O estudo de custos de produción das granxas de leite dilúese na indefinición

O informe final encargado polo Ministerio de Agricultura deixa no aire o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e non aclara se o prezo en orixe debe subir, ao limitarse a indicar que hai explotacións que gañan diñeiro e outras que perden cartos

Buscan altas dixestibilidades no silo de millo e proteína no de herba

A alimentación do gando supón máis da metade dos custos de produción das granxas

Os gandeiros lácteos levan reclamando desde fai tempo un estudo oficial independente que aclare cales son os seus custos de produción e as súas marxes reais e axude a fixar un prezo mínimo en orixe cumprindo co estipulado na Lei da Cadea Alimentaria, que trala súa última modificación impide a compra a perdas de produtos do campo.

Pero o informe final que obra en mans do Ministerio de Agricultura ofrece pouca luz ao respecto e xa foi cualificado de decepcionante polos representantes dos produtores, tendo en conta que o último borrador coñecido plasmaba unha diferenza negativa dun céntimo en litro e, por tanto, para nivelar a balanza o prezo do leite pagado ao produtor debería incrementarse nesa cantidade.

A marxe neta das ganderías estaría entre 2,4 céntimos positivos e 5,3 negativos, segundo o informe ministerial, que debuxa dous escenarios en función dos prezos cobrados nas explotacións e os seus gastos

Pero a versión final do estudo prefire non mollarse e incorpora dous escenarios, cunha media de valores mínimos e outra de valores máximos, segundo os cales a marxe neta das ganderías estaría entre 2,4 céntimos positivos e 5,3 negativos. A mesma dicotomía fixa no caso da industria, que se movería entre 1,2 céntimos de ganancia e 1 de perdas; e na distribución, onde as marxes na venda do litro de leite oscilarían de 3 céntimos por enriba a 3,8 por baixo do prezo de compra á industria e os gastos de comercialización.

“No conxunto global obsérvase a existencia de marxes moi reducidas en todos os elos da cadea”, conclúe o Ministerio no documento final de estudo de custos do sector lácteo que está previsto que sexa presentado nos próximos días ás distintas partes integrantes do Observatorio da Cadea Alimentaria.

Sen “variacións excesivas” na última década

O Estudo da Cadea de Valor do Leite Líquido Envasado de Longa Duración foi realizado entre xuño e decembro de 2020, aínda que, aclara o Ministerio, “non representa unha foto fixa e exacta da situación sectorial nun momento concreto; pola contra, o estudo busca unha visión máis ampla e contempla un período de tempo máis prolongado”, ao incluir na análise o período 2018-2019-2020.

O estudo contempla a análise do período 2018, 2019 e 2020 aínda que os seus resultados son similares aos obtidos en 2009 e 2013

O departamento que dirixe Luís Planas vai máis atrás e asegura que a situación en canto a ingresos e gastos das granxas, industria e supermercados non sufriu “variacións excesivas” con respecto a análises similares realizadas con anterioridade, concretamente nos anos 2009 e 2013.

O documento toma como base o prezo de venda final do brick de leite convencional (enteiro, semidesnatado e desnatado), sen ter en conta produtos de máis valor, como leites enriquecidos, ecolóxicos, de pastoreo, etc. Non distingue tampouco, á hora de analizar a agregación de prezos, marca branca e marca de fabricante aínda que conclúe que, “para interpretar con precisión a cadea de valor do leite líquido e poder debater ou reflexionar sobre o grao de equilibrio e simetría da devandita cadea, sería bastante útil coñecer a incidencia dun e outro formato na configuración da mesma”.

Prezos en orixe

Presentación de PowerPoint

En canto aos prezos en orixe, “no período 2018/2019/2020 os prezos medios ponderados pagados ao gandeiro en España polo leite cru non variaron significativamente”, conclúe o Ministerio, que fixa o prezo medio anual en 32,2 céntimos por litro en 2018, 32,8 céntimos en 2019 e 33,2 en 2020.

Entre os ingresos das granxas non se teñen en conta as axudas da PAC, cuxo importe medio se sitúa nos 20.705 euros por explotación

O prezo medio ponderado de venda de leite en orixe do últimos tres anos (32,4 céntimos) é o resultante tomar os datos promedio das 46 explotacións de toda España analizadas no estudo. No tamaño da mostra, o 65% das ganderías procedía das comunidades da cornixa cantábrica máis Castela e León e o 35% restante de Cataluña, o levante e o centro e sur de España. Do mesmo xeito, un 45% das ganderías analizadas serían explotacións pequenas, o 35% medianas e un 20% grandes explotacións.

Na parte de ingresos das granxas engádense aos relativos á venda de leite outros vinculados coa venda de tenreiros ou vacas de desvelle con destino a matadoiro, aínda que non as axudas da PAC. O propio documento aclara que o 93% das explotacións lácteas españolas recibe axudas ou subvencións públicas, por un importe total de 229 millóns de euros no 2019. O importe medio de axuda é de 20.705€ por explotación.

Industria

Presentación de PowerPoint

No caso da rama de transformación, o Ministerio observa “relativa concentración da fabricación de leite líquido para consumo nunhas poucas industrias”. Así, as 5 principais empresas envasadoras (Lactalis, Capsa, Iparlat, Pascual e Covap) suman en conxunto o 75% do leite líquido consumido en España.

Lactalis, Capsa, Iparlat, Pascual e Covap envasan tres de cada catro litros de leite consumidos en España

Obsérvanse tamén significativas diferenzas entre os prezos de cesión do brick de leite por parte dos distintos fabricantes ás cadeas de distribución, que oscilan entre 50,3 e 59,7 céntimos por litro, fixando o estudo a media dos tres últimos anos en 54,4 céntimos.

Distribución

Presentación de PowerPoint

Os españois compran o leite fundamentalmente en supermercados e autoservizos (54% da cota de venda), seguido das tendas desconto (19%) e os hipermercados (18,2%). As tendas tradicionais só representan o 1,2% da cota de mercado fronte ás cadeas de distribución, que acaparan en 92%.

As cadeas de distribución acaparan o 92% da cota de mercado, mentres só o 1,2% do leite consumido é vendido en tendas tradicionais

A marca branca gana xa á marca de fabricante nos lineais dos supermercados. De feito, o 56,3% do leite consumido o ano pasado en España correspondíase con algunha das marcas de distribución, fronte ao 43,7% restante que sumaron as distintas marcas das industrias.

2.277 gandeiros menos en tres anos

Ademais de incluír un estudo sobre o proceso de agregación de custos e ingresos no proceso de configuración de prezos ao longo da cadea de valor do leite líquido envasado, o documento realiza unha análise da evolución do sector no últimos tres anos en apectos como número de explotacións, entregas, calidades ou prezos.

O volume total de entregas e a calidade do leite en orixe aumentou nas últimas tres campañas

Entre 2018 e 2020 o número de gandeiros con entregas de leite reduciuse en España de 14.439 a 12.162, mentres que a produción total incrementouse desde os 7,12 millóns de toneladas aos 7,41. A calidade do produto en orixe mellorou tamén, desde porcentaxes de 3,54% de graxa e 3,19% de proteína a 3,62% e 3,22% en 2020.

Déficit de produción

Presentación de PowerPoint

O leite producido en España non é suficiente para abastecer o mercado interno e no último ano foron importadas case 3 millóns de toneladas até alcalzar un consumo total de leite e derivados de 10,36 millóns de toneladas, é dicir, o 28,5% do leite consumido en España procede de importacións.

O déficit de produción con respecto ao consumo obriga a importar o 28% do leite e derivados lácteos consumidos en España

Esta descompensación entre produción e demanda fai que a maior parte do leite recollido en explotacións españolas se destine a leite líquido para consumo directo (42%), mentres que no conxunto da UE esta porcentaxe é moi inferior (13%), destinándose un 40% a produción de queixo e un 21% a manteiga, produtos de maior valor engadido.

A granel

Oito comunidades (por esta orde: Galicia, Castela e León, Cataluña, Andalucía, Asturias, Cantabria, Castela A Mancha e Navarra) producen o 90% do leite español.

A porcentaxe de leite destinado a produción de queixos e manteiga noutros países da UE duplica a de España

Un total de 4.430 toneladas de leite e nata a granel entraron o ano pasado a Galicia procedentes do exterior. As exportacións alcalzaron as 46.710 toneladas, un terzo delas a granel, segundo os datos da Axencia Tributaria.

Aumento de consumo en 2020

Presentación de PowerPoint

O estudo constata o incremento de consumo de leite no último ano en España, coincidindo coa pandemia sanitaria polo coronavirus. O consumo total pasou de 2,67 millóns de toneladas en 2019 a 2,76 millóns en 2020. O tipo de leite máis consumido segue sendo o semidesnatado, seguido do enteiro.

Máis da metade do leite vendido en España é de marca branca

En canto ao formato escollido, segue gañando terreo o brick (90,5%) fronte á botella de plástico, que representa unha cota de venda do 9,5%. O prezo final do litro de leite en botella (79 céntimos por litro) é 10 céntimos superior ao litro de leite comercializado en brick (69 céntimos).

As organizacións agrarias denuncian “inxerencias” para reventar o estudo da cadea de valor do leite

As organizacións agrarias ASAJA, COAG e UPA pediron ao Ministerio de Agricultura unha reunión urxente para mostrar o seu rexeitamento aos últimos cambios introducidos no estudo da cadea de valor do leite. Na súa opinión, estes cambios deixan “baleiro de contido” o estudo e convérteno nun documento “carente de rigor”.

Tras estas modificacións está, ao seu xuízo, unha “man negra” que non quere que se recoñeza que no sector lácteo hai certos elos que levan varios anos nunha estratexia de “acoso e derrubo” cara aos gandeiros que producen leite de vaca en España, algo máis de 12.000 explotacións.

ASAJA, COAG e UPA cren que industrias e distribución presionaron ao Ministerio de Agricultura para manipular o estudo da cadea láctea e baleiralo de contido

Estaba previsto que o estudo se presentase na próxima reunión do Observatorio da Cadea Alimentaria, convocada para o 8 de xuño, pero estas organizacións pediron unha reunión urxente para tratar de salvar un documento que cualifican de “moi necesario” pero que redactado nos termos actuais é para eles “inasumible”.

Lavar a imaxe de industria e distribución

Os gandeiros aseguran que o estudo da cadea láctea debe ser un documento que reflicta a situación real do sector e achegue transparencia, e non un texto que “lave a imaxe e a conciencia” de determinados axentes na cadea con comportamentos “irresponsables”.

ASAJA, COAG e UPA consideran que o Ministerio de Agricultura non debe permitir que se utilice un documento oficial para “branquear a imaxe de certos elos” e se culpabilice dos problemas do sector lácteo “aos que menos culpa teñen: os gandeiros”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información