O Estaleiro de Ciprián, espazo de lembranza da carpintería de ribeira

Visitamos o Estaleiro de Ciprián para falar con Ignacio Fernández, técnico de turismo do Concello de Outes, e Juan José Romero, carpinteiro de tradición familiar, para coñecer a historia deste espazo museístico e da carpintería de ribeira.

Publicidade

Visitamos o Estaleiro de Ciprián para falar con Ignacio Fernández, técnico de turismo do Concello de Outes, e Juan José Romero, carpinteiro de tradición familiar, para coñecer a historia deste espazo museístico e da carpintería de ribeira.

Cal é a historia deste estaleiro?
Ignacio Fernández: Este estaleiro foi feito no 1942 pola familia do señor Ciprián, que era da familia Domingos de Andrés. O señor Ciprián xa era a terceira xeración de carpinteiros de ribeira e tamén foi o último que acabou traballando aquí. Traballou desde o ano 1942 ata o ano 1970, con distintas intensidades en función dos encargos que tivera, e a partir do ano 1975 só traballaba facendo reparacións de barcos de madeira, pero xa non na construcción de barcos ou botes, pois xa non había a penas demanda.

Como foi o proceso de rehabilitación?
I.F.: Este asteleiro desde esa época abandonouse, entrando nun estado de ruina, e no 2015, nun temporal, perdeu un pedazo da parte traseira do teito. Foi aí cando o Concello de Outes falou coa familia do señor Ciprián xa que el morrera, e decidiu compralo para rehabilitalo. Foi elexido dun xeito coherente, pola zona na que estamos, entre a ensenada de Broña e Cerzón, onde chegou a haber 9 estaleiros, e polo tanto, estamos falando dun entorno onde o sector industrial da carpintería de ribeira foi moi importante.

Neste pequeno espazo podemos falar dos Estaleiros de Ríos, do Patelo, do Cacharulo, de Becerra, do Canario, de Amado, de Nimo… Foi unha especie de epicentro da carpintería de ribeira e de estaleiros de toda Galicia, sendo un espazo económico moi importante para o Concello de Outes. Era un espazo de relevancia a nivel económico e paisaxístico, do que agora só quedan vestixios do que existiu. Ainda podemos ver pequenos muros, rampas… Se seguimos polo sendeiro podemos ver pequenas casetas que se utilizaban para gardar ferramentas e elementos de pesca que empregaban. Trátase dun entorno moi especial.

portadaEstaleiroCiprian

No 2017 o Concello merca o estaleiro e elabora o proxecto de rehabilitación, e no ano 2019-20 solicitaron as axudas precisas para poder asumir esta obra, e xa en agosto do 2021 iniciouse o desmonte peza por peza do vello estaleiro. A partir dese desmonte, foron decidindo cales eran as madeiras que estaba en bo estado para poder recuperalas e facer a rehabilitación moi respetuosa co estaleiro orixinal. Un claro exemplo disto é a recuperación das cerchas, que son as suxeicións do teito do estaleiro, son as orixinais, do ano 42, que se se conservaron ben e seguen facendo o mesmo servizo que facían naquela época. A a nivel de soporte estructural é todo eucalipto.

O cambio máis significativo é o sistema de zapatas de colocación das columnas, porque antigamente ían ancladas ao chan, pero iso implicaba asumir moita máis humidade e que a podremia fora moito maior. Agora, ao elevalas e quitalas do chan cun engarce, en distintas direccionalidades, para evitar o efecto vela que podería ter este tipo de estruturas, evitamos ese efecto acelerado de podremia.

A parte interior, que representa os espazos de traballo coa zona do taller, serradoiro e oficinas, estaba e está totalmente ocupada por madeira de piñeiro do país, algunha orixinal e outra nova. A envolvente de abaixo é con con madeira tratada e recuperada do vello estaleiro.

Xa levou dous premios desde que foi inaugurado no ano 2023, un pola utilización do piñeiro do país e outro pola rehabilitación dun espazo etnolóxico-cultural galego.

estaleiroCiprian3

O interior do museo amosa unha antiga serra a motor e as ferramentas da carpintería de ribeira. Como as recuperastes?
Juan José Romero: Tivemos a sorte de traballar nesta obra e un día preguntaron se alguén sabía da ferramenta, e comenteilles que eu tiña a ferramenta orixinal, chegando a un trato para cedelas ao museo. É a que está exposta aquí agora. Eran as ferramentas do meu bisavó, as que usaba para a construcción de barcos neste estaleiro. Conserveinas gardadas, tíñaas coidadas pero tiveron que darlle unha limpeza antes de expoñelas, e están mellor aquí que na casa nun baúl, onde non as vería ninguén.

O meu bisavó e a miña familia veñen da tradición da carpintería de ribeira, tiñan o taller de Garibaia. O meu pai traballou de pequeno neste taller pero despois dedicouse máis á carpintería de blanco, nas obras das casas.

Carballo e piñeiro, madeiras locais para diferentes usos

Que madeiras se empregaban para a construción de barcos?
I.F.: Para os barcos eran principalmente piñeiro e carballo. O carballo para a estrutura e partes fortes do barco, a quilla, a roda, o codastre e as cadernas, que son como as costelas do barco. Despois o piñeiro era para as partes menos duras, que soportaban menos presión, como os lances, os bordos… Podemos falar de sustentabilidade e economía circular, porque ían ao monte a seleccionar exclusivamente as árbores que precisaban para o barco encargado.

Xa buscaban as formas e curvas nas árbores máis axeitadas para o barco que se quería construir. Había especialistas que ían ao monte a seleccionar as árbores, eran os fragueiros. O piñeiro só precisaba lavado e secado, pero o carballo precisaba certa curación na auga, para quitarlle toda a savia. Quedaba na zona intermareal, de subida e baixada de marea, para estar cada 8 horas dentro e fora da auga, así era o proceso de curación. Aquí ainda quedan troncos de carballo na zona intermareal que levan aí desde os anos 70, cando se ían facer os últimos barcos… Son madeiras que levan aí uns 70 anos e están en perfecto estado, como petrificadas, non pudriron, o que indica que son madeiras moi preparadas para aguantar a auga salgada. Iso indica que os barcos precisan auga para manterse mellor.

Hai que pensar que todo o facían eles mesmos, aquí non viña ningún arquitecto ou enxeñeiro a facer o proxecto do asteleiro ou do barco, eran eles mesmos os que facían o deseño e a forma, a fasquía. É fermoso ver como xente sen estudos facían obras tan complexas e perfectas. Ainda hai barcos do ano 1916 navegando pola nosa ría, e ese é o valor desta xente, o seu bo facer.


Tipos de embarcacións

Que tipo de embarcacións foron construidas neste estaleiro?
I.F.: Ao longo do tempo, nas distintas documentacións, atopamos gran cantidade e variedade de embarcacións. Estamos falando de balandros, de goletas, de bucetas, de botes, de paquebotes, de motonaves, de motoveleiros, de sancosmeiros sobre todo, que é o barco típico da nosa ría, que ten unhas características moi especiais, e quen o fixo parece que estaba pensando específicamente nas características que ten a nosa ría.

Os sancosmeiros son barcos de carga, cunha quilla moi pequena para navegar con augas pouco profundas, pero moi barrigudos, moi anchos, con ao mellor 8 metros de eslora e 3,75 metros de manga… Iso quere dicir que son barcos moi anchos cunha gran capacidade para cargar mercancías, xente e animais.

Podemos falar da barquiña de Outes á barquiña de Noia, atravesando ese punto da desembocadura do río Tambre, para ir aos mercados de Noia. Era un barco moi demandado no seu momento, eran a vela latina, a remos, ou incluso a motores Ayón (feitos en Noia) e distintas motorizacións.

A diversidade de embarcacións foi grande. Falamos de botes pequenos de 4 ou 5 metros e tamén de motoveleiros e motonaves de ata 40 metros. Eran barcos moi potentes que se fixeron por toda esta zona.


A carpintería de ribeira en Outes

Como era o proceso de construcción dun barco, de inicio a fin?
J.J.R.: Facían pequenos botes e barcos máis grandes, de todo un pouco. Había moita xente relacionada co mundo da carpintería de ribeira. A xente que ía á madeira, a xente que a traía, a xente que a serraba. Escollían e cortaban a madeira en función do barco. Eran especialistas.

A serra portuguesa, para a corta en monte, vén de Portugal, que eran os que serraban. O mestre ou carpinteiro iría ao monte a seleccionar, pero non era o que a cortaba. Na liña do barco e na maneira de flotar, normalmente sabías que taller o fixera.

Tamén estaba a xente que calafateaban os barcos, só se dedicaban a iso, eran especialistas, calafates, non carpinteiros de ribeira.

Os carpinteiros de ribeira sabían calafatear pero non o facían porque xa había xente que se dedicaba só a iso. Cafalateábase todos os cortes de cabeza, no codastre de popa, para que non entrara auga, e facíase con estopa, cáñamo. As pezas de calafatear, cada unha ten a súa curva, son mazos especiais para o calafate, para metelo a presión. Antes ábrese cun ferro de calafaterar, e vaise metendo estopa, ten a súa ciencia como todo.

Depende do tamaño do barco, pero o tempo de construcción podía ir de 3 meses a un ano. Un bote non leva nada, pero os barcos grandes sí. Non é só polo volume de traballo, senón porque é máis complicado mover as pezas.

Normalmente era todo manual. Neste estaleiro había unha serra que era movida por un motor de barco. Pero normalmente era todo a man. Tronzador, serra de aire, cepillo, insola de pé, que é típica de carpintería de ribeira e serve pra desbastar. Porque a serra de man úsase máis en terra, en mobiliario e así.

Eu vin ao meu pai traballar coa insola de pé. Apóiase un codo na rodilla e ao mellor tiñan que quitar un milímetro en todo o largo, hai que darlle moitos anos para coller esa práctica, moita maña.

Os cartabóns era para darlle caída aos bordes. Hai molduras, cepillos de volta para os sitios curvos, os garlopíns que son para desgastar na cuberta, como non había lixadoras daquela usabamos isto.

Os sarxentos con sombreiro de cura, como lle chamaban, tamén son típicos de carpintería de ribeira… Normalmente os que hai hoxe en día son diferentes. Estes tiñan un pico, porque como non traballaban direito porque o barco está en volta, para que non resbale, tiña un pico pra clavalo na madeira, e ao mesmo tempo tiña moita rosca, para levar a táboa ao sitio, hai que ir banceando o barco… Non é como os de carpintería de blanco.

Moitos carpinteiros que eran de ribeira pasáronse a carpintería de blanco porque empezou a fibra e xa non era rendible, porque a madeira ten moito máis traballo e máis mantemento, pero non deixa de ser un barco mellor, non se poden comparar.

Cal é a historia da carpintería de ribeira na Serra de Outes?
I.F.: Aquí consta a construcción de barcos desde o ano 1850, pero sabemos que xa se facían antes. A cuestión é que os novos barcos anotábanse nas distintas capitanías marítimas, a de Noia e a de Muros, entón parecía que Outes non existía neses momentos, pero o certo é que moitos dos barcos que se facían en Outes aparecen rexistrados nos Concellos de Noia ou de Muros.

Ao porto do Freixo (Outes), antigamente chamábanlle o porto de Noia. Porque o porto de Noia non deixa de ser un porto de mareas que está seco a metade do tempo, entón todas as embarcacións que chegaban aquí para ir á vila de Noia atracaban no Freixo.

Hai como un esquecemento da importancia da carpintería de ribeira nesta zona nas datas anteriores ao 1850, cando empeza a aparecer documentación rexistrada en Outes.

En Noia había como 3 ou 4 estaleiros e aquí chegou a haber no momento de máximo explendor 47. Non todos tiñan este tipo de estructura. Temos unha ruta que lle chamamos a ruta dos carpinteiros cos pés mollados precisamente porque eses espazos de construcción de barcos eran nas propias praias, e sempre estaban pendentes das mareas.

A evolución da carpintería de ribeira é paralela aos serradoiros que existiron aquí en Outes, e chegaron a existir ata 20. Agora creo que quedan uns tres. É unha evolución e decadencia moi paralela, pois os serradoiros son os que surtían da madeira cortada ás carpinterías…

A decadencia da construcción de barcos de madeira xa viña desde os anos 50 porque xa non había demanda, pero aguantou un pouquiño máis. Os últimos carpinteiros de ribeira son os do asteleiro Pepito Farei na zona da Barquiña, que traballou case ata os anos 80, porque ainda tiña armadores de Porto do Son que lle seguían encargando barcos.

Os últimos constructores de barcos de madeira desta zona dos que temos constancia son Hermanos Abeijón, que agora só fan reparación de barcos. No ano 2013 ainda fixeron tres auxiliares de batea, que son barcos dun porte aproximado de 20 metros de eslora. A partir de aí xa non hai constancia de construcción de barcos nesta zona.

estaleiroCiprian2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información