“O espello da Galicia Rural”: ¿O novo Gaiás do rural galego?

“O espello da Galicia Rural”: ¿O novo Gaiás do rural galego?

O conselleiro de Medio Rural, José González, durante a presentación do proxecto para o pazo de Quián

Comunicado dos investigadores do CIAM:

“Os investigadores do Centro de Investigacións Agraria de Mabegondo (CIAM), dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), manifestan a preocupación polas noticias aparecidas nos medios e no DOG Núm. 235 (11/12/2019) acerca das intencións da Consellería do Medio Rural de recrear un espazo virtual do rural galego no Pazo de Quián (Sergude – Boqueixón) ao que se pretende destinar una cantidade de 10 millóns de euros, mentres as necesidades dos centros públicos de investigación agraria da consellería están desatendidas. Esta cantidade permitiría a contratación de 12 investigadores especializados durante toda a súa vida laboral.

O acontecido nestes centros na última década acada actualmente níveis impensábeis non hai moitos anos atrás: insuficiente dotación de fondos económicos, incapacidade na xestión dos recursos conseguidos en convocatorias públicas de investigación, impagos a proveedores de bens e servicios, ausencia de investimentos, sen cobertura de postos vacantes, sen oportunidade para o persoal especializado que se formou nos centros e con equipas diminuídas que dificultan a captación e a execución de proxectos.

Os centros públicos da consellaría desenvolven unha actuación investigadora non subordinada aos intereses privados, cos cales, porén, cooperan activamente en numerosas iniciativas innovadoras para o medio rural, actuando en áreas que a iniciativa privada non aborda. A súa destrución, por tanto, será a cambio de nada e a costa de toda a cidadanía.

Unha mostra desta senrazón é a pretensión de trasladar ao escaparate programado en Sergude o Banco de Xermoplasma de conservación de especies autóctonas do CIAM, obviando as infraestructuras e os medios humanos e técnicos existentes neste centro. Isto pon en serio risco a conservación do mesmo, impedindo calquera actuación de mellora, posta en valor e utilización deste material xenético autóctono para enfrontar os novos desafíos dos cultivos á pragas e enfermidades, así como á procura de resistencia aos cambios ambientais que conleva o cambio climático. Por outra banda se imposibilita o cumprimento dos diversos compromisos subscritos pola propia administración galega en materia de conservación e utilización de Recursos Fitoxenéticos autóctonos nos ámbitos autonómico, estatal e internacional.

Queremos, en definitiva, facer público con este escrito o que consideramos un novo exemplo do proceso de minado e destrución gratuíta das estruturas de investigación agraria galega perpetrado por aqueles xestores do público que teñen, precisamente, a obriga da súa conservación e fomento”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información