O estrés hídrico empeza a afectar á viña en Galicia

Publicidade
Videira con síntomas de estrés hídrico. Foto: Estación de Areeiro

Videira con síntomas de estrés hídrico. Foto: Estación de Areeiro

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, emitiu este xoves o seu boletín fitosanitario semanal. Esta é a súa avaliación do estado dos viñedos na provincia.

Estado fenolóxico:

A situación anticiclónica que estamos a ter contribuíu a que xa practicamente en todas as viñas da nosa zona as uvas estean no estado de pintado máis ou menos adiantado. Ao acadarse este estado, os parasitos dos que vimos falando maioritariamente reducen a súa incidencia e aumenta a de outros que, ante condicións favorables, aínda poden comprometer de xeito máis ou menos acusado a potencial colleita, e por iso aínda hai que seguir a revisar as viñas.

Por outra banda, e aínda que sabemos que é pronto, esta semana recollemos os primeiros grans de albariño para comprobar o grao alcohólico que presentan na actualidade. A recollida destas uvas non foi totalmente ao azar senón que se seleccionaron de entre os acios máis brillantes de cada predio. A maior parte dos resultados obtidos situouse entre 5,5 e 6,66°, sendo os valores extremos 4,89 e 6,66, ambos correspondentes a viñas da comarca do Salnés.

Mildio:

Con todo o referido, a nosa recomendación en xeral é que non é preciso tratar pero si continuar coas rozas da vexetación adventicia e a retirada dos gromos novos excesivamente longos que poidan dificultar en calquera medida a ventilación da viña. Nas viñas que sufriron certo ataque de mildio, tamén se pode aproveitar para ir eliminando dos acios os grans que estean secos pola enfermidade ou por calquera outra causa.

Unicamente podería ser conveniente a realización dun tratamento, si é que non teñen xa limitada a data pola súa respectiva adega, en viñas pouco vigorosas, novas e/ou máis atrasadas con manchas de aceite aparecendo e onde os ventos moderados-fortes da semana anterior non permitiran realizar a última intervención prevista.

Oidio:

Esta semana volvemos atopar síntomas novos nas plantas testemuña, en especial nas follas das plantas más sombreadas e/ou pouco ventiladas. Tamén apareceron, pero de xeito máis puntual polo estado fenolóxico, nalgún acio que xa estaba afectado. Nas plantas tratadas non observamos síntomas, e non se espera que os haxa xa na maior parte das viñas. Sen embargo, podería aínda haber algún dano nas uvas de variedades sensibles dos predios/das zonas onde aínda non estea estendido o pintado, polo que nesas situacións haberá que valorar a conveniencia dun tratamento si é que non finalizou xa o prazo para poder aplicalo.

Botrite:

É certo que hai algún gran esporádico con roturas fisiolóxicas ou por rozas, e que tamén hai algunha uva con perforacións de eirugas ou parcialmente rota polos paxaros ou outras causas, pero polo menos á vista das nosas revisións, son moi puntuais e insuficientes para xustificar un tratamento (salvo no caso de variedades sensibles e con historial de dannos) considerando as condicións meteorolóxicas actuais. Ademais, hai produtos naturais con boa eficacia e sen prazo de seguridade ou con este moi curto que aínda se poderán seguir empregando, polo que aínda existen opcións para actuar se a climatoloxía cambia e se incrementa o número de feridas nos grans.

Outras incidencias:

Aparte da aparición máis evidente de plantas afectadas por patóxenos de madeira, que coa climatoloxía que temos desde hai días é máis frecuente, esta semana destacamos os síntomas por estrés hídrico dalgunhas plantas e tamén os cada vez máis abundantes danos por paxaros que están a afectar aos acios en fase de maduración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información