta auga consume, canto coñecemento temos sobre se degrada ou non o solo ou se afecta á biodiversidade. Hoxe podemos falar de biodiversidade, mais daquela non existía o concepto e por iso falabamos de diversidade vexetal. En realidade, biodiversidade é un concepto moi complexo e que naceu a partir da década dos anos 90 e distingue tres niveis: especies, ecosistemas e biodiversidade xenética.
Tamén hai que ter en conta os estudos sociolóxicos en torno ós conflitos forestais. Estes conflitos están cargados dunha forte emotividade e en termos extremos, accións e reaccións. O mundo forestal é un contexto onde a racionalidade dos xestores forestais hai que reinterpretala a partir do marco emocional en que se moven, porque podemos pasar de niveis de normalidade a niveis paixonais, cando as persoas se pechan a calquera tipo de discusión.
A racionalidade dos xestores forestais temos que reinterpretala a partir do seu marco emocional. O caso noso co eucalipto é exemplar a nivel de paixón.
Iso é unha realidade estudada en diferentes casos relacionados con especies de crecemento rápido. O caso noso co eucalipto é exemplar, por iso falo de paixón, porque hai un substrato de investigación sociolóxica moi serio nese sentido que nos está mostrando esta cuestión.
-Hai un termo que usa vostede no libro: “domesticación de especies”. O cultivo do eucalipto en Galicia, sobre todo o glóbulus e a adopción nos últimos anos do nitens, forma parte da domesticación desta árbore?
– Domesticar unha especie é controlar o seu uso e expansión. Nese sentido, a capacidade de expansión propia ou natural do eucalipto é pequena, non ten a capacidade invasora que ten a acacia. Os estudos que realizaron en Portugal, sobre todo nas beiras das estradas e autoestradas, un espazo onde se expanden con maior liberdade, falan de ao mellor 15 ou 20 metros de expansión nun período de tempo determinado.
Quen fai un control sobre o eucalipto son as persoas, pois son as que plantan a árbore nos seus terreos. Nese sentido, falo de domesticación, dominar o espazo forestal tanto na súa produtividade como nos seus límites espaciais. A tradición agraria en Galicia foi unha domesticación do espazo.
– E como ve a evolución que está experimentando o eucaliptal galego, do glóbulus ó nitens, que está aumentando a área ‘tradicional’ de presenza do eucalipto?
– Debera haber unha certa racionalidade, no sentido de que se se deixa todo a unha iniciativa privada, ás veces esta iniciativa é un tanto cega e está rexida polo mercado. Por tanto, pódense tomar medidas como reservar espazos para especies de crecemento rápido e saber cal sería o volume aceptable de produción, de cara a non crear excesos nun mercado que debe traballar a medio e longo prazo.
Co piñeiro temos períodos duns 30 anos de proxección, se te equivocas podes ter hipotecado un espazo plantado durante todo ese tempo.
Quixera sinalar ademais que o piñeiro e o eucalipto son especies con problemas semellantes. O piñeiro ten unha “mellor prensa”, mesmo no meu libro falo dos poetas que defenderon os piñeiros e non houbo unha defensa así do eucalipto en toda Europa. Pero o piñeiro e o eucalipto consumen un volume de auga semellante, pois nos meus primeiros estudos vía que o eucaliptal consumía algo máis, pero agora hai estudos portugueses e outros máis recentes onde se reflicte que teñen o mesmo consumo de auga.
Ademais, comparten o mesmo carácter pirófilo, aínda que o piñeiro ten algo máis. Non tanto pola brea, senón pola transmisión vertical do lume. O incendio comeza pola parte baixa arredor do piñeiro, a transmisión horizontal, mais logo, ao aumentar a intensidade do lume este transmítese á copa da árbore, transmisión vertical. Isto dependerá moito da separación entre copa e superficie. O piñeiro ten menos distancia vertical e mesmo os estudos en Lourizán indican que o avance do lume nos piñeiros é algo máis alto que nos eucaliptos.
En definitiva, ambas especies teñen unhas características moi semellantes, só que unha ten unha aceptación máis sentimental que a outra.
– Falaba de racionalizar o cultivo de eucalipto en función das previsións de mercado. Desde o punto de vista ambiental, ve precisas tamén precaucións?
– O nitens resiste mellor as xeadas e por tanto ten potencial para entrar en zonas onde hai moito bosque tradicional, en alturas de 500 metros ou máis -malia que é un cambio de especie prohibido por lei en Galicia-. Nesas áreas, non entraron os glóbulus porque tiñan o límite do risco de xeadas.
O nitens ten máis vantaxe nese terreo e pode colonizar estas superficies. Para min, o problema fundamental é que non se toquen as masas de frondosas, cousa que até o momento se foi mantendo, mais co nitens pode haber este perigo debido á súa entrada en áreas aínda non explotadas polo eucalipto.
Hai que ter en conta canta masa forestal intensiva se pode instalar nun lugar sen causar problemas na subministración de auga
Outra cuestión é ver até onde poden chegar os niveis de consumo da auga, sobre todo a nivel de bacía hidrográfica. É dicir, canta masa forestal intensiva pode instalarse nun lugar sen causar problemas na subministración de auga. Sobre este tipo de elementos sabemos o camiño, mais non hai datos por non estar recollidos.
Unha cuestión clara é que os eucaliptos consumen máis auga que as frondosas no global do ano, algo crítico en determinadas áreas como o sur de España. No norte, coa media de choivas existente, o consumo de auga dos eucaliptos non compromete seriamente os abastecementos de auga.
Outra cousa que moi pouca xente sabe é que as frondosas durante primavera e verán teñen máis superficie foliar que un eucaliptal, o que fai que as frondosas consuman máis auga que as árbores de crecemento rápido, se ben no resto do ano, non sucede así.
– En canto á xestión das masas de eucalipto, un dos aspectos que recoñecen mesmo as asociacións de produtores é a necesidade de romper a continuidade territorial dos montes de eucalipto en comarcas como a Mariña lucense. Está de acordo en que sería máis aconsellable unha paisaxe mosaico, con masas de frondosas e terras agrarias intercaladas?
– Hai anos houbo un gran incendio que queimou arredor de 4.000 hectáreas na área do Eo e que percorreu os montes até chegar ao río Masma e, se non recordo mal, foi nun mes de febreiro, un mes atípico. Entón, esta posibilidade de gran incendio non é unha posibilidade utópica.
A posibilidade dun gran incendio en eucaliptais da Mariña non é utópica, entón cómpre pensar na prevención
Daquela, crear masas máis ou menos mixtas onde se coloquen frondosas caducifolias favorece a prevención, sobre todo no Cantábrico, unha zona que facilita unha maior retención de humidade nas masas de frondosas.
Hai uns anos, en Monforte houbo un incendio de case 1.000 hectáreas afectadas e todas elas de frondosas. O incendio transmitiuse en época de seca e as follas das árbores estaban secas, o que propiciou a expansión do lume. Mais en xeral, se falamos da zona do Cantábrico, unha situación de seca tan pronunciada non se dá, sobre todo nas valgadas de frondosas que baixan con dirección norte-sur. Se se favorecesen eses corredores de frondosas, teriamos unha defensa contra os lumes mediante árbores menos pirófilas, que farían de contención fronte ós lumes.
– Durante as últimas décadas, malia que xa hai anos que o eucalipto está vetado en terras agrarias e pastizais, si houbo unha plantación habitual de eucalipto neste tipo de superficies. Tamén hai frecuentes críticas dos colectivos ecoloxistas polo temor a que o eucalipto lle gañe terreo ás frondosas caducifolias, algo que en teoría tamén está prohibido por lei. Como ve o escenario?
– Hai moita fábula sobre se o eucalipto lle colle moito terreo á frondosa. O único estudio serio sobre a “transición forestal” en Galicia, o cambio de produción en terreos anteriormente destinados a outros cultivos cara a especies de crecemento rápido, fíxose no ano 1956, con fotografías aéreas por parte do Instituto do Territorio de Lugo, da Universidade de Santiago.
Con este estudo demostrouse que a maioría dos eucaliptais foron plantados en antigos piñeirais. O que se mantivo foi un “respecto” pola superficie forestal produtiva, substituíndo o piñeiro por eucalipto. Agora mesmo, incluso hai un movemento para substituír o eucaliptal por piñeiro, polo incremento de prezo da madeira de coníferas. O mercado decide cal é a máis interesante.
Outra cuestión que xa abordamos hai anos é a perda de espazo agrario a favor do forestal. Este proceso foi nun inicio alentado pola propia UE, cando crearon a política de reforestación das terras agrarias abandonadas. En Galicia, os estudos estiman que hai unhas 20.000 hectáreas de eucaliptal en terreo agrario. Desde o meu punto de vista, isto non pode ser dentro dunha política racional do solo agrario.
Estímase que hai unhas 20.000 hectáreas de eucaliptos en terreo agrario. Iso non pode ser dentro dunha política racional do solo agrario
Hai que engadir que en Galicia só o 7% da superfie reúne a condición de boa terra agraria (o total de superficie agraria ronda o 20%). Estes terreos deberan ter unha protección especial para que o uso agrario se mantivese neles, tanto se o colle o eucalipto como as frondosas. Con isto quero dicir que hai unha vocación agraria e unha vocación forestal. Por tanto, hai territorios que se poden separar en relación con isto.
– Sobre o impacto do eucalipto no solo, está empobrecendo o eucalipto as capacidades do chan en Galicia?
– Eu diría que non. As especies de crecemento rápido, piñeiro e eucalipto por exemplo, consumen loxicamente elementos nutritivos do chan en cantidade máis elevada, pero cunha boa xestión da explotación forestal, e esta é unha das materias ás veces pendente sobre o eucalipto, non debería haber problemas.
Hoxe en día hai diferentes maneiras de compensar os elementos nutritivos que poden consumir do chan as especies de crecemento rápido. Basicamente hai dúas vías, a natural, aquela que procede dos restos da corta e poda, que poden servir de elementos nutritivos do solo, e o emprego de fertilizantes.