O eucalipto xera un debate sobre o abandono do territorio

A xornada organizada pola Deputación de Lugo para reflexionar sobre a expansión da especie conclúe cun consenso claro, a necesidade dunha xestión activa tanto da superficie forestal como da agraria

O eucalipto xera un debate sobre o abandono do territorio

Xornada sobre o eucalipto organizada pola Deputación de Lugo.

A xornada sobre o eucalipto organizada pola Deputación de Lugo, na que interviron unha vintena de expertos, serviu de termómetro para constatar a polarización que se mantén en torno á especie. O debate encallou no choque entre criterios ambientais e produtivos, aínda que deixou algúns consensos claros que abren a porta a unha nova cuestión. Como xestionar o territorio rural nun contexto de despoboación progresiva e abandono?

O acto organizado pola Deputación congregou en Lugo a un numeroso público, con presenza forte de profesionais forestais, de ambientalistas e de persoal de institucións públicas. Era un bo escenario para confrontar puntos de vista sobre o eucalipto e a nota positiva da xornada hai que buscala nos consensos. Houbo coincidencia en que a prioridade de acción pasa por facer cumprir a normativa existente, que xa regula as plantacións de eucalipto. Tamén en que calquera lexislación adicional precisa dunha planificación forestal participada.

“O eucalipto non é a especie que propicia un maior equilibrio ambiental, pero ten un papel na sociedade” (Alejandro Oliveros, Ence)

Polémica
A outra cara da xornada foi a polarización entre a visión ambiental e a produtiva. O exemplo máis claro estivo no debate entre o responsable de Ordenación Forestal de Ence, Alejandro Oliveros, e un técnico da Reserva da Biosfera, Jesús Domínguez, que moderaba unha das mesas:

– Nós non lle dicimos ó propietario forestal o que ten que plantar. É unha decisión libre -interviu Oliveros desde o público, tras alusións previas sobre Ence- “A sostibilidade está ben pero hai que analizar tamén a sostibilidade desde o punto de vista económico. Que se propón para evitar o abandono? Ese é o maior problema do sector forestal. Desde un punto de vista ambiental, o eucalipto non é a especie que propicia o maior equilibrio, pero ten un papel na sociedade”.- defendeu.

– A filosofía de que o propietario pode facer na súa terra o que quere ten que rematarse. Non é aceptable na Europa do século XXI -criticou o técnico da Reserva da Biosfera-. “Se un colle a estrada Santiago-Lugo, cada día aparecen novas plantacións de eucalipto. É unha vergoña como está a paisaxe galega cos eucaliptos en determinadas comarcas”, sinalou.

– Iso é discutible -cuestionou Oliveros- e hai que pensar ademais que as terras teñen uns propietarios que as xestionan e que precisan de fondos para esa xestión.

“Hai que centrar a cuestión. Preguntémonos que imos facer co territorio rural. O que non xestione o home, xestionarao o lume” (Jacobo Feijoo, Asefoga)

Xestión do territorio rural
O foco do debate preocupa a parte das persoas que interviron na xornada. “Hai que centrar a cuestión. O que temos que preguntarnos é que imos facer co medio rural e ter claro que o que non xestione o home, vaino xestionar o lume. É o que nos ten que preocupar”, advirte Jacobo Feijoo, de Asefoga, unha organización de propietarios forestais ligada a Unións Agrarias.

A necesidade de buscar un consenso sobre a xestión do territorio é un dos retos sobre os que coincide a maioría de ponentes. “Déixame un pouco desilusionado ter percibido esa polaridade na que uns ven o monte como un xardín ou un parque natural e outros como unha superficie produtiva. Penso que para o ben común, todos temos que tomar algo da outra parte e xerar un consenso social”, valorou tras a xornada de Lugo Ramón Reimunde, presidente de Promagal, unha entidade que agrupa ás asociacións de produtores de eucalipto do norte galego.

“O beneficio económico do eucalipto é irrefutable. Agora ben, é certo que hai que ter en conta outros valores” (Ramón Reimunde, Promagal)

“O beneficio económico que xera o eucalipto é irrefutable e non ten alternativas. Agora ben, é certo que hai que ter en conta outros valores, como a promoción da biodiversidade ou a conservación dunha paisaxe mosaico, con terras agrarias intercaladas co monte que eviten un escenario de grandes lumes difíciles de controlar”, valora Reimunde.

“Desde a nosa perspectiva, os donos da terra teñen dereito a facer cultivos para madeira, igual que noutro sitio a adican a laranxeiras, a viñedo ou a olivos. O uso da terra non o poden decidir os ecoloxistas nin os funcionarios. Tampouco se pode deixar que o propietario faga o que queira” -recoñece Reimunde-. “Hai unha lei e na xornada houbo un consenso claro en que hai que facer cumprir a regulación forestal que xa existe”.

Planificación forestal global ‘versus’ decreto do eucalipto

A Lei de Montes (Lei 7/2012) é clara sobre as zonas nas que non se pode plantar eucalipto: terras agrarias e masas de frondosas caducifolias (carballeiras, soutos, etc.), con restriccións tamén claras para as zonas de Rede Natura. A Xunta deseñou agora unha regulación adicional, que prohibiría o eucalipto en 21 concellos do interior de Lugo e na provincia de Ourense. Esa regulación, que aínda non foi aprobada, é cuestionada no sector forestal.

Medio Rural declinou finalmente participar nas xornadas

Na xornada de onte en Lugo estaba prevista a intervención da delegada de Medio Rural, Olga Iglesias, e tamén a dun representante da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A participación institucional era esperada no sector forestal como unha oportunidade de debate, pero finalmente tanto a xefa territorial de Medio Rural como o representante da Confederación Hidrográfica optaron por non acudir.

O debate quedouse así coxo, sen voces que defendesen a proposta da Administración. “Houbo unanimidade en que fai falta unha planificación forestal participada e en que o decreto proposto pola Xunta non é o xeito de facer as cousas -sinala Manuel Marey, profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo (USC), que interviu onte na xornada.- “Non se pode trazar unha liña a machete no territorio para prohibir o eucalipto en parte de Galicia sen que haxa criterios que xustifiquen esa decisión”, valora.

Directrices do Plan Forestal
O acordo sobre a planificación forestal en Galicia hai que buscalo nas directrices do Plan Forestal de Galicia, elaboradas por un conxunto de 26 organizacións, incluíndo asociacións de propietarios forestais e colectivos ecoloxistas.

“Responde o decreto sobre o eucalipto ás directrices do grupo de traballo do Plan Forestal? Claramente non” (Roque Rodríguez)

O coordinador do grupo de traballo que elaborou as directrices, Roque Julio Rodríguez, analizou onte o decreto proposto pola Xunta en relación coas directrices deseñadas para o Plan Forestal.

“As directrices sinalan que sería bo facer unha regulación adicional á existente en base a criterios produtivos, de estación, paisaxísticos, de biodiversidade e de ordenación do territorio. Propúñase tamén que esa regulación definise especies índice para cada zona, prohibicións específicas e fomento doutras especies con medidas de acompañamento” -resume Roque Rodríguez.- “Responde o decreto proposto a esta directriz?”, pregúntase.

“Claramente non” -conclúe Rodríguez-, “non existe un plan de ordenación de recursos forestais por comarcas nin medidas de acompañamento que fomenten unha xestión forestal activa. Un denominador común das directrices do Plan Forestal é a petición dunha política forestal que combata o abandono e que non sexa un compendio de prohibicións e restriccións”, remarcou.

A Xunta está a elaborar na actualidade o Plan Forestal de Galicia en base ás directrices definidas polo grupo de traballo. Espérase a presentación do texto para o mes de xuño.

Eucalipto en terras agrarias
Antes de fixar novas prohibicións sobre o eucalipto, houbo consenso na xornada sobre a necesidade de facer cumprir as actuais limitacións. “Temos máis de 30.000 hectáreas agrarias forestadas de xeito ilegal con eucalipto. A que esperamos para tomar medidas, a que sexan 100.000?”, pregúntase Jacobo Feijoo, de Asefoga, que pide un plan de acción para eliminar estas plantacións e para que as terras que ocupan se poñan a producir cultivos agrarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información