O estudo do Ministerio sitúa os custos de produción de leite en 0,35 euros o litro

Os gandeiros lácteos perderon de media 1.350 euros ao mes durante o período 2018-2020, segundo as estimacións realizadas por COAG e Sindicato Labrego a partir dos datos do informe elaborado polo Ministerio

GANDERIA ZAPATEIRO SC (Sobrado) nave producion

O Pleno do Observatorio da Cadea Alimentaria, organismo dependente do Ministerio de Agricultura, ten previsto aprobar este venres o estudo da cadea de valor do leite líquido. O traballo, elaborado de forma conxunta por todos os axentes do sector co Ministerio a partir das achegas dos distintos elos da cadea, establece uns custos medios de produción do leite en España de 0,35€/litro, cando entre 2018 e 2020 os prezos medios percibidos polos gandeiros situáronse en 0,32€/litro.

Tendo en conta eses datos, a Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) calcula que os gandeiros lácteos perderon de media 1.350 euros ao mes durante o período 2018-2020 e, como consecuencia, 2.270 explotacións víronse obrigadas a botar o peche por falta de rendibilidade. “A este ritmo, nunha década quedaremos sen pequenas e medianas explotacións lácteas en España”, lamenta COAG, que considera con todo unha boa noticia para o sector lácteo a publicación do estudo de custos aprobado.

O Sindicato Labrego, que mantén un acordo de colaboración con COAG a nivel estatal, estima que só no último ano as granxas galegas perderon 9,7 millóns de euros.

O estudo fixa o custo de produción do litro de leite en 35 céntimos e o prezo medio de venda percibido polos gandeiros en 32 céntimos

“Por primeira vez, todos os axentes que participamos no proceso de produción, transformación e distribución do leite chegamos a un consenso para ter un estudo de referencia oficial en torno ao proceso de formación de ingresos e custos. É un paso adiante importante para conseguir unha maior transparencia entre o campo e a mesa e camiñar xuntos cara á sustentabilidade económica da actividade gandeira”, subliñou Andoni García, responsable de Cadea Alimentaria de COAG.

Peche de 750 ganderías cada ano

Os datos do estudo oficial “avalan as reiteradas denuncias realizadas por COAG nos últimos tres anos”, destacan desde a organización agraria. Segundo os cálculos elaborados polo Departamento de Gandería de COAG, unha explotación media tivo que soportar unhas perdas mensuais entre 1.231 e 1.464 euros durante o citado período.

No últimos tres anos 2.270 explotacións víronse obrigadas a botar o peche por falta de rendibilidade. A este ritmo, nunha década quedaremos sen pequenas e medianas explotacións lácteas en España

“Hoxe quedan 11.900 gandeiros. A este ritmo, en apenas 10 anos quedaremos sen pequenas e medianas explotacións. Resulta como mínimo inquietante un escenario no que dependésemos do exterior para almorzar cada mañá. É vital unha gran reflexión por parte dos responsables políticos para orquestrar un plan de choque urxente que axude ao mantemento das pequenas e medianas explotacións lácteas, estratéxicas para garantir a seguridade alimentaria e o desenvolvemento económico e social de grandes áreas rurais, na maioría dos casos en risco de despoboamento”, argumentou García.

Piden que a AICA inspeccione de oficio todos os contratos

COAG pide á Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) que inicie unha inspección de oficio de todos os contratos en vigor entre industrias e gandeiros. A Lei de Cadea Alimentaria obriga á firma de contratos con prezos por encima de custos e é necesario ter en conta a espiral alcista das materias primas básicas para a alimentación animal (+26% no último ano).

Os pensos encarecéronse un 26% no último ano

“A dignidade dos gandeiros e gandeiras pasa pola rendibilidade da súa actividade; non por campañas de márketing de industrias e cadeas de distribución con gandeiros riseiros en prados bucólicos e verdes. Pedimos responsabilidade, respecto e o cumprimento da Lei”, apostilou o responsable de Mercados Agrarios de COAG.

Fonte COAG

Fonte: Elaborado polo departamenteo de gandería de COAG a partir de datos oficiais do Ministerio

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información